O Concello da Coruña executará coa aprobación do orzamento do vindeiro ano un total de 22 investimentos propostos e elixidos directamente polos cidadáns. Despois da fase final do programa de Orzamentos Participativos, unha fase á que chegaron 55 propostas que pasaron as fases previas. Un total de 4.552 cidadáns votaron nos distintos procesos ata chegar ao resultado final. Este ano, como novidade, abriuse a posibilidade de votar en urna (ata agora o proceso era unicamente telemático), posibilidade a que se acolleron o 12% dos votantes.
Coa aprobación dos orzamentos do 2022 o Concello destinará 2,5 millóns de euros de investimentos a materializar as propostas achegadas nos Orzamentos Participativos, que apostaron este ano maioritariamente pola ampliación de zonas verdes, melloras en parques infantís e en superficies deportivas e ampliación das plataformas de mobilidade alternativa ao coche.
“Propuxémonos facer a participación máis accesible á cidadanía para que a fenda dixital non impedise ás veciñas e veciños dar a súa opinión, e a votación en urna foi un éxito”, indicou a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira. “Grazas á gran cantidade de propostas recibidas, o maior número desde que existe o programa, os 22 proxectos gañadores enriquecerán o modelo de cidade que defende Inés Rey”, aseverou.
Os cidadáns puideron escoller proxectos a aplicar no ámbito de toda a cidade por valor de un millón de euros. Ademais, escolléronse tamén proxectos por valor de 150.000 euros para cada un dos 10 distritos da cidade, con dous proxectos a maiores para aproveitar os remanentes orzamentarios. O deporte coruñés, evidentemente, saiu gañando.
Renovación do césped artificial |
►Fútbol |
Os traballos de renovación con céspede artificial dos dous primeiros campos de xogo da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias finalizaron por diante do prazo máximo de execución establecido no contrato. A reforma dos campos, da Torre, empregados cada mes por 18.400 persoas, era un dos compromisos do Goberno de Inés Rey coa mellora das instalacións deportivas da cidade. En total, instaláronse 9.894 metros cadrados de céspede artificial, así como os sistemas de rego precisos para a operatividade das instalacións. O investimento total nos catro campos da Torre supera o millón de euros. Nos vindeiros días as actividades deportivas que se estaban a desenvolver nos campos 2 e 5 mentres se levaba a cabo a reforma do 3 e do 4, mudaranse aos renovados terreos de xogo para poder acometer as actuacións pendentes nos outros dous campos. Son actuacións de mellora nas instalacións deportivas da cidade por valor de máis de 4,5 millóns de euros. |
A Regata Isabel Cendal |
►Vela |
A Coruña acolleu a primeira Regata Isabel Zendal de vela. Trátase dunha competición feminina que conta co apoio do Concello da Coruña. Este gran premio nace coa intención de consagrarse como unha regata de referencia a nivel nacional e internacional. Participarán dez tripulacións femininas en barcos da categoría J-80. O Concello da Coruña financiou para as embarcacións do Náutico catro xogos de velas, que foron estreadas nesta competición. Trátase de catro xogos de tres velas cada un -maior, foque e gennaker- de cen metros cadrados. Esta regata nace para pór en valor a figura de Isabel Zendal, que foi certificada pola OMS como a primeira enfermeira do mundo en misión humanitaria. A competición realizouse na Coruña, desde onde partiu en 1803 a embarcación ‘María Pita’ coa Real Expedición Filantrópica da Vacina, tamén coñecida como Expedición Balmis, que permitiu inocular a vacina da varíola nos distintos continentes. |
Política de restauración |
►Instalacións |
O Concello da Coruña a través da Concellaría de Deportes, que dirixe Mónica Martínez, acometeu os traballos de mellora integral da pista polideportiva do barrio da Sagrada Familia. Esta actuación forma parte da política de restauración dos espazos deportivos municipais da cidade que leva a cabo o goberno de Inés Rey. Algúns dos traballos xa rematados foron o do cambio de cuberta e arranxos das instalacións da piscina de Riazor por 285.000 euros ou a reforma da pista central do Palacio dos Deportes de Riazor. Nos barrios, destacan o cambio do lucernario do pavillón do Barrio das Flores (48.315 euros), a reforma da fachada do pavillón de Os Rosales (39.527 euros), a construción da pista multideporte da praza da Tolerancia (152.150 euros), a pista deportiva de San Diego (8.574 euros), a rehabilitación dos chanzos do campo de fútbol de Agrela (20.406), a reforma da sala de boxeo e a reforma das portas polideportivas de Riazor (26.716 euros). |
O Concello recupera para 2022 |
►Atletismo |
O Concello recupera para o ano 2022 o calendario de carreiras populares en suspenso durante os últimos dous anos por mor da pandemia. O circuíto Coruña Corre volve figurar na axenda municipal de actividades deportivas para o vindeiro ano. É unha das actividades programadas máis relevantes do ano, con milleiros de participantes en cada edición. O calendario é o seguinte:
|