Sés: "A homosexualidade no deporte é un tema que hai que poñer xa na palestra”
lll
17º-23º

Sés: "A homosexualidade no deporte é un tema que hai que poñer xa na palestra”

"Defendo mil por cen o 'mens sana in corpore sana': deporte diario e biblioteca son as dúas pastillas nas que creo"
Sés: "A homosexualidade no deporte é un tema que hai que poñer xa na palestra”
Sés | Cedida

Usuario

De pequena, María Xosé Silvar, Sés (A Coruña, 1982),  xogaba ao fútbol no patio do colexio aínda que se puidese voltar atrás no tempo, elixiría o balonmán. “Gústanme os deportes explosivos”, sinala. Explosivos como ela. Cantautora e música con oito discos no mercado. Mestra de Filoloxía Galega. Licenciada en Antropoloxía Social. Apaixoada dos documentais de deportes. Admiradora de Nadia Comaneci. E xogadora frustrada de balonmán. É unha figura poliédrica nos escenarios e na vida. Nesta páxina reflexiona sobre a súa relación co deporte, unha industria que ten analoxías coa súa e que marcou o feito de crecer nunha cidade que vivía a paixón do Superdépor.

 

Que deporte practicaba de pequena?
De pequena xogaba ao futbito na escola. Xoguei moi pouco tempo porque na miña época non estaba moi ben visto que as nenas xogaran e tampouco tiven moito apoio. Entón sempre centreime máis no baile e na música tradicional. O baile non é un deporte en se mesmo pero como era unha actividade aeróbica, para a miña familia xa contaba como deporte.

 

Hai un alto abandono do deporte das nenas na adolescencia.
Pola falta de apoio, as presións, que non teñen que ser directas, pero si a desidia para calquera actividade dese tipo que a nena practique, a non ser que sexa para perder peso, que entón si que a animan. Igual os nenos soen abandoar as actividades artísticas na adolescencia, porque é cando se empezan a sentir máis fortes as presións relacionadas con roles de xénero. A nós séguennos dirixindo cara a esas actividades que supoñen sensibilidade e as características asociadas á feminidade ortodoxa e a eles ao revés, alónxaselles de esas disciplinas e achégaselles cara o deporte, máis asociado coa masculinidade e no que a masculinidade é a protagonista.

 

Non cre que mellorou esta situación dende a súa infancia?
Non o creo… Lixeiramente, moi pouco. É certo que hai melloras pero considerar esas melloras como un síntoma de igualdade é un insulto intelectual. Vese nos soldos, na cobertura mediática… e vese con que calquera cousa eclipsa a consecución dun título mundial. Somos satélites en todo e no deporte tamén.

 

Os músicos introducen as protestas sociais nas súas cancións. Deberían posicionarse máis os futbolistas? Cando o fan son moi criticados.
A nós tamén se nos castiga, e moitísimo. E tamén nos din ‘adícate a cantar que é o que tes que facer’. As opinións políticas foron facéndose menos habituais e cada vez hai menos resistencia a elas. De ahí a cultura da cancelación, a criminalización do posicionamento en todos os ámbitos, sobre todo nos que hai unha transcendencia pública: na música, no cine e no deporte. Sobre todo si os posicionamientos son de esquerdas, defendendo os dereitos dos traballadores, das mulleres, evidenciando a desigualdade social. Porque non lles interesa aos poderes de facto. ‘Clavo que sobresale, pide martillo’. Eu  sufroo. Estiven catro ou cinco anos sen poder alugar un espacio en Ourense para tocar.

 

Hai medo entón? Por non falar da homosexualidade...
Ese tema hai que poñelo na palestra xa, pero xa. Se hai un sitio inundado de testosterona no peor sentido da palabra é no deporte masculino. Hai un documental súper interesante de fútbol americano, onde é vergoñento o índice de suicidos de homes homosexuais que non aguantan a presión e que teñen que impostar para non ser descubertos pola vergoña e o rexeitamento que conlevaría. Cantos grandes ídolos do deporte en xeral foron abertamente homosexuais? Non os houbo? Non os hai? Nunca o saberemos. O machismo é un sistema do patriarcado que non é nocivo solo para as mulleres, tamén o é para os homes. . A tendencia sexual da muller non leva a pérda da súa identidade. Do home homosexual sí que se di que é menos home. Isto tamén é porque neste sistema nós somos obxectos e eles suxeitos. Nós con que esteamos e nos deixemos facer, xa está… pero eles sempre teñen que ser ‘fuckers’. Isto é unha presión tremenda. É incrible que no século XXI siga pasando. Teñen medo. Porque efectivamente as represalias existen. A discográfica a Ricky Martin tamén lle dixo no seu momento que non se podía desvelar a súa homosexualidade porque o groso das súas fans eran mulleres. E se Cristiano Ronaldo dixera que é homosexual, non se venderían tantas camisetas.

