O pavillón de Novo Mesoiro acolleu o pasdo luns pola mañá o primeiro adestramento de oito integrantes do Club Basketmi Ferrol, a principal referencia da provincia da Coruña na competición e formación en baloncesto en cadeira de rodas.
O Concello da Coruña, seguindo a liña de promoción da práctica deportiva adaptada marcada polo Goberno de Inés Rey, facilitou que a entidade dispoña de instalacións municipais para adestrar cada luns en horario matinal, axudando a ampliar a difusión do deporte adaptado na cidade.
Neste sentido, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, apuntou que, coa posta a disposición do pavillón de Novo Mesoiro para este proxecto, “a idea tamén é que os cidadáns interesados podan probar e animarse a facer deporte”.
“O sedentarismo é un problema xeral, sobre todo tras a pandemia, pero afecta moito ás persoas con discapacidade. Queremos que a través desta escola, con técnicos cualificados e con experiencia, adquiran a condición física e os aspectos técnico-tácticos necesarios para practicar este deporte”, agregou Martínez, que visitou o adestramento.
Álvaro Illobre, presidente do Basketmi, sinalou que a entidade, que impulsa a competición en baloncesto en cadeira de rodas desde o ano 1990, busca brindar a oportunidad de practicar deporte a persoas con diversidade de toda Galicia, tamén a impulsar a carreira dos futuros novos valores na disciplina.
“O proxecto é consolidar unha escola forte que poda levar a que un equipo compita aquí, na cidade, en dous ou tres anos”, detallou Illobre. Polo momento, un total de oito deportistas, catro deles veciños de A Coruña, xa comezaron os seus adestramentosen Novo Mesoiro. “Está pensado para persoas con discapacidade física motora”, sinalou Illobre, que abriu as portas a todos aqueles interesados en adestrarse co Basketmi.