David Añón: “Edu Sousa vai competir con Mackay; é un bo porteiro”
lll
17º-23º

David Añón: “Edu Sousa vai competir con Mackay; é un bo porteiro”

David Añón: “Edu Sousa vai competir con Mackay; é un bo porteiro”
O atacante coruñés finalizou o seu contrato co Talavera e espera un novo destino | jorge meis

Usuario

Coruñés e exfutbolista do Deportivo

 

O atacante coruñés David Añón cre que Edu Sousa, co que coincidiu no Talavera as dúas últimas tempadas, subliña a tranquilidade baixo paus do novo reforzo do Deportivo e considera que coa súa fichaxe a portería branquiazul está ben cuberta.

 

Como é Edu Sousa?
Como un canteirán máis, alégrome moito por el porque sente o Depor, xa estivo alí moitos anos. E como afeccionado, que volva un fubolista galego e que estivo na canteira sempre é bo. Como amigo e compañeiro del, estou moi contento con que se faga esta fichaxe. Vai tentar poñer as cousas difíciles a Mackay porque é un bo rapaz e un bo porteiro. É un recambio de moitas garantías.

 

Así que pode ser unha seria competencia para Mackay.
Creo que vai competir, si, porque os dous son moi bos porteiros. Non sei en que situación queda Pablo Brea, que tamén foi compañeiro meu e é moi bo, pero é novo e aínda ten tempo para demostrar. Queda moi ben cuberta a portería.

 

Cales son os puntos fortes do gardameta?
Edu mellorou unha chea cos pés. Quizá antes era o seu punto débil, pero agora ata diría que é un dos seus puntos fortes, ese e a tranquilidade que ten baixo paus. É un estilo parecido ao de Mackay, que se desenvolven moi ben debaixo da portería. Ademais, é un xogador que suma, achega sempre no rol que lle toque. É unha pasada como achega.

 

A portería está ben cuberta para pelexar polo ascenso.
Si, xa con Pablo Brea tamén podías estar tranquilo, aínda que é un rapaz moi novo, pero agora con Edu e Mackay é unha posición moi ben cuberta con calquera dos dous, porque son dous porteiros moi bos.

 

Que che parecen os catro fichaxes que realizou o Depor ata o de agora?
O Depor pode fichar aos xogadores que queira nesta categoría e agora quédalle a parte máis importante, a máis débil que tiña, que é a parte de atrás, onde se ten que reforzar tamén con xente de categoría. Pero os xogadores que ficharon demostraron que teñen un nivel moi alto.

 

Dis que urxe reforzar a defensa branquiazul.
Precisamente eses problemas á hora de defender os centros laterais mataron ao Depor na final do playoff. Os equipos que nos enfrontabamos ao Depor detectabamos que a súa parcela máis débil era a defensa e é onde lle faciamos dano, sobre todo cos centros laterais, que foi como lle marcamos nós en Talavera.

 

É un aspecto que pode mellorarse desde o corpo técnico.
Para min, que o Deportivo siga con Borja Jiménez é un acerto porque se non é o mellor adestrador da categoría, é un dos mellores. Está contrastado e xa demostrou nos equipos anteriores que fai as cousas moi ben. Quen xogamos somos os futbolistas e nese sentido quítolle moita responsabilidade ao adestrador.

 

Entendes que se chegase a dubidar da súa continuidade tras a final do playoff?
Cando non se consegue un obxectivo tan claro como o do Deportivo, é normal que aparezan dúbidas, pero o traballo está moi ben feito e ao Depor penalizoulle ese baixón a metade de tempada. Perdeuse o partido do Albacete por detalles, pero o traballo está ben feito. O único que podiamos conseguir co cambio de adestrador é cambiar de cara, pero o traballo non se ía a facer mellor e considero que o equipo está moi ben levado.

 

Así que ves a Borja Jiménez perfectamente capacitado para guiar ao Depor cara ao fútbol profesional.
Si, xa o demostrou en equipos anteriores. Paréceme que hai que darlle un valor á paciencia, que ultimamente falta tanto no mundo do fútbol. Hai que ter paciencia, deixar traballar á xente e esperamos que este ano, que será máis complicado, deixen traballar a Borja con calma e tempo.

