O Diario Oficial de Galicia publicou onte a resolución de entidades beneficiarias da segunda convocatoria deste ano para a concesión de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivo. Trátase de 714 entidades deportivas –18 federacións e 696 clubes ou seccións deportivas– que percibirán , que percibirán case 4M€. Estas entidades súmanse ás 97 xa beneficiarias da primeira convocatoria destas axudas por un importe de 700.000 euros. Polo tanto, entre ambas ordes, o próximo ano un total de 811 federacións, clubes e sociedades deportivas percibirán máis de 4,6 millóns de euros.
Canto ás 18 federacións que resultaron beneficiarias nesta segunda convocatoria inclúense as de kickboxing, baloncesto, deporte adaptado, hóckey, motociclismo, tiro con arco, billar, actividades subacuáticas, rugby, montañismo, xadrez, esquí náutico, bolos, espeleoloxía, motonáutica, pelota, tenis de mesa e columbicultura.
264 da Coruña
No que se refire aos 769 clubs e sociedades deportivas beneficiarios –73 na primeira convocatoria e 696 na segunda– 264 son da provincia da Coruña, 104 da de Lugo, 63 da de Ourense e 338 da de Pontevedra.
Con todo, os máis de 4,6 millóns de euros investidos para a adquisición de equipamentos deportivos en 2023 acadan o máximo histórico anual dirixido a este obxecto e representan o 44,61% do total do investimento da Xunta de Galicia no período 2019-2022 e o 46,7% de entidades beneficiarias neste mesmo período.
O Goberno galego leva investidos desde 2009 un total de 10,34 millóns de euros a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, resultando beneficiarias un total de 1.741 entidades.
Cómpre lembrar que o ano pasado, e grazas aos Fondos de Consenso recibidos, a Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Segunda da Xunta tamén elaborou unha segunda convocatoria para equipamentos deportivos por importe de 1,9 millóns de euros que sumados aos 700.000 euros da primeira convocatoria de 2021, acadaron un total de 2,6 millóns de euros para equipamentos deportivos. Polo tanto, o importe deste ano para equipamentos deportivos, supera en case o 77% ao consignado no pasado exercicio.