O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu no serán de hoxe ao partido correspondente á oitava xornada do grupo AB da Liga EBA 21/22 que enfrontou ao Porriño Baloncesto Base ante o C.B. La Flecha no polideportivo municipal de Porriño. Lete Lasa desexou ao club porriñés de baloncesto a mellor das sortes nesta nova tempada e recoñeceu o traballo dos directivos, corpo técnico e xogadores durante o tempo de pandemia. Segundo o secretario xeral, "os esforzos de todo o deporte galego acadan que neste novo exercico, as competicións comecen con maior ilusión e seguridade".
Na súa visita ao pavillón, o secretario xeral puido supervisar o estado final da instalación do videomarcador, unha actuación que contou cun orzamento de 25.000 euros a tenor do convenio asinado entre a Xunta de Galicia, que achegou o 80% do total (20.000 euros) e o Concello de Porriño, que sufragou o 20% restante (5.000 euros).
Máis polo miúdo, o videomarcador trátase dunha pantalla led deportiva que inclúe ordenador de control, software específico para procesador led, software específico para uso marcador, superficie gráfica da pantalla led deportiva de 10 m2, consola deportiva para manexo de marcador, estrutura para fixación da pantalla, bocina, xogo de dous marcadores de posesión dunha cara, homologados por FIBA, así como consola de posesión.
Nas súas verbas, Lete Lasa asegurou que o novo videomarcador non deixará de anotar tantos para o Porriño Baloncesto ata que acade o ascenso á Liga LEB Prata, pero tamén sinalou que na nova pantalla tamén se poderán ver reflectidos os éxitos do Balonmán Porriño, o Patín Porriño, o Ximnasia Rítmica Porriño, o Kung Fu Porriño ou as escolas deportivas municipais, que tamén usan o polideportivo municipal.
A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.