Pablo Antas Pereiro (15/10/1990) é, probablemente, un dos xogadores cos que mellor se identifica a idea de xogo do Compostela nos últimos anos. Chegou na tempada do ascenso a Segunda División B e foi peza destacada o pasado curso na tempada de bronce, cando o conxunto santiagués causou sensanción en toda España. Mañá, o Compos recibirá no Verónica Boquete ó Bergantiños, un equipo que aínda non gañou e no que xogou o centrocampista lucense no exercicio 2017/18.
Que o Bergan aínda non gañase ningún partido, faino máis perigoso?
Sempre que tardas en conseguir a primeira vitoria entra un pouco a présa e queres que o seguinte partido chegue canto antes para gañalo. O Bergan é un equipo perigoso para nós independientemente de como chegue en canto a resultados.
Como se saca proveito da ansiedade dun rival necesitado?
Non creo que os xogadores do Bergantiños teñan ansiedade. Se levaran dez xornadas sen gañar sería distinto. Nós temos que ser un equipo forte na nosa casa, onde non queremos que escapen puntos e sairemos coma sempre.
Que espera do Bergantiños a nivel táctico?
Vin dous partidos do Bergantiños, pero non sabería decir como plantexarán este. É un equipo agresivo e Lemos coñécenos. Creo que virán a tratar de dominarnos e xerarnos a través do balón. Queremos ser un equipo moi agresivo tanto coa pelota como sen ela, impoñer o ritmo de partido e levalo ó noso terreo.
Terá moito gañado o equipo que consiga levar a iniciativa no xogo?
A iniciativa pode levarse tanto con balón coma sen el. Esta tempada demos un pasiño adiante nas dúas facetas. Somos capaces de levar o ritmo dos partidos cando temos o balón a través da posesión e do xogo de posición, pero tamén somos perigosos en transicións e contraataques. Queremos estar cómodos en calquera escenario que se poida dar no encontro e levar o partido o noso terreo.
Polo de agora na casa, 3-0 e 3-1. Foi tan superior o Compos ós seus rivais?
No primeiro partido, o Palencia quitounos o balón e fíxonos sufrir por momentos. Marcamos no inicio da primeira e da segunda metade, botáronse arriba e incluso puidemos ampliar o marcador pero o resultado foi enganoso. Contra o Móstoles fixemos unha primeira parte moi boa e na segunda aproveitamos que o rival se descubriu ó estar co marcador en contra. Somos un equipo que, con espazos, fai dano.
Como se presentan os rivais do Compos despois de que fose unha das grans sensacións da pasada tempada na Segunda B?
A categoría é moi igualada e todos os equipos nos ‘tuteamos’. Non hai ningún rival que veña á expectativa do que faga o Compostela. Coñecendo a Lemos e ós seus xogadores, non van vir a especular e moito menos nun derbi. Nós tampouco o facemos nin na casa nin fóra, pero no Vero Boquete moito menos. No primeiro partido o Palencia púxonos as cousas difíciles e no segundo fomos superiores ó Móstoles.
En que se diferencia o Compos de Rodri Veiga do de Yago Iglesias?
Sempre hai diferencias, xa non só polo adestrador senón porque os xogadores non son os mesmos. Yago tiña unhas ideas e Rodri, que estivo con el, mantén moitas das cousas de antes pero o perfil dos futbolistas non é o mesmo e creo que temos un equipo moi amplo e equilibrado no que calquera pode xogar e a medida que pasan as xornadas estamos a sentirnos máis cómodos.
É o Compos un equipo más versátil este ano e non dunha idea tan fixa?
Cantos máis rexistros manexe un equipo, máis posibilidades vai ter de gañar. Ó mellor non temos o perfil de futbolistas capacitados para controlar os partidos desde o xogo de posición como facíamos o ano pasado de forma tan prolongada. Temos outros rexistros en parte porque temos futbolistas verticais, con bo un contra un e no último do tercio do campo estamos a facelo ben.
As alternativas no xogo que manexa o Compos teñen que ver co tipo de futbolistas que ten ou coa idea de Rodri?
Entendo que isto vai de sacar o mellor de cada un e, se temos xogadores que no último tercio son verticais e bos ó espazo, non renunciaremos a iso para facer outras cousas que debiliten as nosas fortalezas. Se somos capaces de facer o xogo de posición que facíamos para xerar ocasións e situacións de finalización, seguiremos facéndoo e, ademais, queremos seguir facéndoo pero se temos opcións de correr con xogadores que son diferenciais a campo aberto, tamén o faremos.
