Incrédulo polo cambio de plans coa temporada en transcurso, decepcionado porque as obras estean a piques de comezar e triste porque "o Atlético Arteixo perde un activo de valor incalculable", José Manuel Fuentes, director deportivo do Atlético Arteixo, lamenta o cambio de céspede de natural a sintético do campo principal de Ponte dos Brozos.
En que momento e quen lle informa ao director deportivo do Atlético Arteixo de que Ponte dos Brozos pasará a ser de herba artificial?
A directiva convócame a unha reunión co concello na que se ía falar das obras que se realizarían en Ponte dos Brozos. Nesa reunión entérome de que o que se vai a facer é cambiar o campo de céspede natural por un sintético. Ese mesmo día presento a miña dimisión como directivo do club
Toma parte desa decisión do campo de céspede de natural a artificial?
Na única reunión á que asisto a decisión xa estaba tomada. O concello ofreceunos, antes das eleccións, un terceiro campo de herba sintética, e ampliar o de herba natural para atender as necesidades dunha entidade en crecemento e polo bo funcionamento do club. De repente, esa idea cambiou radicalmente.
Consúltase ou pídeselle opinión ao Atlético Arteixo antes de tomar unha decisión tan importante?
Entendo que a directiva participa na decisión. A min e ao equipo non se nos comunica nada relativo a eliminar o campo de céspede natural.
"É un erro histórico; o Arteixo perde un activo de valor incalculable"
Como se toma o club este cambio?
É público que a actual directiva está dacordo e participa na decisión. Para min é un erro histórico e choca frontalmente cos plans de futuro que tiñamos para o clube. O Atlético Arteixo perde un dos seus maiores activos. Éste é un momento crucial para o destino do club.
Desde o punto de vista de director deportivo, en que aspectos beneficia ao club que o campo principal de Ponte dos Brozos pase de ser de herba sintética?
Absolutamente en ningún. Quen entenda un pouco do tema saberá que o campo de herba natural é un activo de valor incalculable sendo a envexa de toda Galicia: un campo histórico onde os rapaces da canteira soñan con xogar dende que entran á escola de fútbol base. Unha instalación deportiva única que nos permite traer cada ano a equipos como o Real Madrid Deportivo, a Racing de Ferrol, facer torneos de moito nivel ou optar a ser subsede da Copa do Mundo 2030. É un campo no que se fan torneos e campus que son exemplo para a comarca e onde os nosos nenos e nenas disfrutan sempre que xogan alí.
"Estou moi triste pola situación que está vivindo o club despois de moitos anos de crecemento"
E o máis importante: en que vai perxudicar ese cambio ao Atlético Arteixo?
A idea do concello era ampliar o campo de herba natural e facer un terceiro campo de herba sintética. O alcalde Carlos Calvelo é un home de palabra que sempre axudou ao clube pero, neste caso, quero pensar que non está ben asesorado ou que a decisión foi delegada en persoas que non entenden o que significa este club para o pobo. Deberían reflexionar, están a tempo. Co proxecto anterior, Arteixo tería unha das mellores instalacións de Galica e renunciar a iso paréceme un erro histórico. Invertir na formación dos rapaces e rapazas nunca pode ser visto como un gasto. É o legado que imos deixar ás xeracións que veñen por detrás.
Por que non se espera a rematar a temporada para iniciar as obras?
Non teño ningunha información diferente á que sae nos medios. O ninguneo a un equipo que está a xogarse unha fase de ascenso a Segunda Federación é inexplicable. Hai que recordar que moitos dos xogadores do primeiro equipo son os adestradores do fútbol base do club e son exemplo para os máis de 400 nenos e nenas que conforman a familia Arteixo. No partido contra o Polvorín, o presidente informa ao equipo que se paralizan as obras pero, o día seguinte, o club emite un comunicado pedindo que se reanuden o antes posible.
Este domingo, contra o Silva, podería celebrarse o último partido da historia do Ponte dos Brozos natural. Teñen algo preparado para a despedida?
Non, só pensamos en gañar os partidos que faltan para clasificarnos para un 'playoff' histórico para un club que se ven recuperando dunha moi mala etapa pasada.
Será un día triste?
Moito, non imaxino a Arteixo sen Ponte dos Brozos de herba natural. Será un erro histórico. Estou moi triste pola situación que está vivindo o club despois de moitos anos de crecemento. Recibo chamadas a diario preguntándome pola situación e ninguén entende nada. Ogallá se poidera dar un paso atrás e replantexar a situación. Arteixo é un concello exemplar e o clube e o seu campo de Ponte dos Brozos é un símbolo que non se debería tocar.
"O alcalde é un home de palabra pero, neste caso, non está ben asesorado ou a decisión foi delegada en persoas que non entenden o que significa este club".
Nos meses de abril e maio empeza a pensarse na próxima temporada. Por onde pasa o futuro do Atlético Arteixo?
O futuro do Atlético Arteixo non era outro que seguir crecendo de maneira sostible. É o meu quinto ano no club e, despois de moito traballo, fomos crecendo de forma sostible ata ter case 500 rapaces, equipos femininos, fútbol sala, campus... Esta decisión choca frontalmente cos plans de futuro.
Que plans de futuro ten?
Seguir traballando e disfrutando da miña pasión, que é o fútbol.
Que é o que máis desgasta do seu posto co paso dos anos no mesmo club?
O posto de director deportivo é un posto que require moita dedicación e moita paciencia. Invertimos moitas horas en facernos creíbles a nivel de concello, empresarios, pais e nais dos chavales, redes sociais... Os rapaces e rapazas queren volver xogar no Arteixo, incluso veñen doutras localidades. No último ano tivemos que rexeitar inscricións porque xa non podiamos asumir máis equipos. Creouse unha familia Arteixo que presume de clube e iso é do que máis orgulloso estou.