"O penalti de Djukic tiña que tiralo eu", Juanillo Esteban, a voz de Xabarín
lll
17º-23º

"O penalti de Djukic tiña que tiralo eu", Juanillo Esteban, a voz de Xabarín

Entrevista co actor, cantante e monologuista coruñés Juanillo Esteban, coñecido por poñerlle voz ao Xabarín
"O penalti de Djukic tiña que tiralo eu", Juanillo Esteban, a voz de Xabarín
O actor coruñés Juanillo Esteban | Cedida

Usuario

Juan José Esteban Gómez (A Coruña, 1968) é Juanillo. Deuse a coñecer polo seu papel na comedia gore de culto A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos (1993), dirixida polo tamén coruñés e xa falecido Toñito Blanco, un dos creadores do Xabarín Club. Esteban é precisamente o actor que pon a voz ao porco bravo máis famoso da televisión galega: “Hai alguén aí?” ou “E ti, xa es do clube? Afiliate!” son dúas das súas frases máis repetidas. Guionista, cantante, contacontos ou monologuista, a relación co deporte do polifacético artista redúcese aos seus anos de banqueta nos parrtidos nun descampado do Ventorrillo, a historia dun futbolista frustrado.   

 

Que deporte practicaba na súa infancia?
Lembro perfectamente a primeira vez que xoguei ao fútbol. Tería uns dez anos. Os rapaces do barrio xogaban nun descampado do Ventorrillo. E digo xogaban porque eu nunca saltaba ao campo. O capitán de cada equipo ía escollendo por turnos. Eu era moi pequeno de estatura e sempre quedaba de último, era o impar que sobraba, así que tódolos días ía directamente para a banqueta.

 

Nunca tivo unha oportunidade?
Si, un día estaba eu mirando como xogaban os demais cando apareceu a nai de Josito e agarrouno por unha orella mentres berraba: “Xa che dixen que estás castigado! Pasa para casa a facer os deberes!”. Tiven que saltar ao terreo de xogo e cando me chegou por primeira vez o balón dixen: “Esta é a miña!”. Botei a correr como un foguete, driblando e deixando atrás a todos cantos se me cruzaban. Eu escoitaba: “Juanillo! Juanillo!”. E pensaba: “Están coreando o meu nome! Que sensación! Isto debe ser o que sente Pelé no Maracaná!”. Corrín aínda con máis forza ata que cheguei á portería. E alí estaba o porteiro co rostro desencaixado, os brazos en alto e as pernas abertas. Preparei o balón e metinlle tal furonazo que entrou na portería con porteiro incluido. Eu corría polo campo gritando “Gooooool!”. Entón viñeron os meus compañeiros e en vez de darme unha aperta berraron: “Juanillo, esa é a nosa portería!”.

 

Unha estrea memorable.
Botáronme do equipo e dixéronme que non podía xogar nunca máis. Pero como tiña moita afección seguín adestrando eu só as agachadas, no descampado do barrio os días de temporal e cando non había ninguén.

 

Segue algún deporte por televisión?
Non coñezo unha sensación máis reconfortante que estar tirado un domingo no sofá tapado cunha mantiña mentres vexo o Tour de Francia na tele. Cando escoito cousas como: “Agora os escapados afrontan unha pendente do 29 por cento!”. Abro un pouquiño os ollos e digo: “Que ben que non estou aí!”.
 

Que recordos garda do Superdépor?
Foi a mellor época do Deportivo. A máis emocionante. Se de pequeno non me tivesen botado do equipo do barrio eu seguramente chegaría a ser un fenómeno do fútbol e sería titular no Superdépor. Moitas veces pensei con tristura mentres adestraba en solitario baixo a chuvia: “O penalti de Djukic tiña que telo tirado eu!”.

 

Como valora a fidelidade da afección branquiazul.
É de primeira categoría, sabe gozar e tamén chorar. Un sentimento de irmandade e ilusión colectiva. Por iso estou pensando en contribuir co meu talento a darlle novas alegrías a toda esa xente que ben o merece. Anuncio oficialmente o meu retorno ao mundo do futbol e ofrézome como dianteiro centro do novo Superdépor. Sei que teño 56 anos. Pero tamén hai que recoñecer que nunca tiven unha lesión e xamais deixei de adestrar. Estou en forma, sinto as cores e prometo cinco goles por partido. Únicamente teñen que dicirme cal é a miña porteria.

 

Que lle parecen as cifras astronómicas que move o negocio do fútbol?
Pois estou pensando en que fago se me ficha o Dépor... Mercarei reloxos de ouro para cada man? Un ‘Lambo’? Implántome melena? Ou pola contra dono todo á beneficencia e marcho a vivir a unha choza no Portiño a cantarlles cancións aos peixes? Creo que esas dúbidas afectarían ao meu rendemento no campo. Tanto negocio fai que se perda o romanticismo.

 

Onde ve ao Deportivo na próxima tempada? 
Se me dan fichado a tempo, en Primeira División, por suposto. Ao ano seguinte, o seu sería gañar outra vez a Liga. E ao terceiro ano, xa estando de capitán, o normal sería acadar a Copa de Europa nunha final na que se enfrontaría o novo Superdépor contra cinco equipos do continente ao mesmo tempo.

 

Que deporte cre que lle gustaría practicar a Xabarín?
Como non o tiña claro acabo de falar con el para preguntarlle e díxome textualmente: “Se me chaman para xogar coa selección galega, váleme un deporte calquera”.

 

Juanillo esteban xabarin
Juanillo Esteban e Xabarín | Youtube

"O penalti de Djukic tiña que tiralo eu", Juanillo Esteban, a voz de Xabarín

Te puede interesar