Este venres, 5 de xullo, celebrarase no Palacio dos Deportes a tradicional Cea do Deporte, que serve para poñer o punto e final ao curso 2023/2024 das Escolas Deportivas Municipais, que este ano contaron con máis 3.500 persoas inscritas. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidirá o acto e dirixirase ás persoas usuarias das Escolas e ás entidades que asistirán.
Ademais, a gala servirá para entregarlle recoñecementos ás persoas e clubs máis destacados deste último ano, así como ás persoas usuarias das EDM. A maioría dos gañadores e das gañadoras dos galardóns daranse a coñecer o propio venres. Mais xa se coñece que Julia Benedetti e Lucas Pérez serán os deportistas coruñeses recoñecidos polo seu papel neste ano.
No caso de Julia Benedetti, o Concello quere recoñecer o seu papel no skateboarding, na modalidade de park. Benedetti, de 19 anos, certificou recentemente a súa presenza nos Xogos Olímpicos de París. A coruñesa converteuse en 2021 na deportista galega máis nova en participar nas olimpíadas, na que quedou no posto 16 na clasificación xeral.
Por outra banda, Lucas Pérez será homenaxeado polo seu grande ano, liderando o ascenso do Deportivo ao fútbol profesional con 15 goles e 19 asistencias nesta tempada tras deixar o equipo no que estaba en Primeira División para xogar no equipo da súa cidade. O xogador coruñés estará presente na Cea do Deporte para recoller o seu galardón. Ademais, entregaranse outros 16 recoñecementos a entidades, adestradores, colexiados e persoas usuarias das EDM. Está prevista a asistencia dun milleiro de persoas á cea.