Ali, xogadora do CRAT Rialta: "Imos ao cen por cento, coa plena convicción de gañar"
lll
17º-23º

Ali, xogadora do CRAT Rialta: "Imos ao cen por cento, coa plena convicción de gañar"

Ali, xogadora do CRAT Rialta: "Imos ao cen por cento, coa plena convicción  de gañar"
A ferrolana, pero criada no barrio coruñés de Os Rosales, percute durante un partido en Elviña | Patricia G. Fraga

Usuario

Alicia San Martín Alonso (Ferrol, 1994) é a talonadora do CRAT Residencia Rialta. Unha das superviventes do equipo que levantou a Liga Iberdrola en 2019, o último título do equipo coruñés. Ferrolana, pero criada no barrio herculino de Os Rosales, confía en lograr a vitoria no definitivo partido da fase regular, o domingo contra o líder Majadahonda (12 horas, Elviña). En xogo está o billete directo para semifinais.

 

É unha tempada ilusionante para o CRAT Rialta, de volta nos playoffs despois de cinco anos e tamén nas eliminatorias polo título da nova Copa RFER, ¿como explicas o cambio respecto ao curso pasado?
O anormal é que un ano competitivo saia tan de cara, é verdade que tivemos moitas seguidas, pero o usual no deporte é gañar, perder, gañar, perder… O grupo é moi semellante ao do ano pasado, con moitas derrotas nos últimos minutos, quizais por unha inmadurez que agora xa non temos. O cambio nos resultados para voltar a competir pola liga é froito do traballo feito anos atrás.

 

Juan Pablo Chorny e Pablo Artime substituiron a Jos Portos e Pakito Usero no banquillo, como influiu o novo corpo técnico nese cambio?
Cambiou a concepción que teñen do equipo, algo inevitable pola idea de cada adestrador. Esto non quere dicir que os do ano pasado foran malos e estes os mellores ou viceversa. Son moitas vicisitudes: a madurez do equipo, xogadoras que o ano pasado tiveron lesións… Máis que un cambio abrupto, é un cambio pola progresión das xogadoras.

 

Viaxar no día e competir é unha misión casi imposible

 

Os dous últimos resultados, un empate no último segundo en Sant Cugat (24-24) e a derrota en Valladolid (20-5), poñen en perigo a clasificación directa para semifinais.
Parece unha situación terrible, que estamos medio perdidas, pero realmente estamos segundas a poucos puntos de diferenza do primeiro. Volto ao mesmo que dicía antes, é o sino da competición. Hai que pensar que os últimos dous partidos foron fóra da casa e con desplazamentos no día. Non quero que suene a excusa, pero é moi importante. Madrugamos para coller os transportes ás sete da mañá. Viaxar no día e competir é unha misión casi imposible. Ademáis, o Chami [El Salvador] tiña moi ben estudado o noso xogo.

 

O domingo toca o líder en Elviña. Como se lle pode meter man ao Majadahonda?
Imos ao cen por cento, coa plena convicción de gañar para quedar segundas e poder xogar a semifinal polo título na casa. Teñen tres cuartos moi efectivas, boas pateadoras e finalizadoras. Creo que a chave pasa por ir a por elas dende o minuto cero, sen dubidar, levar o protagonismo ofensivo e non deixarlles facer nada. Voltar a xogar na casa, que xa vai máis dun mes que non o facemos, é importantísimo: tanto polo descanso de non viaxar, como polos ánimos do público. Temos que defender Elviña.
 

O Majadahonda é o clube máis representado na última convocatoria da selección española, sorprendente pola ausencia de xogadoras do CRAT.
Decepcioname máis que sorprenderme. Non solo polo noso segundo posto, durante un tempo primeiro. É un agravio comparativo porque polo resto de equipos vai polo menos unha xogadora, incluso de DHB [División de Honra feminina] e ligas autonómicas. Estamos decepcionadas porque hai xogadoras que o merecían. Non sei que máis temos que facer. Pero o tomamos como alicente e como reforzo positivo para seguir adestrando todas xuntas no día a día.

 

A súa experiencia na mellor liga do mundo

Ali, graduada en Veterinaria e especializada en Seguridade Alimentaria, vive por e para o rugby. O pasado verán aparcou todo por uns meses para cumplir o seu soño oval: xogar a Farah Palmer Cup, a principal competición nacional feminina en Nova Zelandia, a mellor liga do mundo.

 

A xogadora do CRAT aproveitou o parón estival na Liga Iberdrola para viaxar ás antípodas e vivir, de maio a setembro, a experiencia rugbier por excelencia. Primeiro dispotou a competición provincial co Waimea Old Boys, de Richmond, ao norte da illa Sur. A súa prestación chamou a atención do Tasman Mako, o equipo da provincia representado na liga nacional.

 

¿Como xurdiu a posibilidade de xogar en Nova Zelandia?
Sempre soñara, literalmente, moitas noites, como sería competir en Nova Zelandia, a referencia de calquera no rugby, incluso dos que non coñecen este deporte. Xurdiu polo contacto do seleccionador galego cun club que buscaba xogadoras. Propúxome a oportunidade e eu non o dubidei.

 

Alicia NZ rugby
Ali, nun lanzamento de touch en Nova Zelandia | Jason Oldfield

¿Como é a Disneyland do rugby?
Sorprendeume que o feminino e igual de precario que aquí. O positivo é o ambiente de rugby: é o deporte nacional e falase 24/7 con moito coñecemento, pero teñen un problema... o XV está en perigo de extinción porque o XIII ofrece contratos moito máis carnosos para os xogadores e o espectador aprecia moito máis a bestialidade dos impactos…

 

¿Cales son as principais diferenzas co rugby de aquí?
É moito máis técnico porque teñen moitos conceptos asimilados desde moio pequenas. Tamén son moi grandes físicamente pola influencia pacífica: Samoa, Tonga, Fiyi...

 

¿Custouche a adaptación?
Creo que me adaptei ben porque, outra cousa non, pero eu turrar, turro... De feito destacaron de min a miña agresividade nas placaxes e nos contactos... E cando souberon un pouco máis da miña historia, alucinaron co meu compromiso e con que viñera doutra parte do mundo só para xogar ao rugby.

 

¿Como resumirías a experiencia?
Moi enriquecedora. So pensaba en xogar, pero a experiencia foi moito máis heteroxénea, dentro e fóra do campo, pola cultura de clube, o seu modo de ver o deporte, moito máis puro…

 

¿Con que te quedas?
Co crecemento persoal, que soa moi iupi. Fun cunhas expectativas deportivas e volvín con elas, agora vexo moitas máis cousas que cando marchei, sobre todo nas abertas, pero tamén como persoa. Dinme conta que toda a enerxía e o esforzo que puxen no rugby valeu a pena.

 

¿Que te sorprendeu culturalmente de Nova Zelandia?

Esperaba máis influencia británica e atopeina máis estadounidense. Non deixa de ser unha colonia británica e imaxinaba máis un modo de vida máis similar á Inglaterra, pero teñen un concepto máis americano de coche grande, casa grande, centro comercial… pouca vida máis aló de ir ao bar a beber. Teñen un problema gordo co alcohol. Creo que esa influencia está marcada pola presenza militar despois da Segunda Guerra Mundial.

 

Ali, xogadora do CRAT Rialta: "Imos ao cen por cento, coa plena convicción de gañar"

Te puede interesar