Hoxe é 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. E, como non podería ser doutro xeito, o deporte tivo o seu espazo, sendo unha ferramenta máis para axudar a acabar con esta lacra.
Pola mañá, tivo lugar unha andaina organizada polo Concello da Coruña. As e os participantes dividíronse en dous grupos.
Un saía da explanada de Riazor e o outro desde a Torre de Hércules. Os dous á mesma hora, as once da mañá. Ao chegaren á fonte dos surfistas, xa o grupo unido regresaba á explanada de Riazor, onde tivo lugar a formación dun lazo humano.
Con todo, foi unha boa excusa para faceren exercicio, e ademáis participaren nunha boa causa.
Tamén hoxe o Concello da Coruña puxo en marcha un ciclo de charlas sobre a igualdade no deporte.
A programación componse de sete charlas e unha mostra fotogáfica co obxectivo de poñeren en valor o deporte femenino na cidade, tanto as mulleres deportistas como aquelas entidades que traballan a inclusividade e a igualdade no deporte.
O Fórum Metropolitano acolle a mostra fotográfica, composta por máis de 40 imaxes protagonizadas por mulleres deportistas coruñesas en diferentes disciplinas.
Tamén o Fórum acolleu a primeira das charlas, co título ‘Pioneiras’. Interviron figuras coma Lis Franco, Pili Neira, Dolores Tasende, Loli Touriño, Ángeles Rodríguez e Helen Roca, que foi a moderadora.
A seguinte está programada para o luns. Desta volta falarase sobre o deporte de élite, ás 16.30 horas no Fórum Metropolitano. Intervirán Diego Villares e Cris Martínez, do Deportivo, e tamén Carmen Sánchez Parrondo, Sofía Toro, e David Arcay, ca moderación de Madó González.
As tres charlas que se celebrarán a continuación terán lugar no Pazo dos Deportes de Riazor. Os temas serán persoal técnico (día 29), clubs deportivos (día 30) e medios de comunicación (1 de decembro). Esta última será moderada polo director de dxt campeón, Alberto Torres.
O ciclo de charlas volverá ao Fórum Metropolitano para as dúas derradeiras actividades. Unha sobre arbitraxe (2 de decembro) e outra cos deportistas con discapacidade coma protagonistas (3 de decembro). Con todo, o 25N non remata aquí. De feito, a eliminación da violencia contra as mulleres é un obxectivo que non se acadará non só día.