Jorge Cano Bermúdez de Castro (A Coruña, 4/7/90) é novo xogador do Compostela para a temporada 2022/23. O experimentado atacante coruñés, cunha ampla traxectoria no fútbol galego, chega dende o Bergantiños, co que disputou os catro últimos cursos, e firma por unha campaña.
Ademais de pola súa dilatada carreira na Segunda División B e Terceira, cun gran rendemento nos equipos polos que pasou, Cano destaca pola súa enorme polivalencia en toda a fronte do ataque, podendo actuar tanto en ambas bandas como de dianteiro. Así mesmo, posúe un gran xogo aéreo e capacidade goleadora, calidades todas elas que levaron á dirección deportiva do club a afrontar a súa incorporación.
No que respecta a súa traxectoria deportiva, o novo xogador branquiazul acumula 120 partidos no Grupo 1 da Segunda B, aos que suma 32 encontros na nova Segunda RFEF. A maiores, tamén conta ás súas costas cunha bagaxe de 268 duelos disputados na Terceira División.
Por tempadas, Cano comezou a destacar nas filas do Atlético Montañeiros, con tres cursos na división de bronce do fútbol nacional. Posteriormente, pasaría un ano polo Fabril e dous no Cerceda, todos eles en Terceira. A seguir, ficharía polo Boiro, onde estivo tres campañas, logrando un ascenso a Segunda B. Por último, os catro últimos anos estivo no Bergantiños, alcanzando tamén un salto de categoría e sendo unha peza capital.
No que se refire á súa faceta goleadora, leva 21 goles entre Segunda B e Segunda RFEF, así como 85 en Terceira.