Pablo Vigo (Camariñas, 1984) cumprirá 40 anos o próximo 3 de decembro. Sexa cal sexa o regalo que reciba nesa data tan sinalada, ningún se poderá acercar ao que viviu este xoves no estadio de Riazor. “Foi de dez. Marabilloso, impresionante, incrible”, resume o central do San Tirso.
¿Como afrontou a xornada? “Pola mañá debería ir traballar (faino na loxística dunha cadea de supermercados), pero pedín o día. Pese á miña idade sigo tendo esas bolboretas no estómago cando hai partido e máis neste, polo que intentas evadirte e non pensar nel. Ás 16.30 quedamos para tomar un café todos xuntos e por protocolo entramos no campo con dúas horas de antelación”.
Era a súa primeira vez no campo do Deportivo. “Podía dicir que xogara no Couto, Pasarón, Anxo Carro ou O Vao, pero aquí non. Para min foi moi especial, porque ao ser maior os meus recordos son do Súper Dépor, de Bebeto, Mauro Silva, etc.”, explica.
En canto ao partido, tiña sensacións encontradas antes do comezo. “Ía coa sensación que nos ían pasar por enriba ao ser un rival de Primeira. Logo ves que lle igualas en moitos períodos. Tiveron ocasións e tiros ao pau, pero creo que lle fixemos bastante fronte”. Unha visión que non lle impedía crer. “Pensaba, ‘é un soño, ¿por qué non seguir soñando?’. Aínda por riba marchámosnos 0-0 ao descanso e mantemos o 0-1 case ata o final, o que implica que en calqueira acción podes meterte aí”, comenta.
Rematou moi satisfeito. “Un orgullo ter competido así. Creo que demos un bo espectáculo, porque dende dentro escoitabas á xente animar e berrar. Unha pena eses tres goles ao final, porque quen non veu o partido igual pensa que foi doutra forma”.
Unha gran vivencia que non tería sido de manter a decisión que tomou ao final da pasada tempada, retirarse. “Fai dous anos volvín a Betanzos e nese tempo conseguimos devolvelo a Terceira Federación e unha salvación. Foi aí, en maio, cando dixen ‘ata aquí, agora quero gozar da nena, estar na casa. Xa está, non xogo máis’. Pero coa insistencia de Fabio -adestrador do San Tirso-, algo que lle agradezo enormemente, aceptei. Pareceume ben a idea de ter algo menos de esixencia en canto a días de adestramento e a non ter que viaxar a Vigo ou Ourense. E mira... Agora case teño o pensamento contrario, de que hai que darlle lume a ver se nos metemos nos playoffs e volvemos a Riazor coa Copa da Coruña”, desvela ilusionado.
O seu horario laboral e de 6.00 a 14.00, o cal supón os seus sacrificios ao ter que ir adestrar polas noites. “Como din en Camariñas, o que algo quere, algo lle custa. E sarna con gusto non pica”, di Pablo Vigo, que agora xa non pon data final á súa carreira.
Pode ser como César -central que se retirou ao término da pasada tempada con 43 anos? “Por qué non? Tanto él como Santi son un exemplo e no grupo síntome moi querido. Ata que o corpo aguante”.
O defensa costeiro terá dous grandes recordos cando bote a vista atrás e lembre a cita contra o Espanyol.
Un deles ten que ver coa camiseta que utilizou. Na liga está a levar o dorsal número ‘5’, máis esta vez non foi así. “Son moito do ‘3’, porque nacín ese día e a miña filla tamén, pero cando cheguei xa estaba collido por Rellán. Para este partido os compañeiros fixéronme unha sorpresa e déronme a oportunidade de xogar con él nas costas”.
Unha camiseta que agora ten Sergi Gómez, central do Espanyol co que fixo o troco ao término do encontro. “É central, tamén leva o ‘3’, gañou unha Europa League, os dous fomos os máis vetaranos, etc.”, enumera como motivos.
En canto á conversa que mantiveron, destaca a humildade do que fora xogador de Barça, Celta e Sevilla. “Dinlle as grazas polo trato que tiveron con nós. Díxome que moi ben competido e que anime aos novos a seguir na mesa liña, porque seguro que lles aparecerán oportunidades de xogar máis arriba. Pareceume unha persoa moi accesible, falamos un bo rato”.
Ten camiseta... e as tarxetas do árbitro. “Foi tremendo, porque durante o partido me felicitaba se facía algún corte e logo en vestiarios chamoume o delegado para ir falar con él. Alí deume os cartóns coa frase ‘Con mucho cariño, para Pablo Cannavaro’. Moi agradecido con él tamén”.