A miña historia de paixón polo Deportivo comezou de neno, cando aproximadamente tería cinco ou seis anos. Na miña casa eran todos seareiros doutros clubes como Real Madrid ou Celta de Vigo pero a min gustoume o Deportivo, tamén un pouco por ese sentimento de levar a contraria pero o certo é que co ascenso a Primeira e o nacemento do Superdépor impresionoume moito aquel equipo.
Aquí na miña localidade, en Burela, hai moitos adeptos do Deportivo, aínda que tamén do Madrid ou Barcelona; a pesar de que estivemos un pouco no pozo nos últimos anos vense moitas camisetas deportivistas en nenos e iso é un motivo para a esperanza e para decatarnos de que aínda estamos aí loitando. É moi bonito e sorprendente en certo modo ollar a pequenos coas cores do Dépor cando nin moito menos estamos na nosa mellor época.
Se tivera que subliñar un momento histórico na historia do Deportivo do que estou realmente orgulloso diría que manternos firmes no descenso a Segunda B e posteriormente na Primeira RFEF. Seguimos coma sempre, ao pe do cañón, tamén superando o número de socios ano a ano estando no mesmo inferno.
Por circunstancias da vida visitei moitos estadios sempre animando ao Deportivo, se cadra en Primeira RFEF non o fixen tanto pero ao longo de todos estes anos estiven en moitos campos de Segunda e tamén de Primeira.
Sen dúbida voltaría a facelos, tamén en Primeira RFEF, pero esperemos que non se repita nunca máis.
No plano negativo, con independencia do plano estrictamente deportivo, teño que admitir que o pasei francamente mal coa desaparición de amigos deportivistas como Carlos ou Unai, que eran dous rapaces moi amigos nosos. Foi unha ledicia podelos coñecer pero tamén unha tristeza enorme ter que despedilos.
O deportivismo vai moito máis alá do que é o meramente futbolístico, somos unha pequena gran familia que se leva moi ben en xeral.
Co paso dos anos estableces relacións de amizade con seareiros doutros lugares, coñeces tamén a algún directivo, xornalistas, xogadores, afeccionados... toda a familia do Dépor.
Para nada me sorprende que o Deportivo acadase esta tempada a marca de 30,000 socios porque realmente canto máis xuntos estivemos foi nos peores momentos, tanto nos primeiros descensos na época de Lendoiro como a partir de aí na época de Tino.
O clube nunca deixou de dispor dunha masa social enorme, solo hai que ver os desprazamentos do equipo, onde sempre hai xente do Dépor, por lonxe que sexa. No estadio máis recóndito do mundo vai haber 100 ou 200 deportivistas seguro.
Teño a inmensa sorte de presidir a peña deportivista de Burela desde hai anos, aumentamos o número de socios dos últimos anos. Vir a Riazor nos leva algo máis dunha hora e media. Paga a pena o esforzo, sobre todo cando acompaña a resultado. Veñen rapaces novos por detrás e iso é unha marabilla, semella que temos un pequeno viveiro. Nós facemos membros da nosa peña gratis aos fillos dos socios menores de idade. Hai que coidar da canteira, é unha forma de fidelizar aos rapaces.
Esta tempada temos un pouquiño de falta de gol, estanos a costar moito aproveitar as ocasións que creamos e igual nos axuda un pouco tamén fóra da casa ser os encargados de levar a posesión. O noso estilo de visitantes, con xente rápida como Yeremay ou Mella, é perfecto para xogar á contra. Saímos coma balas e sempre é perigoso para o rival.
A sensación con Idiakez quizais era que nos gustaba máis ter o balón pero co plantel que temos semella que non era o que máis nos interesa.
Soñar sempre é gratis e estamos loitando por deixar lonxe a zona do descenso pero tamén é certo que seis puntos respecto á promoción non son tantos. Se gañamos ao Zaragoza todo se verá doutro xeito. Esta categoría vai ser moi igualada ata o final, como está a amosar o Almería. Podemos estar loitando polos postos de arriba.