(Transcripción por Armando Palleiro)
No meu caso en casa non tiven un referente que me inculcara a paixón polo fútbol, somos desa xeración que xogábamos a este deporte nas rúas e que tíñamos sempre o chandal roto polos xeonllos e neses momentos apareceu o deportiviño na miña vida.
Lembro que aos primeiros partidos que puiden ir foron os do ano anterior ao ascenso a inicios dos anos noventa. Despois deste grande momento xa pasei a ter o meu propio carné de socio, aínda que houbo algúns anos que tiven que deixalo porque non había carto para elo.
Veño de recibir a insignia de prata o ano pasado cando cumprín os 25 anos ininterrumpidos de abonado.
Fíxomo unha ilusión enorme que fose Javi, o empregado de taquillas, quen me impuxese a distinción porque creo que é un referente do deportivismo.
Salvando o primeiro día do descenso de Primeira a Segunda na tempada 11-12, que foi moi doloroso e estiven de loito, sempre gustoume poñer as camisetas que teño do equipo. Non me paro moito a contalas pero creo que debo andar polo medio centenar de camisolas. Leveinas a vodas e festas de fin de ano tamén.
Adoito intercambialas durante toda a semana, teño moito agarimo por case todas, son moi especiais na miña vida e por iso as levo con orgullo.
Gardo moitos momentos gravados na mente vencellados ao Deportivo ao longo da miña vida pero quizáis vaian atropelados todos eles polos risos e grandes instantes compartidos nas previas dos encontros.
A cotío, tanto en Riazor como fóra da casa disfrutei de horas de deportivismo que non teñen prezo; por fortuna teño a sorte de poder acudir con frecuencia ao noso templo do fútbol, que é Riazor. Cada quince días podo falar con xente de todos lados de Galiza e de fóra da comunidade. É un privilexio poder compartir uns chanqueiros con toda a afección que formamos parte da familia branquiazul.
Tamén lembro con agarimo os anos que estiven na directiva da Federación de Peñas do clube botando unha man en todo o que me foi posible; permitiume ampliar máis se cabe o número de persoas marabillosas que forman parte da masa social do Deportivo, coas que conservo unha grande relación anos despois na súa inmensa maioría.
Máis que amizades innumerables, creo que o deportivismo somos unha familia; podo citar que teño ‘familia’ de moitos puntos da xeografía galega e española como Sanxenxo, Salamanca, Madrid, Barcelona, Granada, Londres, Verín, Mazaricos, Betanzos, Mugardos, etc., pero sobre todo emocióname o concepto de familia que xurdiu en torno ao Dépor. Nos momentos bos hai obviamente 50.000 persoas que están ao teu carón pero nos malos como a marcha do irmán sevillano Manolo, de Unai, de Carlos ‘Faluyo’, de Montse... neses intres aparece o concepto da verdadeira familia, da que escollemos, a que leva o sangue branquiazul.
Na actualidade pertenzo a oito agrupacións deportivistas: Mazaricos, Brigantium, Caña Derbas, Rías Baixas, Faluya, Miróbriga, RCD London e Chamberí Branquiazul. A familia nunca me estresa e polo tanto síntome moi a gusto con todas elas. En xeral hai moi bo ambiente e moita afinidade entre as diferentes peñas e persoas.
Os proxectos para a presente tempada sempre son sinxelos porque estou rodeado de boa xente, que simplifica todo, a idea é facer algunha viaxe pero dependemos da conciliación laboral e tamén da familiar.
Este ano teño que subliñar que a peña Mazaricos cumpre 25 anos de vida e seguro que preparamos algo especial para esa data, é un honor estar á frente dunha agrupación qeu encabeza o grande Beiro.
No plano deportivo debemos tomar as cousas con tranquilidade porque vemos un equipo que competiu ben en case todos os partidos. Ningún rival foi quen de pasarnos por riba e debemos saber que temos que sufrir para acadar a permanencia. Se pensamos que a nosa meta é outra que non sexa ser os quintos pola cola estaremos caendo no mesmo erro que nos levou a Primeira RFEF.