Aos seus 31 anos o atacante coruñés David Añón podería ser considerado como o Christian Vieri da Segunda División B; criado nas categorías inferiores do RC Deportivo —11 anos—, experimentou innumerables experiencias como trotamundos do balón en clubes como Albacete, Celta B, Somozas, Pontevedra ou Coruxo.
Despoi dunha exótica etapa no Katowice polaco, escoitou a chamada do Talavera, conxunto do grupo V da categoría de bronce, onde está a ser importante para apuntalar as bases dun proxecto a medio plazo nesta división.
Aínda que recoñece abertamente que no seu ADN rezuma o sentimento branquiazul coruñés, asegura que foi tratado como un rei no seu periplo no viveiro do eterno rival, o Celta de Vigo.
Ninguén máis autorizado que Añón para debullar as claves dun derbi que ningún deportivista deseou ter xogado ou presenciado mais que o domingo terá lugar no estadio de Riazor (17.00 horas).
Como está a tratarche a vida no Talavera?
Ben, estou moi contento; é un proxecto moi chulo e ambicioso e de momento estamos bastante ben.
Estades a vivir apuros na táboa pero a nivel personal estás a contar bastante...
Sí, realmente estamos moi igualados todos e aínda que comezamos regular, estamos a tres puntos do segundo clasfiicado. Temos moito tempo por diante e a verdade é que non estamos pensando no ascenso senón en sentar as bases dun grande clube para o futuro, para poder pensar en dous ou tres anos máis en retos maiores. Síntome importante no equipo. Sinceiramente estaba nunha grande etapa profesional en Polonia e en Coruxo pero esta proposta foi irrexeitable.
Por que cambiaches tanto de clube na túa carreira profesional?
Bueno, nalgúns sitios estiven dous anos pero é certo que me movín moito. Nesta categoría é difícil asentarse porque os clubes non teñen sempre os mesmos obxectivos, nunca sabes ben onde podes seguir coa túa carreira.
Por que en Segunda B hai tan pouco fútbol?
Hai moita igualdade en todos os equipos, o colista pode gañarlle perfectamente ao líder e iso non acontece noutras ligas. O nivel está moi parello.
Cales son as túas mellores lembranzas do teu paso polo Celta B, o vindeiro rival do Deportivo o domingo?
Botei dous anos alí e a verdade é que me trataron de xeito espectacular... Despois de tantos anos do Deportivo non sabía ben como ía ser recibido na casa do eterno rival pero todo foi positivo desde o primeiro día en que cheguei. Fichei como se fora un enemigo para eles pero a experiencia foi marabillosa.
Trata mellor o Celta á súa canteira que o Deportivo?
É complicado; sinceiramente, eu son do Depor a morte pero o Celta dalle moita máis saída á súa canteira que o Deportivo. É outra mentalidade, lévannos vinte anos de vantaxe. Van moi por diante neste sentido. En A Coruña tamén hai grandes xogadores pero non receben as mesmas oportunidades. Un canterano cando debuta o máis normal é que non brille pero hai que seguir dándolle confianza.
Fuches máis feliz no filial celeste que no herculino?
Non, para nada; as dúas etapas foron excelentes na miña carreira e estou orgulloso das dúas. No Deportivo cheguei a debutar co primeiro equipo e no Celta estiven a piques de facelo. No Deportivo estiven once anos, que se di pronto, e tiven moitas alegrías.
Cal foi o clube no que te sentiches máis decisivo?
Ao final tiven a sorte de xogar en todos os equipos nos que estiven e iso é un privilexio que non todos os futbolistas poden disfrutar. Por exemplo en Pontevedra tiven dous anos fantásticos. En Polonia, tamén. A nivel personal o trato que recibín en Somozas foi algo indescriptible. En todos os meus clubes fun feliz.
Como estás vendo ao Deportivo 20-21?
Vai líder pero hai que ter en conta que todo o mundo pensa que vai ascender sobrado e nesta categoría é moi difícil. Como seguidor deste equipo son o primeiro interesado en que o Depor retorno ao fútbol profesional esta campaña pero non vai ser doado. Oxalá o logre pero non vai ser un paseo, desde logo.
O equipo herculino está sendo obxecto de numerosas críticas polo seu xogo ofensivo...
