No minuto 84 do partido do pasado domingo no Carral entre o Sofán e a Sarriana, o equipo carballés estaba por baixo no marcador (2-3) coa sensación de desperdiciar unha gran oportunidade de sumar contra un claro favorito ao ascenso. Pero iso cambiou no minuto 85.
Brais Cancela Viña (Verdillo, 1998) controlou na área un balón chovido debido a un despexe nun córner e noutros dous toques sacouse da manga un golazo espectacular. Cun rival presionándolle e a portería ás súas costas, Brais orientou o balón á súa perna destra e conectou un disparo con rosca desde case o vértice da área que se coou pola escuadra da portería da Sarriana.
“Cando fago o control cara ao lado vexo algo de oco e saíume o instinto de tirar. Nesas situacións son décimas de segundo e non che dá tempo a pensar moito”, recoñece o propio Brais Cancela ao falar do seu primeiro gol en Preferente: “É moi importante para min sobre todo cos problemas de lesións que levo arrastrando ata o de agora”.
Video de Luis González
Brais Cancela, que fichou esta tempada polo Sofán procedente do San Lorenzo, só disputou cinco partidos e ningún deles como titular. Por ese motivo, recibiu “moitas felicitacións de todo o equipo”. “É un moi bo grupo e alegráronse moito por min despois dunha primeira volta sen case poder xogar nada”, comentou Brais, que necesitou 88 minutos de xogo para anotar o seu primeiro gol en Preferente.
Respecto ao partido, o dianteiro móstrase autocrítico a pesar de lograr un punto contra o primeiro clasificado e un dos principais favoritos a competir a próxima tempada en Terceira.
“Ao conseguir o empate nos minutos finais sempre tes ese subidón pero tamén é certo que se nos escapa o partido na segunda parte tras facer unha boa remontada. Non se pode dicir que se estea satisfeito co resultado”, apunta o atacante, que ten claro cales foron as claves polas que o seu equipo conseguiu un empate: “O importante é saber cales son os puntos fortes do equipo e do rival e despois a intensidade coa que se xogou foi determinante”.
Doutra banda, Brais lamenta non manter a vantaxe no marcador cando o Sofán púxose 2-1 no minuto 45. “Penso que o empate tan rápido na segunda parte condicionounos moito. Se aguantásemos un pouco máis non se escapaba o partido”.
Por último, o ex do Paiosaco e o San Lorenzo fala dos obxectivos do Sofán, que ocupa actualmente o duodécimo posto en Preferente, e tamén do seu desexo de aumentar a súa conta goleadora.
“Esperamos poder ascender algunha posición e mirar para o máis arriba posible. A nivel persoal espero que veñan moitos goles máis”, conclúe o dianteiro do Sofán.