Xosé Antonio Touriñán, humorista, actor, presentador e deportivista, analiza a situación actual do equipo coruñés, a importancia que se lle está dando á canteira e cal é “o plan” para a vindeira tempada.
Termina o partido en Castalia. Como vives ese momento?
Con decepción, pero xa con costume. Afeito a estas desgrazas. Paseino moi mal en Mallorca, o día do Albacete e tamén contra o Castellón. Parecía que por moito que fixésemos, ao final non ía saír ben. Algo vai pasar e non vai saír ben. E así foi, para o ano outra vez. Hai que volver tentalo.
Pouco despois empezan os cambios no club. Dimite o Consello de Adminitración, destitúese a Rubén de la Barrera... e todo isto sen informar apenas ós afeccionados. Que opinas de como se fixeron as cousas?
Eu non creo que dimitan, creo que os convidan a saír. O problema é que non contan con que a xente quere sentirse querida e importante, e que menos que contar as cousas. Se cadra ata para o club non tería sido malo que se quedara Rubén. Se sae mal, era o que a xente quería. Están a seguir a liña de tiro o edificio para construír outro. Sendo ese o plan, pois lóxico. Non o comparto, pero non teño 60 millóns para comprar o Deportivo. Cando sexa rico tentarei mercarllo a Abanca, a Escotet.
Un pouco por esta liña vai a asemblea do luns, que será de xeito telemático. Sabemos que Abanca é o accionista maioritario, pero tes 25.000 socios que deberías escoitar. Non cres?
Claro que debería, pero tamén se cadra o que pensa Abanca é: “Eu son o máximo accionista, vou facer o que me dea a gana, non vou perder o tempo e mellor traballo, porque non me está importando a opinión da xente”. Entón moi ben que adique o seu tempo para traballar, supoño, no canto de escoitar aos deportivistas. Dígoo con certa ironía.
Entran Álex e Ballesta no Consello. Continúa Villasuso e Alvaro García Diéguez como presidente, Director Xeral de Seguros Abanca. Coñecías a algún dos novos membros?
A única relación que teño con el é a hipoteca que tiña en Abanca, e o seguro que che mandan facer, e xa a cambiei a outro banco. Coñezo a Villasuso das relacións que tiña co club e a Michelle polos negocios. O de Carlos e Álex, a ver se non é botalos aos leóns. Vendo o que pasou estes anos creo que quen decide está moito máis arriba. Se as cousas van ben deixaranlles xestionar. As decisións que se están tomando agora, non creo que estean a tomar ningunha delas… será xente da empresa, non sei, da propiedade.
Tamén saíron Fran, Gabi Barrós e Nacho Dopico. Escribías en Twitter que parece que o plan é “quitar deportivismo e deportivistas do club”.
Sei de primeira man que é xente que o deu todo polo club, e aínda por encima fixeron moi ben o seu traballo. Podo valorar menos o de Fran, pero só hai que ver os resultados da canteira destes anos. Se vés para limpar, lóxica entón a decisión, pero non a comparto. A Gabi e Nacho é para darlles as grazas, sacar o chapeu e poñerlles unha estatua. Iranse, pero parabéns. Terán o teléfono ardendo. Chamadas de empresas e ata doutros clubes…
Queixábaste do que se tardou en dar o pésame polo falecemento de Luís Suárez. Pode considerarse un reflexo de como se están facendo as cousas?
Pódese considerar unha rabecha miña. Un enfado por todo o que está a pasar. Entendo que é porque botaron a xente de comunicación, pero o normal nun club como o Depor é que tiveses quen os substitúa no momento. Quero pensar que esa foi a causa. Tardamos case dúas horas máis que o resto. Entón hai que dar eses toques de atención, que saiban que estamos aquí, que somos uns cantos e se non nos escoitan podemos berrar un pouco máis.
Que saiban que estamos aquí, e se non nos escoitan podemos berrar máis
En canto aos adestradores, tres nunha soa tempada. Que fallou cos dous primeiros?
De Borja non subir o primeiro ano. Fixo o segundo mellor que se podía facer en todo. Cando empezou a segunda tempada xa estaba sentenciado. É amigo meu, e sei que non puido tomar moitas decisións. De Cano non entendo a súa actitude, sobre todo o que contaba ás veces nas roldas de prensa. Creo que foi un erro non tomar a decisión antes. Comparto con todo o deportivismo que Rubén de entrada era o mellor adestrador. Pero agora veñen e deciden limpar todo….
O outro día coñecimos a Idiakez, sabemos que estás moi leado en plena rodaxe. Non sei se puideches ver algo da rolda de prensa e que sensacións transmitiuche.
Vi as dúas. De entrada, a morte con el, ao final o Deportivo está por encima de todo iso. Gustoume o sincero que foi. Está moi ben todo o que nos contou, pero ata que o vexamos no campo non podemos valoralo. Ten o noso apoio e imos estar aí porque todos queremos que salga ben.