 

Cantos anos de cánticos de Guti, Guti, Guti...
Exacto. Utilizo esa palabra non porque a utilice eu. E a que utilizarían outros. España está moi atrasada. Chamámonos Europa porque legalmente estamos en Europa, pero estamos máis preto socialmente de Latinoamérica que de Dinamarca. Pero hai machismo en todos os países do mundo. 

 

Cal é a súa relación co fútbol? Viviría de nena o Superdépor.
Había verdadeira paixón, ata eu fun a Catro Camiños. Non era solo gañar a Liga, era a historia de David contra Goliat. Os Diplomáticos cantábanlle a Arsenio. Arsenio, un mito. Foi unha fazaña gañar vindo do pobo, vindo de abaixo, cun adestrador co que todo o mundo tiña unha ligazón emocional pola súa carisma e esa idiosincrasia tan galega… aquilo tiña todos os ingredientes para que calqueira se identificase con iso e o sentise como unha victoria propia. Ademáis aquel Deportivo non era unha empresa, unha multinacional como son agora os grandes equipos. A mín gústame ver deporte en xeral e fútbol, as cousas como son. Tamén as Olimpiadas. Pero non son unha hooligan de ningún equipo, nin no fútbol nin noutros deportes. Aínda que estou rodeada deles.

 

Cales son os deportes que máis segue nos Xogos Olímpicos?
Moitos. Os deportes que máis me gustan ver son a ximnasia e o atletismo. Pero para xogar, para practicar, sempre me chamaron máis a atención os de equipo e teríame gostado xogar a balonmán. Gústanme as cousas explosivas: boxeo, squash, corrín moito tempo, ía nadar...

 

Hai que estar en forma para cantar?
Para cantar o deporte é fundamental, sobre todo a certas idades para a capacidade pulmonar e a resistencia. Cantar tamén é unha actividade física. E no meu caso, que son asmática, convírtese en imprescindible. Cando non o fago a diario, que agora levo unha tempada así, notoo moitísimo. Tamén é fundamental para a mente. Na actualidade temos moita tendencia a ansiedade e ao estrés, a este tipo de males do século XXI que non son ningunha broma. Eu creo que non hai nada mellor para iso que facer deporte. Creo mil por cen no mens sana in corpore sano. O deporte e a biblioteca son básicas para o benestar dunha persona. Se eu fora ministra de Educación serían as miñas dúas pastillas.

 

Admira a algún deportista?
Teño unha paixón, encántame ver documentais de deportes. Véxolle moitas analoxías coa música. Quedaríame con Nadia Comaneci. Por ese exercicio que vin mil veces. Por ser un deporte de disciplina férrea, dos que me parecen máis difíciles, no que compites contra ti mesma e a unha idade moi temprana. Por todo o que significou e por facer historia. Foi a primeira nunhas condicións durísimas. Diría ela por xustiza histórica. 

 

Comaneci iba no barco dos mitos que portaron a facho olímpico en París xunto a Rafa Nadal, Carl Lewis y Serena Wiliams.
Serena é incrible tamén. Lembro que lle preguntaron polo seu físico, se lle gustaría ter un corpo máis esbelto, máis delgado. E ela contestou: por que ía querer iso? O seu corpo era unha máquina que lle permitía facer as cousas que facía.

 

É o mesmo que dixo Paula Leitón, campeona olímpica de waterpolo, a quen criticou o seu físico.
Si, pero eu reflexiono se iso é verdade. Porque moitas de nós respostamos directamente mentiras para que as nenas o lean. Porque non vas dicir que efectivamente tes loitas co teu corpo pensando nesa nena, para dicirlle a esa nena que esté orgullosa de quen é, das súas consecucións e os seus talentos e tamén do seu corpo aínda que sexa diverso, heterodoxo. Pero en realidade a mín gustaríame saber se no seu interior nunca tivo un sufrimento. No meu ámbito é exactamente o mesmo. Eu recibín moitísimas críticas, insultos, comentarios negativos, polo meu físico. En serio eu dou a sensación de ser unha persoa que vende o seu físico? Pásanos ás mulleres fagamos o que fagamos. 
 

Sés: "A homosexualidade no deporte é un tema que hai que poñer xa na palestra”

Te puede interesar