A todos nos gustaría que fose algo máis vistoso mais non é doado acoplarse á nova categoría, para ningún equipo, non so para o Depor. Xogar ben é importante pero aínda o é máis gañar e neste sentido está a colleitar moi bos resultados e vai invicto. Todos pensamos que o clube non é de Segunda B pero tivo a desgraza de caer nesta división e agora mesmo o único en que debe pensar é en saír de aí o antes posible.
Cres que é o máximo candidato ao ascenso?
Si, sen dúbida que o é pero tamén é certo que vai ter que aprender a lidiar coa presión. Hai que ter en conta que para calquera adversario xogar contra o Deportivo é o mellor escaparate posible para darse a coñecer e todo o mundo vai xogar ultramotivado. Por clube, historia, afección e presuposto penso que é o máximo candidato a ascender.
Hai xogadores dos que agardas moito máis este ano por ‘non ser de Segunda B’?
Si, moitos teñen que rendir mellor pero non concordo con que non sexan de Segunda B. Cando este ano están nesta categoría desde logo que son de Segunda B. Ao final de temporada eles mesmos demostrarán se son ou non. Deben marcar a diferencia pero eso non é nun partido nin en dous. O Deportivo a estas alturas de competición está moi ben clasificado e os seus homes irán a máis.
Que opinas do labor de Fernando Vázquez no banco herculino?
Paréceme o mellor adestrador posible para o Deportivo de largo. Posúe uns coñecementos deste deporte que están moi por riba da categoría. Ten un nivel moi alto. Ademáis da teoría e de tratar ben aos futbolistas, Vázquez unifica ao deportivismo, é un home que ilusiona, conecta, e deso poden presumir moi poucos, Todo o seareiro deportivista síntese identificado con el.
Comprendes que para un sector da bancada branquiazul o Depor-Celta B poida ser considerado como unha humillación?
Eu como seguidor do Deportivo non estou contento con este partido, ter que xogar co filial do eterno rival non é un bo sinal pero chegamos aquí por un cúmulo de circunstancias. Toca encarar o partido da mellor forma para sumar tres puntos e estar máis cerca da seguinte fase de clasificación.
Como celebrarías un hipotético ascenso do Depor?
A verdade é que sería feliz; cando baixou quedeime, supoño como a maioría da afección, en estado de ‘shock’. Co ascenso este ano quedaría un pouco redimido o pecado do ano pasado, cunha plantilla que amosou que non era de Segunda polo seu rendimento. Espero e desexo que voltemos ao fútbol profesional.
COINCIDIU CON RUBÉN BLANCO E CON BRAIS
“O presidente Mouriño dicíame que era un ‘turquiño dos bos’”
Duas tempadas no filial olívico (2012-14) deron para infinidade de anécdotas e vivencias para un Añón sorprendido pola magnífica acollida en Vigo.
Recibiches moitas críticas pola túa fichaxe no Celta B no seu día?
Houbo bastante vacile no meu entorno pero leveino ben. Para parte da xenta de A Coruña era un ‘portugués’ pero non pasaba das típicas bromas.
E como te trataron no Celta?
De dez. Tanto xogadores como adestradores fixéronme sentir un máis no proxecto dende o primeiro día. O presidente Carlos Mouriño chamábame ‘turquiño’. Pero dicía que era “un turquiño dos bos”, deume moito afecto, portouse fenomenal conmigo, fixo que me sentise querido no equipo.
Coincidiches con algún canteirán vigués que chegase a ser importante no primeiro equipo?
Si, tiven a sorte de coincidir con homes como Rubén Blanco, Brais Méndez, Kevin Vázquez ou David Costas. Tiveron oportunidades e soubéronas aproveitar.
Con que Celta B pode atoparse o Depor o domingo, un equipo irregular?
Si, poden ter o seu día como en Salamanca, onde venceron 0-3 ou non telo e perder 0-3 como fixeron ante o Compostela. Son un grupo moi novo, que adoita tirar de xuvenís e son capaces de calquera cousa.
Cal pode ser o perigo deste conxunto filial?
Dispoñen de xente de moita calidade; a min personalmente gústame moito o dianteiro centro Manu Justo. Trátase dun atacante moi dinámico que vai moi ben ao espacio e ten resolución.