A afección do Depor esixe explicacións e critica a destitución de De la Barrera
lll
17º-23º

A afección do Depor esixe explicacións e critica a destitución de De la Barrera

A afección do Depor esixe explicacións e critica a destitución de De la Barrera
Afeccionados del Depor

Usuario


Os afeccionados do Deportivo reclamaron explicacións ao clube, ao tempo que criticaron as formas e a decisión de cesar a De la Barrera. Este é o comunicado: 
 
"Perante a situación convulsa que está a vivir o noso club, vémonos obrigados a defender o que é noso. Fartos de aturar unha xestión incompetente, que non respecta o sentimento deportivista, decidimos actuar.
 
Este pasado mércores, ás 22.52h, soubemos por un breve comunicado unha noticia de gran relevancia para o futuro do RC Deportivo: o abandono do Consello de Administración e o cesamento do noso adestrador, Rubén de la Barrera. Na mesma liña do que xa sucedeu nos meses previos, ninguén tivo a profesionalidade de dar a cara para ofrecer unha explicación. Esa decisión, tan importante para o devir da nosa entidade, foi comunicada de noite, de forma virtual e sen o valor necesario para expoñer os motivos.
 
Xa non podemos falar só de incompetencia. Quen actúa desa maneira, debería ser consciente da inquedanza que iso ía provocar no conxunto do Deportivismo. Unha institución centenaria, coa grandeza do noso club e toda unha historia ás costas, non merece uns dirixentes que se comportan dunha maneira tan covarde.
 
Exiximos unha conferencia de prensa en que se explique a realidade do noso club, con todos os detalles que sexan precisos. Nese sentido, esa mesma reivindicación seguirá vixente no futuro mais próximo; como afeccionados, temos o dereito de coñecer a situación do R.C Deportivo e quen ocupe os postos de dirección deberá emitir esa información.
 
O Consello de Administración terá que exercer as súas funcións. Ese organismo non é simplemente unha formalidade propia dunha institución deportiva, cuns nomes para encher eses postos. Exiximos que fagan o seu labor.
 
Nós, como afeccionados do R.C. Deportivo, estamos dispostos a dálo todo polo noso club. Demostrámolo en numerosas ocasións e así seguirá sendo. Para nós, é un orgullo vivir a paixón deportivista, sexa no peor momento da súa historia ou da maneira que sexa. Porén, a nosa responsabilidade tamén é defender un mínimo de decencia na xestión do noso club.
 
Somos conscientes da delicada situación económica que atravesamos e sabemos que estamos en mans de quen pon o diñeiro, mais iso non xustifica que a nosa institución non sexa respectada. Nin magnates nin titeres están por enriba dos sentimentos deportivistas. Quen estea na toma de decisións, deberá ter en conta o papel da afección branquiazul, verdadeiro motor deste club e patrimonio desta cidade.
 
Nesta liña, tamén entendemos a destitución de Rubén de la Barrera como un ataque ao conxunto do Deportivismo. Unha persoa comprometida, que non dubidou en unirse de novo ao noso proxecto nun momento tan complicado; un adestrador que podería conectar coa afección e crear unha unión tan necesaria. De súpeto, sen explicacións, recibiu unha notificación para avisalo da súa destitución.
 
A afección, falta de éxitos deportivos no pasado máis recente, precisa de proxectos con ilusión, consenso e pertenza. Nesta entidade sobran os elementos que rachan con esa unión entre afección e equipo, igual que sobran os individuos que comunican as decisións sen ofrecer nin a mínima explicación, nin sequera para as partes máis implicadas directamente.
 
Por se non chegaba con todo o mencionado anteriormente, as burlas á afección complétanse coa convocatoria dunha xunta telemática. É así como pretenden ter en conta a voz do Deportivismo? É así como van dar a cara? Xa vimos que non nos respectan e cada paso que dan, supón unha nova falta de respecto.
 
Con comportamentos como estes, están a xogar cos sentimentos de miles de deportivistas, provocando incertezas e sementando dúbidas que deben ser resoltas. Nesa situación de inquedanza permanente viven tamén os traballadores e traballadoras do club, preocupados polo seu propio futuro e sen ningunha resposta.
 
Sabemos que eles teñen as accións e deciden sobre o noso futuro, mais deberán valorar se lles interesa un pulso coa afección deportivista e coa cidade da Coruña. Sehai pulso, nós non dubidaremos en loitar polo noso.
 
No caso de que non se cumpran as nosas exixencias e a situación continúe na mesma liña, nós tomaremos tamén o noso camiño: a mobilización do Deportivismo na rúa e a planificación de novas iniciativas para defender o noso sentimento branquiazul".

A afección do Depor esixe explicacións e critica a destitución de De la Barrera

Te puede interesar