O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou onte en Vigo a última xornada da Liga Xunta de Galicia de Breaking e do ‘Break Storming-Trofeo Xacobeo’.
Nas súas verbas, Lete Lasa destacou a importancia dunha disciplina como o breaking, recoñecida como especialidade deportiva en Galicia o pasado mes de marzo, procedéndose despois á constitución da Liga Xunta de Galicia da man da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que conta con 10 competicións en distintas localidades galegas.
O vindeiro domingo en horario de 16.00 a 21.00 horas, Vigo será a súa última etapa tras contar cun total de 62 participantes nas súas dúas categorías –iniciación e avanzada–, sendo o 57% dos participantes da categoría de iniciación unha participación feminina.
Lete Lasa destacou ademais a xuventude dos participantes e destacou as figuras de Alicia Babarro, que con dez anos é a primeira no ranking de iniciación sen perder unha batalla e de David Amor, que con 14, é terceiro no ranking de categoría avanzada.
Para o secretario xeral, o deporte galego debe camiñar da man das demandas dos mozos e mozas que practican actividade física, polo que sinalou que os deportes urbanos están a ter unha grande repercusión nos últimos anos.
Tanto é así que o break dance será deporte olímpico en París 2024 xunto ao basket 3x3, a escalada ou o skate. Lete Lasa lembrou a decidida aposta da Xunta polo Marisquiño, que este ano aumentou os seus esforzos nun 70% ata chegar aos 200.000 euros e tamén asegurou que o éxito desta Liga Xunta de Breaking será o acicate perfecto para o Plan Director de Deportes Urbanos de Galicia do que asegurou ser importante para “situar a Galicia na vangarda destas novas expresións deportivas, así como fidelizar á xuventude ou fortalecer a práctica mixta e feminina”.
Na presentación da competición tamén participaron o xerente de Vella Escola –produtora dos eventos– Pablo Castiñeira e o bailarín de breaking e xurado dos eventos, Francisco Javier Meana que realizou unha exhibición.