“A miña vida é o fútbol sala, non a entendo sen el. Comecei con 9 anos e retireime con 45, pero nunca deixei de pertencer a ese mundo”, recoñece Bea Seijas, internacional con España e unha referencia tamén a nivel galego do fútbol sala feminino. Cando dixo adeus non se sorprendeu do abandono que sofre o deportista por parte das administracións e no caso do seu deporte xa o percibiu o longo de toda a sua traxectoria.
“Notei ese abandono durante toda a carreira, o fútbol sala feminino por desgraza moitas veces nin se sigue, nin se sabe que existe. As administracións nin se decataron cando me retirei, nin saberán quen son, tampouco agardaba por nada. No noso caso ficamos esquecidas e non agardas por nada, porque non hai nada”, afirma.
Colgou as botas pero dende esta tempada asumiu as rendas do primeiro equipo do Ourense On Time FSF da Primeira Iberdrola, a primeira división feminina. “Cando me retirei o seguinte ano integreime no ‘staff’, botando unha man no que me pedisen, aprendendo e sabendo que a miña ilusión era ser adestradora. No aspecto deportivo non mudou moito a miña vida, seguía ligada a esa rutina diaria de ir os adestramentos, de pertencer a un grupo... Pero non ten nada que ver coas sensacións de ser xogadora, o que sintes cando estás dentro do 40x20, no vestiario coas compañeiras. Iso é algo único e é difícil ir asimilando que xa non estás dese lado e que non o vivirás máis”, relata Bea. Pese a iso ten claro que aínda que agora é adestradora ela terá sempre “alma de xogadora”. Bea, como a meirande parte das xogadoras de fútbol sala, tivo que compatibilizar o deporte con outra actividade profesional, no seu caso, o deseño gráfico.
“Hai poucas xogadoras que poidan dedicar o deporte como actividade profesional, case todas ‘amateur’. Non da o suficiente para vivir e as que teñen contratos profesionais fano a duras penas. Teñen que ter outra actividade laboral, aínda que non a leven a cabo durante un tempo, pero teñen que formarse. A maioría traballan e xogan. No meu caso cando deixei o deporte non tiven que buscarme a vida, porque xa era deseñadora gráfica”, lembra Seijas. Di que compatibilizar ambos traballos non foi doado. “Xa o era no momento e agora segue sendo complicado. O fútbol sala quítache moito tempo, para mín é tempo ben empregado, porque é a miña paixón, pero tes que vivir, traballar, ter uns ingresos... O fútbol sala axuda, pero o tempo que invertes non é equivalente o que que recibes”, lamenta.
Bea considera que ten sorte. “Podo traballar en dúas cousas que apaixonanme” pero subliña que, para facer ambas, “tes que organizarte ben, renunciar a cousas, a tempo de ocio, a ver os amigos... Pero como me gusta moito non é un sacrificio para mín”. Unha realidade desa dualidade que “pásalle a ampla maioría das xogadoras”, polo que desexa que “nun futuro non tan afastado as xogadoras poidan ser profesionais e dedicar o cen por cen o fútbol sala”.
Pensa que na actualidade estánse a dar pasos adiante, pero advirte de que non é bo correr, pois os clubs e incluso moitas xogadoras necesitan prepararse para ese salto o profesionalismo e sentar unhas boas bases para poder mantelo no tempo e consolidalo dentro do fútbol sala feminino.
“A primeira vista pode dicir que danse pasos para adiante e hai xogadoras con contratos profesionais, pero eu teño as miñas dúbidas, porque dar pasos apurados pode ser un error e máis prexudicial. As xogadoras hoxe en día poden non estar preparadas para ser profesionais, pero non é culpa delas, e que levamos 40 anos xogando a isto sin ser profesionais. Ninguén lles explica o que iso implica e a xente non pode cambiar de mentalidade. Significa ser xogadora de fútbol sala ás 24 horas do día. Moitas non queren iso, queren investir ‘ata aquí’, non queren renunciar a determinadas cousas, o que é totalmente lícito. Non podes pagarlles un contrato profesional e cambiar o chip, precisa un proceso e penso que estamos niso. E doutra banda están os clubs, cuxas estruturas moitas veces tampouco están preparadas para ese paso. Soen ter unha persoa ‘tola polo deporte, un patrocinador que aposta por ese equipo, hai moitas cousas collidas con pinzas e máis gastos que ingresos. Penso que estamos mellor ca antes, pero temos que ir pouco a pouco sentando unhas bases sólidas para ir medrando cara a esa profesionalización”.
Vida vencellada ó 40x20 |
Bea Seijas Couce (Ferrol, 1974) comezou a xogar fútbol sala no Sal Lence onde gañou acadou tres ligas e dúas copas. En 1998 trasladouse a cidade de Ourense para xogar primeiro no CD Ourense, co que se alzou con Liga e Copa no primeiro ano.
Posteriormente, competiu no Ponte Ourense, co que conquistou a liga en 2011 e a Copa en 2017. Formou parte da selección española de fútbol sala, coa que disputou 40 encontros. O seu derradeiro encontro foi o 15 de xuño de 2019, no partido de semifinais de copa entre o Ourense Envialia e o Burela e retirouse ós 45 anos de idade. Despois de adestrar tres anos o filial do Ourense Ontime FSF de Segunda División este curso dirixe o primeiro equipo, que compite na 1ª feminina. Ademais desde este verán foi nombrada seleccionadora galega Absoluta feminina. |