Transcripción: Zeltia Regueiro
Son un deportivista de quinta xeración, como me gusta dicir, e a miña tradición do amor polo branquiazul venme xa da época dos meus bisavós. Para mín ir a Riazor sempre foi unha festa, independentemente do rival que tivera o Dépor enfronte. Houbo burlas o ano pasado de equipos de por aí, pero foi unha ledicia recibir o Arenteiro, por exemplo. Foi a mesma honra que recibir a xente do United, do Bayern, do Milan, do Madrid ou do Barça. Non sei como senten outros sitios, sei como sentimos aquí.
O meus bisavós eran do Dépor e lémbrome de que unha das derradeiras cousas que me dixo o meu bisavó foi “a ver o Deportivo este ano”. Ía con 90 anos o fútbol e era un gran deportivista. E o outro, que non o coñecín, xogou no Deportivo de central. Os meus avós, os meus pais, as mulleres da miña familia, todos son deportivistas. É que o Deportivo é moitas cousas, todo o que vivimos cando marchou Arsenio, a homenaxe cando estaba vivo e ese enterro... Ese é o deportivismo. Arsenio é o Deportivo e o Deportivo é Arsenio. Penso que o sentín máis que as derrotas, sentes coma se fose un familiar, como un avó. Eu era un deses nenos descamisados, era un deses nenos e iso é o Deportivo. Vin adestrar a Arsenio, meu pai contoume sobre Acuña, sobre Cheché Martín...
O Dépor tamén e iso, recitar de memoria a Orquestra Canaro e os seus cinco dianteiros. O meu primeiro recordo do Dépor é sendo ben pequeno, era socio de Especial Niños e ía co meu pai, que xogaba nos modestos de Sigrás, e que estaba en Preferencia Superior. El fíxose socio no ano 74, leva xa 50 anos e vánlle dar a insignia. Na grada de Especial Niños tiñas un carné rosado e íante quitando como tíckets por cada partido. Lembro que ían incluídos os partidos do Fabril. No meu caso levo de socio máis de 50 anos e quiteime durante uns anos nos que estiven en Santiago. En total levo 34 anos seguidos e o meu primeiro carné foi por 500 pesetas o ano.
Lembro ese ano que descendemos a Segunda B. Era moi pequeno, tiña sobre dez anos pero a tristura máis grande foi o día do Rayo Vallecano. Eu tería 15 anos, puidemos subir nos anos posteriores, pero lembro esa tristeza. Ese non ascenso marcoume a mín e a toda unha xeración.
Teño 58 anos e recordo ese novo Riazor cheo. Había unha parte de grada que era herba e estaba ateigada. Gárdolle moito cariño a ese Deportivo. Son maior pero teño os meus ídolos coma Bebeto, Valerón, Fran, agora Lucas ou Pancho García. O meu pai presentoumo e fiquei tan cortado que non fun quen de dicirlle nada. Para mín era unha das miñas estrelas do fútbol, tíñalle cariño como a Maradona, pero Pancho García era o meu ídolo, como Ballesta, Traba, Castro...
Hai lembranzas felices. O día do ascenso a Primeira ante o Murcia. Eu pensaba que non habería nada mais e fun abrazar o meu pai, que estaba en preferencia inferior. A liga tamén foi unha alegría inmensa, a tolemia máis grande. Coma as copas, os ascensos, como o do 2012 e este ascenso, moi vivido pola xente nova.
Como no caso da miña filla máis vella, que ten 18 anos, leva 10 anos indo comigo o fútbol e viu descensos, porque sabemos chorar por ligas gañadas e perdidas. Deste último ascenso está esa comuñón que houbo co equipo, coa xente que había dentro e fora do campo. Riazor deu moitas alegrías e espero que nos dé moitas máis. Disfrutei cada unha delas. Fico tamén coa ilusión desa rapazada. É moi bonito ver a tanta xente nova en Riazor, que sempre houbo, eh? Pero é que eu vin gañar unha Liga, copas e esta xente agárrase a que é do Dépor e mais nada, que xa é moito.
Eu, aínda que son un central zurdo moi malo, soño moitas veces con que xogo no Deportivo. Merquei unha réplica da primeira camisola que me regalou meu pai, cando eu tiña sete anos. Era de raias pequenas, co escudo bordado. Téñolle cariño.
A historia do Dépor da para moitos documentais. Estiven a piques de facer dous. Un sobre a final da Champions en Gelsenkirchen e outro sobre o 110 aniversario. Non só sobre a historia do club, tería que haber varios diferentes. E cando foi este ascenso chamáronme para facer un documentais destes anos en Primeira Federación. O final foi un camiño que facemos, diferente, pero tamén fermoso.