Dende hoxe até o día 7 terá lugar a 31 edición de Equiocio en Ferrol, concretamente desenvolverase no Campo das Cabazas, en Covas. Este ano competirán 260 xinetes e amazonas cun total de 285 cabalos, o que significa que haberá 320 saídas á pista diarias, todo un récord histórico.
Nesta ocasión o acontecemento fai unha aposta primordial pola toma de conciencia nos campos da sostibilidade, a solidariedade e a inclusión social. Este carácter respetuoso co medio ambiente do que se lle pretende dotar ao encontro executarase a través da oferta de obradoiros creativos. Estes talleres terán como obxectivo a protección e limpeza da contorna, a diminución de refugallos ou a potenciación da reciclaxe.
Igualmente, unha agrupación de 22 entidades sociosanitarias e culturais formarán a iniciativa nomeada Equiocio Social. Este proxecto pretende incentivar, tanto internamente como cara o conxunto da sociedade, a inclusión social e valores como a igualdade ou a solidariedade. Para a promoción destes ideais, algunhas organizacións tamén participarán activamente a través da proposta de obradoiros que acheguen a súa labor aos visitantes.
O director técnico do certame, Federico Pérez-Lago, indicou no acto de inauguración que tivo lugar o día 1 de agosto no Centro Torrente Ballester, que este 2022 multiplicarase a participación de deportistas procedentes do ámbito nacional. A maioría dos competidores son deportistas galegos, aínda que tamén chegarán dende Asturias, Cantabria, Euskadi, Castela e León, Madrid, Valencia e Baleares. Ademais, Pérez-Lago destacou a importante presenza dos portugueses, entre os que se atopa o gañador da proba estrela do ano pasado e candidato a revalidar o título nesta ocasión, Ivo Carvalho.
Renóvase o compromiso de que Equiocio sirva de escaparate de promoción do Xeodestino Ferrolterra, de xeito que se anime ao público a aproveitar a visita ao evento para coñecer a comarca. Con este fin, o certame contará con postos turísticos de oito municipios e da Mancomunidade de Ferrol. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, no momento da presentación do evento, definiu Equiocio como unha forma de poñer en valor o patrimonio, a paisaxe e colaborar na dinamización do rural.
Á marxe da hípica, o programa de Equiocio ofrece máis de 40 propostas distintas enfocadas a públicos dispares. Trátase de actividades tan variadas como o sendeirismo, a bicicleta de montaña ou BTT, charlas e cine. Outra nova do evento deportivo que non ten que ver cos cabalos é a recuperación dos concertos nocturnos, que comezan mañá da man dos directos de Mos, Malditos Pendejos, Susana Adalid e Los Limones. Actuarán tanto o venres coma o sábado a partir das 21:30h.
Ademais, a Consellería do Mar presentará un espazo de degustacións nomeado “Galicia sabe Amar”, lugar onde atopar unha oferta gastronómica de luxo. É unha iniciativa da Xunta que ten como obxectivo promocionar a calidade dos peixes e mariscos da comunidade.