Cambia moito o Rodri segundo adestrador do Rodri adestrador principal?
Cambia porque o seu rol no equipo, tanto co corpo técnico como cos xogadores, é diferente. É un adestrador que fala moito con nós. Temos un diálogo continuo e quere que todo sexa bidireccional: que nos intentamos axudarlle a el en todo o que pidamos e el a nós tamén nos axuda moito. É exfutbolista, sabe como funcionan os vestiarios e ten un grupo fantástico tanto para adestrar como para competir. Non hai ningunha queixa.
Isto vai de sacar o mellor de cada un e temos xogadores verticais e bos ó espazo
Soto, Bicho, Abelenda, Miki… Marcharon xogadores indiscutibles. Acusou o Compos esas baixas?
Ó finalizar cada tempada sempre hai xogadores que marchan e outros que chegan, como en todos os equipos. O ano pasado tiñamos un once máis claro que se repetía bastante a menudo pero este ano hai máis fondo de armario e o míster non repetiu once en ningún partido. Todo o mundo acepta o seu rol, suma cando lle toca e iso é moi importante.
Nota moita diferencia de nivel entre esta Segunda RFEF e a Segunda B da pasada tempada?
Na xornada 4 é complicado dicir se noto o cambio de nivel. O ano pasado había equipos como importante como o Racing, o Depor... Pero creo que a Segunda RFEF vai ser unha categoría moi igualada e competitiva.
Do que viu ata o momento, que foi o que máis lle chamou a atención?
Non vin moito máis dos nosos partidos. Vin un tempo do Bergantiños-Ceares e o Bergantiños-Pontevedra. O Palencia gustoume moito e o Leganés B pareceume un equipo moi, moi interesante.
Despois do temporadón que fixo o Compos a pasada tempada, o obxectivo debe ser o ascenso?
Do que pasou onte xa non se acorda ninguén. Nós queremos adestrar cada día como o estamos a facer, traballar ó máximo nivel cada semana e seguir sumando puntos. Este sábado temos un partido complicadísimo pero queremos gañar na casa e ir semana a semana como fixemos ata agora. Evidentemente queremos estar arriba porque, se gañamos cada semana, estarémolo.
En que momento de xogo se atopa o Compos?
Ó 100% aínda non estamos. Houbo moitos xogadores que tiveron problemas e falta de continuidade durante a pretempada. Estamos adaptándonos porque aínda non nos coñecemos pero, cada día que pasa, o ‘feeling’ entre os compañeiros é cada vez mellor. Tivemos tramos moi bos nalgúns partidos pero tamén outros nos que temos que mellorar. Queremos que eses tramos a un nivel alto de xogo se manteñan no tempo.
A piques de cumprir 31 anos, mantén a mesma ilusión polo fútbol que con 25?
Eu díria que teño máis ilusión con 30 da que tiña con 25. Cada ano que pasa cóidome máis e estou nun sitio fantástico para xogar. Hai un vestiario incrible, lévome ben con todo o mundo, síntome valorado polo club e teño a mesma ilusión ou máis que con 20 e pouco anos.
Esta é a súa terceira tempada no Compos. Deu co equipo para botar anos?
Estou cómodo no Compos, teño a miña vida en Santiago, vivo preto do campo, temos unhas instalacións estupendas para adestrar... Se o club quere que siga, eu seguirei sempre e cando me teñan en conta porque estou moi a gusto.
Hai un vestiario incrible, lévome ben con todos e síntome valorado
Durante moitos anos foi adestrador ou coordinador ademais de futbolista. Segue chamándolle a atención esa parte do fútbol?
Esta tempada non vou adestrar porque me matriculei nun ‘Master’ e en inglés e non vou ter tempo, pero gústame e nun futuro non me importaría vincular a miña actividade profesional a esa rama.
O feito de adestrar fíxolle enfocar o fútbol doutra maneira como xogador?
Tamén pola experiencia e pola madurez pero adestrar axudoume, a nivel persoal e emocional, a ver desde outro punto de vista as decisións que toman os adestradores porque os futbolistas sempre somos egoístas.
Fai nove tempadas, Lemos adestrouno no Cerceda. Que recorda daquela etapa?
Era un chaval que estudaba na Coruña e fun para o Cerceda desde o Órdenes. Foi unha tempada complicada para min. Comezara lesionado porque fracturara o quinto metatarsiano e houbera problemas de impagos durante o ano, pero quedo con que sigo tendo amigos daquela época.
