Carlos Ares. A Coruña
O deportivismo temos moito que celebrar no Nadal. Unha Noiteboa de 1930 nacía Arsenio Iglesias, o noso Arsenio, o Míster. Que para calquera de nós vale moito máis que un título. E o Nadal trae contos, tamén co fútbol.
Ypres, Bélxica, Nadal de 1914. A I Guerra Mundial comezara hai 5 meses. Unha guerra devastadora na que morreron catorce millóns de persoas. Xente moi nova con condicións terribles nas trincheiras, na que se combatía en batallas cunha estratexia desalmada para gañar un pouco de terreo que logo volvías perder aos poucos días. Pensaban que ía a ser a derradeira guerra do mundo, despois desa non habería máis. Si, estaban equivocados.
Contan que nese Nadal os soldados alemáns e os británicos nesa fronte de Ypres decidiron facer unha tregua. E xogaron un partido de fútbol. Seguramente un dos máis bonitos da historia. Non tería grandes xogadas, pero mentres xogaban non se mataban. E o mundo foi mellor.
No Día de Nadal moitas nenas e nenos van recibir regalos e nunca faltarán balóns de fútbol e camisetas do seu equipo preferido. E soñaran con ese balón, con esa camiseta, con grandes xogadas, con grandes paradas, con grandes goles. E o mundo será mellor.
Hai moitos anos tiven eses regalos polo Nadal. A camiseta do Deportivo, a de Vales, Piña, Castro ou Beci (no seu último ano coma xogador). Nomes que asocio a infancia. E o mundo era mellor. Dicía Leopoldo María Panero, “en la infancia se vive, después se sobrevive”. A miña nenez vai unida a esa camiseta de raias azuis e brancas anchas. E o mundo foi mellor.
E sempre haberá contos de Nadal e fútbol bonitos. Tamén hoxe en día. Este ano un coruñés de Las Palmas de Gran Canaria, Yeremay, foi visitar a Raquel ao hospital. Raquel non está pasando un bo momento. Deulle ánimos e dedicoulle un gol. E Yeremay dixo que nunca estivo tan nervioso nun campo de fútbol porque quería dedicarlle ese gol. Grazas Yeremay, tes un gran corazón, es un dos nosos. E Raquel vémonos axiña en Riazor, na nosa casa. E o mundo con ese regalo de Yeremay foi mellor.
Estamos no Nadal. Celebramos que un neno naceu no medio de quen menos tiña. E contan que lle levaron regalos moi humildes, o que tiñan. Mesmo un tamborileiro unha canción co seu tambor.
Hoxe alguén, moi humilde, levaríalle a ese neno un balón de fútbol.
E se non tivese un balón faríao con trapos, coma en medio mundo onde non teñen para máis. E ese neno, nacido entre quen menos ten, sorriría. E o mundo sería mellor.
E ogallá seguise habendo treguas de guerra espontáneas polo Nadal, e que duren moito tempo máis, que durasen para sempre. E o mundo sería mellor. Por moitos contos de Nadal e fútbol. Fagámolos, e o mundo será mellor.
---------
Carlos Ares Pérez é guionista e produtor de TV