O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación da Coupe Jeunesse, un dos eventos de remo de maior relevancia para menores de 18 anos do panorama internacional. A competición celebrarase os días 5, 6 e 7 de agosto nas instalacións do Club Náutico de Castrelo de Miño (Ourense), na que participarán 120 embarcacións e preto de 500 deportistas de 16 países.
Nas súas verbas o mandatario enviou unha mensaxe de apoio, e amosou a súa preocupación por todas as familias que estes días están a sufrir os efectos dos incendios en Galicia, entre elas as do concello de Castrelo de Miño: “A auga é deporte e desfrute, pero tamén é vida, e dela dependen a de moitos veciños de Castrelo”.
Lete Lasa destacou a importancia de traer un evento deste calibre por primeira vez a Galicia, posto que outorga prestixio á Comunidade e fai que neste novo ciclo olímpico, multitude de deportistas de todo o mundo percorran ás instalacións galegas para o seu adestramento.
Tamén agradeceu a aposta firme da Federación Española de Remo por Castrelo de Miño, unha das tres pistas olímpicas de todo o país, e destacou o compromiso que a Xunta ven tendo dende hai anos polos deportes náuticos, suliñando que tras o atletismo, o remo, a vela e o piragüismo sexan os deportes con maior representación olímpica galega.
Por outra banda, Lete Lasa e o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, Diego Calvo, mantiveron unha xuntanza co presidente da Real Federación Española de Kárate, Antonio Moreno, e co titular da Galega, Óscar Lafuente, de cara a que Galicia poida acoller os vindeiros eventos de índole nacional e internacional.