Antón Lezcano: "Non hai vacina. Estás infectado do Dépor e morres sendo do Dépor”
lll
17º-23º

Antón Lezcano: "Non hai vacina. Estás infectado do Dépor e morres sendo do Dépor”

O seareiro e deseñador gráfico, que traballou neste xornal, repasa as súas lembranzas vitais, ligadas dende neno o clube blanquiazul e presume de estar presente na súa historia
Antón Lezcano: "Non hai vacina. Estás infectado  do Dépor e morres sendo do Dépor”
Lezcano, en diferentes intres da historia do Dépor. Fotos: Cedidas

Usuario

Transcripción: Zeltia Regueiro

 

Toda a miña vida é arredor do Dépor e no Dépor fixen de todo. Fun un pioneiro nos Riazor Blues, de feito a marca estivo orixinariamente rexistrada o meu nome. Teño moita amizade con Fran, regaloume a camiseta ca que marcou o cuarto gol o Milan, presentei unha entrega de insignias de 25 anos de socios do Dépor... E no DXT fun a segunda persoa contratada. Fun correspondente en París, seguindo o Dépor contra o PSG nas semifinais da Recopa do 95. Son de Ferrol, pero eu falo ‘koruño’.

 

Estrea no ano 83


Lémbrome moi ben da miña primeira vez en Riazor. Foi no ano 83, estreeime cun 0-2 a favor do Palencia, sí, sí, con P, non Valencia, era en Segunda. A miña primeira vez no fútbol foi no ano 76, nun Racing de Ferrol-Ourense. O meu pai mandoume cunha señora moi friki, cun puro e que levaba cores do Ourense. Como chegou a febre polo Dépor? Pouco despois viñemos vivir a A Coruña, eu vivía preto de Riazor e pensei, ‘pois teño que ir por vez primeira’. Estudaba no Fogar de Santa Margarida e debutei co Dépor perdendo. E claro, fun só. Na miña casa o meu pai, coma xornalista que era, sempre chegaba moi tarde. Miña nai e o fútbol? Como se lle pos por diante calquera cousa. Ir a Riazor molaba moito.

 

Entrada de balde


Os nenos facíamos unha fila o carón dunha porta e chegaba un fulano, agarrábate da man, entrabas con él e non pagabas. Eu ía sempre só o fútbol, na tempada 82-83 fun ver o partido contra o Rayo Vallecano e foi terrible. Estaba todo feito, só había que empatar para subir e perdemos 1-2. Ese día, coma sempre, collérame un señor na cola, eu logo non vin o partido con él, liscaba para outro lado pero nunca esquecerei o que me dixo: “Vaste lembrar toda a vida disto” Vaia se foi así! Riazor estaba ateigado, as torres de iluminación ata arriba de xente, parecía que ían caer e o final perdemos. 

 

Lezcano fotos
Diferemtes intres de Antón Lezcano animando o Dépor

 

A partir desa tempada xa fun un máis. Entraba en Riazor, pero non pagaba. Era habitual entre os mozos da miña idade. Estiven sen pagar en Riazor moitísimos anos máis. Cando chegou Lendoiro lémbrome como moitos dos primeiros Blues entrábamos a (grada) de Xeral cun dos pases que daba él a diferentes empresas. A mín tocábame o de Autoescola Fama e nunca tiven relación con eles. Cando ascendimos co gol de Stoja acabáronse os pases e dende entón fíxenme socio do Dépor.

 

Ledicia e tristura


E neste tempo houbo de todo, momentos ledos e outros non tanto. Marcoume, para mal, o día do Oporto, nas semifinais de Champions. Doeu moito tamén o non ascenso contra o Tenerife, o penalti de Djukic ou o día do derbi entre Depor y Celta, co roubo de Díaz Vega e Alvelo no 87. Eu xa ía a Xeral e levei o meu irmán Arturo, que tiña seis anos. Houbo cargas, botes de fume, Arturo tiña alerxia e eu pensaba ‘Qué fixen levando a este rapaz aquí?’ Ou o partido de ida do Dépor contra o Milan, esa mañá entereime de que morrera a miña avóa. 


O mellor? Creo que como a Liga non hai nada. O Centenariazo foi a hostia porque foi coma foi, pero xa viñamos da Copa contra a Valencia. Estiven tres días fora de casa cando gañamos a Liga. Cheguei o domingo como as seis da tarde, con alucinacións, non me daba para máis. A primeira vez que pisei Catro Camiños foi as oito da mañá do domingo. Éramos seis tolos, metidos na fonte, non había nin Dios.. O Dépor e unha especie de enfermidade, moi contaxiosa. Como un virus. 

 

Podo contarche historias de durmir en caixeiros, sen pasta, con frío e encima perdendo.


Caseime hai 19 anos e o meu coche nupcial foi o 600 do Dépor, entón máis mítico cas formigoneiras. Na miña casa todo se organiza segundo o almanaque do Dépor. Para mín o legado máis grande que deixou Lendoiro foi que fixo co ‘bicho’ continuara xeracións posteriores. Os meus nenos non son nin do Barça, nin do Madrid, son exclusivamente do Dépor. Todos soupemos transmitir ese legado. Máis aló dos títulos está esa convivencia. Seguimos sendo os mesmos 40 anos despois, pero arestora cos nosos fillos e fillas. 


Temos viaxado por medio mundo vendo o Dépor. Pregúntame polo número de carné, eu fáloche de quilómetros: Avilés, Sestao, Salamanca... Podo contarche historias de durmir en caixeiros, sen pasta, con frío e encima perdendo. Fumos quen de transmitir iso os nenos e nenas e é a hostia. Non hai club que o faga, nin perdendo unha Liga tras un penalti, non hai vacina para o Dépor. Estás infectado do Dépor e morres sendo do Dépor. 

Antón Lezcano: "Non hai vacina. Estás infectado do Dépor e morres sendo do Dépor”

Te puede interesar