 

O club herculino renovou a Jaime, mentres que Antoñito e Álex Bergantiños están a punto. Como o ves?
Ben. Álex é un xogador da casa, que sempre cumpre. Antoñito e Jaime achegaron desde o seu sitio. Creo que aínda así, o Deportivo tense que reforzar cun par de xogadores para que lle dean esa solidez que lle faltou en tramos chave da tempada.

 

Eses dous reforzos serían para o centro da defensa?
Si, penso que sobre todo nos centrais é onde o Depor sufría máis cos centros laterais, así que creo que habería que reforzar o eixo da zaga con dous xogadores.

 

Once tempadas vai facer Álex xa co Depor.
El sempre demostra ano a ano que pode axudar desde os minutos que lle dea o adestrador. Sempre achega. Este ano deulle moito ao Depor en moitos partidos e, como afeccionado e excompañeiro seu, estou moi contento de que poida seguir porque é un home da casa. Os que estivemos na canteira só temos palabras de admiración cara a el.

 

A marcha de Juergen ao Racing de Santander é unha baixa sensible para o centro do campo. Non che preocupa a medular?
O bo do Deportivo é que nesta categoría pode fichar a quen queira. É certo que Juergen deu un nivel altísimo durante moitos momentos da tempada e gústame moito, pero creo que poden suplir esas baixas con xogadores contrastados e de nivel.

 

Como ves o adeus de Noel, que era a gran esperanza da canteira deportivista?
Noel é novo, está en idade de xogar nun filial, chámalle o Real Madrid e é normal que se queira ir. Non falamos de que se vai a calquera equipo da categoría, senón ao Real Madrid, un equipo no que pode ter moita proxección. Criticóuselle moito cando tomou a decisión, pero é normal que se vaia ao Real Madrid. Oxalá no futuro poida demostrar o nivel que ten e que poida facelo no Deportivo.

 

Este ano e moito máis complicado; non é tan favorito

 

A escuadra coruñesa afrontará a súa terceira tempada consecutiva na categoría de bronce do fútbol nacional.

 

O conxunto herculino seguirá sendo un favorito ao ascenso?
O Depor, os anos que estea aí, vai ser un dos favoritos ou o máximo favorito. Este ano para min é moito máis complicado porque hai equipos potentes como Alcorcón, Fuenlabrada ou Córdoba. Creo que non é tan favorito como o ano pasado, pero igual vénlle ben non ter esa bitola. O que non pode suceder é que perda esa afección que ten porque é o valor máis grande que ten o Deportivo. Que a xente non se desanime e entenda que é moi complicado ascender, pero hai que conseguir que a afección non se desenganche.
 

Parece difícil que se desenganche a xente vendo o ambientazo que se viviu na cidade e en Riazor coa final do playoff.
A xente ten moitas ganas de que o Deportivo volva como mínimo a Segunda División, pero esa presión tamén pode xogar na súa contra. Falei con Rubén Martínez, do Albacete, esa semana e eles estaban preocupados pola atmosfera que ía haber en Riazor, pero para min eles eran favoritos porque non é fácil xogar unha final na túa casa, con toda a presión porque cada acción que che fagan vai haber un ruxerruxe, cousa que o visitante non vai ter esa presión. Non é fácil ascender.

 

Que tal ti, continúas no Talavera?
Non. Descendemos, acabei contrato e estou a esperar a ver que sae en Primeira RFEF, que parece que hai un par de cousas. Así que a esperar a ver cal é o seguinte destino.

 

Entre ese par de clubs que te queren non está o Depor?
Non, porque o Depor comigo teríao moi fácil (ri). Oxalá fose iso, pero non. O que saia de Primeira RFEF, collelo e a ver que tal sae.

 

A ver que sucede con Quiles, que despois da tempada que fixo, séguenlle varios equipos?
O Depor ten unha proxección inmensa e é normal que poidan vir equipos de Segunda a por os futbolistas que o fixeron ben aquí. Xogar en Segunda chama moito, aínda que parece que o xogador neste sentido estaría disposto a continuar no Depor, que, ademais, ten un tirón moito maior que clubs de Segunda por todo o que representa.

David Añón: “Edu Sousa vai competir con Mackay; é un bo porteiro”

Te puede interesar