O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañou na última xornada do curso ‘A figura do promotor de exercicio e saúde en concellos galegos’ a unha vintena de técnicos deportivos locais que se están formando nesta actividade levada a cabo pola Fundación Deporte Galego.
Alí, enxalzou a figura do promotor “por ser os nosos socios máis importantes na prescrición de actividade física en todos os rangos de idade da nosa poboación” e o enlace directo cos cidadáns “para acadar esa sociedade activa e saudable que tanto desexamos”.
Dentro dos contidos que se están a impartir na Escola Galega de Administración Pública, o mandatario destacou, por unha banda, a “a prescrición do exercicio para maiores”. Por outra banda, tamén incidiu na importancia da coordinación entre departamentos en prol da saúde.
Neste sentido recordou a sinatura dun convenio entre Educación, Sanidade e Deporte en 2020 co obxectivo de impulsar unha alianza estratéxica para loitar contra a obesidade infantil e promover estilos de vida activa nos escolares galegos. As 31.800 valoracións do DAFIS están ao alcance dos pediatras, os profesores e os responsables deportivos.