O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou o XI Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte que ten lugar esta semana na Coruña. Na súa intervención, o mandatario galego destacou a importancia do deporte como un eido de “prosperidade, complementariedade e economía”. Lete Lasa fixo fincapé nos beneficios do deporte na sociedade como os recollidos pola saúde e a calidade de vida, a educación e tamén para a economía.
A importancia do deporte contrástase con fitos como o Tratado de Lisboa que converteu en 2009 ao deporte nun ámbito de competencia da Unión Europea, mentres que en España o deporte representou en 2020 o 1% do emprego total e o número de empresas vinculadas ao deporte no Directorio Central de Empresas (DIRCE) supón o 1,2% do total de empresas recollidas no DIRCE.
Hoxe, dixo, Galicia, “traballa para ser a primeira comunidade autónoma, e un dos poucos territorios da Unión, en contar cunha conta satélite do deporte”. Un obxectivo que, da man do Instituto Galego de Estatística, pode ser unha realidade na presente lexislatura.
A partir de entón, o coñecemento e a toma de decisións ao redor do sistema deportivo en Galicia poderán valerse da enorme utilidade que proporciona a información testada e os datos procedentes dos distintos e variados parámetros económicos do deporte, ofrecendo unha medición completa da relevancia económica deste en Galicia.
O XI Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte versa nesta edición sobre ‘Deporte e regulación: novos escenarios e desafíos’. Lete Lasa apuntou que o desafío do deporte galego é “despexar as incertezas ás que, como individuos e sociedade, enfrontámonos nun mundo xa dixital onde a esperanza de vida alcanza os 83 anos. Un sistema que debe atender a este marco e contexto desde o que xestionar o seu crecemento e modernización, cando hoxe ademais, máis que nunca, toda cuestión local é e adquire ámbito global”.