Grazas Lucas, grazas Lucas de Monelos, grazas neno
lll
17º-23º

Grazas Lucas, grazas Lucas de Monelos, grazas neno

Grazas Lucas, grazas Lucas de Monelos, grazas neno

Usuario

Lucas Pérez, o noso capitán, marchou do Deportivo. Pero en realidade sempre estará con nós e o Deportivo sempre estará con el. Pasara á nosa historia, coma un dos grandes. Dentro de moitos anos o deportivismo seguirá falando de Lucas Pérez, coma hoxe falamos de xogadores que nunca vimos coma Acuña, Pahiño, Chacho, Arsenio, Bebel García ou a Orquesta Canaro...

 

Poderíamos citar a Walt Whitman no seu poema en homenaxe a Abraham Lincoln: “Oh, capitán, meu capitán, a nosa azarosa viaxe rematou...” Pero eu prefiro citar a Ted Lasso, o protagonista da serie que leva o seu nome. Ese adestrador de ficción, dun equipo de ficción, que fai sorrir e chorar, que fala co corazón, e que define así a un capitán: “Un capitán non só busca gañar, tamén axudar ao seu equipo a mellorar en todos os aspectos” Ese é Lucás Pérez.

 

En tempos nos que semella que no fútbol profesional todo depende do diñeiro, todo ten prezo, a todo se lle pon prezo, onde o humano cada vez importa menos, Lucas Pérez baixou dúas categorías para xogar no seu equipo, no Deportivo. Deixou o chamado fútbol profesional para xogar en casa, porque a casa de Lucas está en Monelos e tamén está en Riazor, sempre o estará.

 

Perdeu cartos para xogar na casa. Foi noticia por iso en todo o mundo. Non é habitual que nestes tempos un xogador baixe dúas categorías, deixe a comodidade da Primeira División e baixe a campos de Primeira Federación, baixe ao que foi chamado “o barro”. Ao chegar a Coruña dixo que non baixaba “ao barro”, viña ao Deportivo. Iso é amor. E non hai nada que se poda comprender mellor que o amor.

 

Lembramos aos xogadores, sobre todo aos inesquecibles coma Lucas, por momentos, xogadas, goles... Eu podería lembrar a Lucas por moito, polo gol que nos deu o ascenso, ese silencio antes do lanzamento da falta que se converteu nun berro de felicidade en Riazor e fora do campo nun só instante. Podería lembralo por dalo todo en calquera partido, polos abrazos nas celebracións cos recolle pelotas, cos máis novos do Deportivo. Pero eu quédome cun momento, cando en plena celebración despois do ascenso, soa “Lodo” de Xoel López (e se temos canción para o Deportivo?) e Lucas sentase, sorrí e olla feliz a xente feliz. Tan sinxelo. Ese sorriso é Lucas Pérez. Ese sorriso tamén é o amor.

 

Marchas Lucas, espero que polo de agora. Pero sempre estarás non nós, coma os grandes, coma os que sempre lembraremos. Lucas fala con ese sorriso seu do Deportivo, é feliz. E tamén fala sempre con ese sorriso dos seus avós, de Monelos, dos seus amigos do barrio, esa familia que non ven de nacemento, esa familia que escolles, que te escolle e queda para sempre, do seu fillo. Fala con amor.

 

Claro que hai cousas máis importantes que o Deportivo, moitas, os fillos, a amizade, o barrio... Todo iso fai que Lucas Pérez sexa aínda máis grande. Porque faino máis humano.  Non hai nada máis humano que tentar facer feliz aos demais e querer aos teus. Porque tratase de querer e no Deportivo sabemos moito de querer.

 

Somos o Deportivo e coidamos das nosas, dos nosos. Ou deberíamos facelo. Sinto que Lucas Pérez non se sentise querido por algúns dirixentes do club. Un xogador coma Lucas Pérez, que baixou “ao barro”, que nos regalou tantos bos momentos, que nos regalou ese sorriso na celebración, que ama ao Deportivo a aos seus, merece despedirse no campo, con Riazor aplaudindo e chorando con el. Ogallá esteamos a tempo. Porque Riazor, coma Monelos é a súa casa.

 

Lucas, es dos nosos, porque amas o Deportivo, e amas ao teu fillo, aos teus. E iso é todo. Grazas por tanto, grazas por todo, neno. Segue querendo así, non cambies nunca e con xente coma ti o fútbol e a vida serán mellores.

 

 

Grazas Lucas, grazas Lucas de Monelos, grazas neno

Te puede interesar