Estramil (Bergantiños): "É algo que nunca imaxinei, foi unha bonita experiencia"
lll
17º-23º

Estramil (Bergantiños): "É algo que nunca imaxinei, foi unha bonita experiencia"

Estramil (Bergantiños): "É algo que nunca imaxinei, foi unha bonita experiencia"
Daniel Estramil, xogador xuvenil do Bergantiños, nun adestramento co primeiro equipo | bergantiños fc

Usuario

Daniel Estramil Reyes (2004) estreouse o pasado domingo co primeiro equipo do Bergantiños despois de toda unha vida no club. O canteirán, que recalou na entidade carballesa en idade prebenxamín, pasou por todas as categorías ata debutar con 17 anos en Segunda RFEF nun escenario impoñente como Pasarón, contra un histórico como o Pontevedra e cunha vitoria agónica no minuto 88. Mellor, imposible.


“É algo que nunca imaxinei, foi algo inesperado. Non me esperaba que ese momento chegase así. Deuse así e puiden tentar axudar ao equipo. Foi unha bonita experiencia”, relata o propio Estramil sobre o seu debut contra o Pontevedra.


O defensa substituíu a Boedo no minuto 88, segundos antes de que o dianteiro Antón Escobar marcase o que foi o tanto da vitoria para o Bergantiños. Un ingrediente máis para redondear unha estrea que lle colleu por sorpresa.


“Estaba a quentar na banda e pensei que estaban a chamar a un compañeiro. Non sabía que era por min. Dicíanme ’ti, ti’ e eu só preguntaba ‘eu?’. Parecíame bastante raro, pero ao final si que era por min”, comenta Estramil.


A pesar do escenario e o momento do encontro, con 0-0 e o Pontevedra apertando, o canteirán carballés recoñece que estivo “bastante tranquilo” durante o seu debut.


“Non me puxen nervioso. Saín e púxenme a xogar. Non me pasou nada especial pola cabeza. Un partido normal, coma se estivese nun adestramento. Ás veces os nervios si que me xogan malas pasadas pero ese día estaba moi tranquilo”, apunta o defensa.


Doutra banda, Estramil desvela o primeiro que fixo ao chegar ao vestiario despois da súa estrea en partido oficial co primeiro equipo do Bergantiños.


“Cheguei ao vestiario, collín o móbil e púxenme a falar cos meus amigos, que teño un grupo con eles. Estaban todos xuntos porque me estaban vendo pola tele. Dixéronme que estaban moi contentos e que estaban nerviosos”, asegura Estramil, que destacou a felicitación de Jose Cuns: “Levo unha chea de anos con el no club e sempre apoioume, fíxome bastante ilusión a súa felicitación”.


O debut na Segunda RFEF supón un paso máis no camiño de Estramil co primeiro equipo despois de consolidarse na dinámica de traballo do equipo dirixido por José Luis Lemos. O canteirán afirma que mellorou futbolísticamente desde que adestra co conxunto sénior, pero á vez recoñece que non se nota cambios no ámbito persoal.


“Estou contento. É unha boa experiencia. Aprendes moito deles. Noto que cada día estou a mellorar e aprender, pero como persoa non me noto cambiado. Nótome igual que sempre e compórtome igual coa xente. Estou para aprender e noto que vou mellorando dentro do campo, aínda que aos poucos porque no fútbol non melloras dun día para outro”, comenta.


Con todo, algo que si cambiou foi o seu día a día. Estramil admite que apenas dispón de tempo libre e 

mesmo desvela que as súas notas en segundo de Bacharelato se resentiron lixeiramente.


“Chego do colexio ás 14.00 e teño que comer algo apurado. Veño adestrar ás 16.00, os días que son físicos chego bastante cansado a casa e teño que deitarme pronto. Ás 21.30 algunhas veces xa estou en cama, pero lévoo bastante ben. Cústame un pouco compaxinalo con segundo de Bacharelato porque teño exames case cada día. Estou a baixar un pouco as notas, pero é normal”, asegura Estramil, que se apresura a matizar que “aos estudos doulle importancia pero o tempo é xusto. Xa o falei con algún profesor e comparten a mesma opinión ca eu. Fago o que podo co tempo que teño”.


Mensaxe á canteira

Por último, Estramil enviou unha mensaxe aos seus compañeiros do Xuvenil A de Liga Nacional, equipo co que tamén compite, e a todos os integrantes da canteira do Bergan.


“Aos compañeiros do Xuvenil A diríalles que se eu estou aquí, por que non van poder estar eles? Vimos do mesmo equipo. E á base gustaríame transmitirlle que con traballo estas cousas conséguense. Non hai nada doutro mundo aquí. Son xogadores moi bos pero todo o mundo pode chegar a isto con traballo”, conclúe o debutante.

Estramil (Bergantiños): "É algo que nunca imaxinei, foi unha bonita experiencia"

Te puede interesar