Na tempada 2021-22 tiveches a iniciativa de patrocinar a Trilli e a Noel. Agora Noel no Castilla, Trilli ao Barça. Consideras que non se está coidando a canteira? Entendes a decisión dos xogadores?
As dúas cousas si. Levan anos vendéndonos moito que a canteira é importante, e non foi verdade. Entendo aos rapaces. Cando na túa casa non te coidan, é cando máis rabia dá. No caso de Trilli, que a primeira fichaxe sexa un tío para a túa posición, polo que pagas unha cláusula, por moito que lle conten, non me parece que dea moita confianza, e sen esperar a asinar ao adestrador.
De feito, con Óscar Cano xogou apenas 53 minutos en 29 xornadas.
Pois fantástico, moitas grazas a Cano por todo. Se apostas, aposta de verdade, que sexan primeiros diante que ninguén. É unha pena tamén que estes rapaces marchen por estes diñeiros. Se apostas un pouco por eles, no canto de marchar por 200.000 euros igual marchábanse por un millón. Por todos os lados creo que é un erro.
Segues confiando neles?
Totalmente. Estou moi contento co que sucedeu con `Undosmeus´. Agora dame un pouco de rabia porque realmente xuntamos pasta para darlla a unha empresa… Pero foi moi chulo sobre todo polo deportivismo. Non volvería facelo nin tolo, pero foi moi chulo.
Foi moi bonito, pero non volvería facer a iniciativa de `Undosmeus´ nin tolo
Tamén se foi Quiles, Mario Soriano vaise ao Eibar. Custa reter á xente na Coruña?
Os xogadores teñen un tempo para chegar o máis alto posible. Creo que non se lles pode botar en cara nada. Son dous tipos que o deron todo e foron importantísimos. Que agora se vaian paréceme lóxico. Por moito que queiramos que sintan a camiseta, son traballadores que veñen traballar. Estarlles agradecidos porque o tentaron connosco e que lles vaia moi ben.
Con todo o que está a pasar a afección está a apertar máis que nunca. Consideras que debería baixar un pouco esa presión?
Non. Aquí hai que vir sabendo o que é o Depor. Hai que aguantar a presión e saber que isto che vai pasar. Se es futbolista tes que valer para isto.
Entendo a presión da afección. Aquí hai que vir sabendo que é o Depor
Que che pareceu a decisión de Lucas Pérez de deixar Primeira para vir ao Depor?
O que fixo Lucas non o fai ninguén. Marchar sendo importante no Cádiz en Primeira, poñendo diñeiro do teu peto. Viña de camiño para aquí e chamáballe o presidente do Cádiz para dicirlle que aínda tiña o seu sitio. Pero Lucas quere estar aquí. Eu dicíalle “amigo estás mal da cabeza, que cona estás a facer”, e sendo eu deportivista. Isto está ben que o contemos pero que pase non é lóxico.
Queda no Depor?
Eu creo que queda. Aínda que tamén ten que estar fodido e flipando con todo isto. Entendo que a el o manteñen informado e xa saberá cal é o plan. Nós non o sabemos, pero espero que el si para que non se vaia.
Temos novas fichaxes. Paris Adot, German Parreño e Balenziaga, dez tempadas en Primeira. Ilusiónanche?
Non os coñezo. Paréceme moi ben que traian veteranos, sobre todo se a filosofía fose xogar cos canteiráns. Se vén Paris non pode xogar Trilli, e por iso Trilli marcha. A min gústame que veña xente de peso, pero se o combinas con xente da canteira. Como non sei cal é o plan, diríache que me ilusionan pero non sei.
“Se Mackay non falou se cadra é porque non pode”
Segues confiando en Ian Mackay?
Eu confío, non sei se o club. O mesmo que Trilli, cando as dúas primeiras fichaxes son un porteiro e un lateral, igual iso ten certa mensaxe. Teño moi boa relación con el. Foi o mellor porteiro da categoría todos estes anos e creo que non se lle pode achacar nada. É verdade que foi o peor día para ter o teu peor día da a túa vida deportiva, pero poño o exemplo de Zidane. O home tranquilo e o tipo con clase, e no día da súa despedida, xogando por un campionato do mundo, pégalle un cabezazo a un italiano sen xeito ningún. A todo o mundo se nos vai a pinza.
Quéixase a xente de que aínda non se pronunciou desde o partido en Castalia.
Se cadra é que non pode. Falei con el ao finalizar o partido, e díxome “déixoo, deixo o fútbol”. Evidentemente díxenlle o que lle diríamos todos. Que se deixe de parvadas e vaia descansar coa familia. Pero é que non falou ninguén aínda, só falaron os que marcharon. Tamén podía falar Lucas… falan os que marchan. Pero dos que están só falou Ballesta, Soriano e Idiakez. E o que digo, se cadra non pode… ou non lle deixan.