O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución coa relación vixente de persoas Deportistas de Ato Nivel (DGAN), Alto Rendemento e Rendemento Deportivo de Base de Galicia e diferentes colectivos deportivos.
O número total de atletas galegos recoñecidos volve superar o milleiro cun total de 1.090, e racha así de novo o seu teito histórico acadando récords en todos os seus rexistros.
Ao abeiro desta última resolución recoñecéronse 157 novos deportistas como Inés Ameneiro (vela), Mateo Boudjenane (taekwondo), Paula Ferradás (salvamento e socorrismo), Caetano Horta (remo), Ruth Lorenzo (karate), Araceli Menduiña (paracanoe), Ana Peleteiro (atletismo) ou Lydia Pérez (loita), todos eles como deportistas galegos de alto nivel, entre outros.
Neste senso, o total dos deportistas recoñecidos acada os 1.090 (429 mulleres), dos que arredor do 80% (859) son DGANl (531 homes).
Ademais, hai 109 deportistas de rendemento deportivo de base (55 mulleres e 54 homes); 74 deportistas de alto rendemento (26 mulleres e 48 homes); 23 técnicos de alto nivel (catro mulleres e 19 homes); 15 árbitras e xuízas (11 mulleres e 4 homes); e 10 deportistas galegos de alto nivel vitalicios (5 mulleres e 5 homes).
Entre estes DGAN vitalicios atópanse algúns dos mellores deportistas de Galicia como Carlos Arévalo, Carlos Pérez Rial ‘Perucho’, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e a campiona olímpica coruñesa Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada).
Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidos 28 deportistas galegos con diversidade funcional (11 mulleres e 17 homes).
Estas cifras acadadas polo deporte de alto nivel de Galicia débense, por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén recoñece o alto rendemento deportivo (práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo) e o rendemento deportivo de base (etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel).
O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto Nvel Deportivo.