A nivel de xogo, os seus cursos no Compos (ascenso e tempada en Segunda B) foron os mellores da carreira de Antas?
No Somozas estiven dous ou tres anos a bo nivel. Na primeira tempada de Stili, xogando como interior, fixen goles e atopeime moi ben. No Compos teño un rol e unha posición distinta, pero espero que aínda non chegara a miña mellor tempada e que estea por vir.
O Compostela foi unha das grandes sensacións da Segunda División B na pasada campaña.
Había unha conexión moi importante e entendemos moi ben o que quería o míster. Por momentos fomos capaces de levar a idea a cabo, disfrutamos moito e fixemos disfrutar á afección de Santiago.
Quedou gravada a vitoria en Riazor?
O míster era o primeiro que nos inculcaba que cría na idea, que nos tamén debíamos crer e que, se o facíamos, poderíamos competir contra calquera. O equipo viuse identificado coa idea e gañar en Riazor tivo unha repercusión moi importante aínda que ó mellor fixemos mellores partidos que ese contra o Depor.
O posto do adestrador sempre pende dun fío
Pablo fala do seu último adestrador.
Entende que Yago Iglesias non teña equipo esta tempada?
Iso demostra o complicado que é o mundo do adestrador. Levaba cinco tempadas no Compos a un nivel altísimo e deixouno porque é un desgaste importante estar tanto tempo no mesmo club. Necesitaba un cambio de aires con novas metas e novos retos. Eu pensaba que ía ter equipo, pero o posto do adestrador sempre pende dun fío e xa houbo algunha destitución en equipos de Primeira RFEF. Tal e como está agora o mundo de fútbol, que é un fútbol guillotina, con catro ou cinco resultados malos a corda sempre rompe polo mesmo sitio. Seguramente Yago teña a súa oportunidade pronto.
O que me pide Rodri é moi parecido ó que me pedía Yago
Con só 30 anos, Pablo Antas é un dos veteranos do Compostela, que ten moita xuventude esta tempada. O mediocentro do Compos encara a súa terceira tempada en San Lázaro e faino anotando dous goles nos catro primeiros partidos. Rodri quere del algo similar ó que lle pedía Yago Iglesias.
Despois de catro xornadas, como se atopa no campo Pablo Antas?
Estamos empezando e cada vez atópome un pouco mellor. Na pretemporada collín sensacións tanto a nivel físico como á hora de coñecer ós compañeiros pero é certo que despois da segunda vacina (COVID-19) tiven uns días un pouco baixo. Sigo collendo ritmo e indo a mellor.
Fai catro tempadas xogou no Bergantiños. Segue sendo o mismo futbolista?
Co paso dos anos evoluciónase. A experiencia vaiche dando unhas cousas e quitándoche outras. No Bergantiños non tiñamos nin a mesma idea, nin o mesmo estilo, nin o campo era o mesmo. Probablemente non son o mesmo futbolista que fun no Bergan, pero sempre hai cousas que cada un leva consigo e que se manteñen.
No Bergan só xogou un ano pero foi a súa tempada máis goleadora (7). Cal é a explicación?
Esa tempada xoguei un pouco máis adiante. No 1-4-4-2 facíao por fóra en banda dereita. O meu rol cambiou un pouco durante a tempada, pero non recordo (ri) como foron os goles daquel ano.
Puido xogar por fóra pero ser é mediocentro, nin sequera mediapunta.
Síntome cómodo na posición de mediocentro. Teño xogado no doble pivote e nalgún partido da última pretempada de lateral esquerdo nun momento puntual. Creo que teña capacidade para adaptarme a diferentes posicións e non teño problema en axudar ó equipo noutros postos, aínda que me sinta mediocentro.
Cambiaron as funcións de Antas no equipo co relevo no banco?
Intento aportar ó equipo onde me toca. Cando xogo, desde o campo, e cando non xogo, intento aportar noutras facetas axudando a todo o mundo. Teño 30 anos e intento sumar no grupo axudando ós rapaces novos. Temos un equipo moi sano no que todos nos apoiamos.
E no campo? Pídelle Rodri algo diferente do que lle pedía Yago?
Son adestradores parecidos. Con Yago facíamos moito máis a saída de tres e agora en ocasións facémola doutro xeito e Rodri soe manterme por diante. Son matices pero a idea de xogo e o que me pide o míster é moi parecido ó que se me pedía a pasada tempada.