O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no acto de apoio a Iago López Marra organizado polo Real Club Náutico de Portosín previo á partida do regatista aos Xogos Olímpicos de Tokio, onde competirá na clase 49er, xunto co seu compañeiro Diego Botín. O deportista sonense e o seu compañeiro obtiveron a praza olímpica co seu cuarto posto no Campionato do Mundo de 2019 en Nova Zelanda. No momento actual ocupan o cuarto posto no ránking mundial 49er e son vixentes subcampións mundiais. Lete Lasa destacou toda a traxectoria e o traballo de Iago López Marra asegurando que “o éxito está no camiño e no camiño Iago ten demostrado ser de ouro”.
O mandatario galego incidiu unha vez máis no excelente nivel da vela galega. Agora, en Toquio 2020, a vela galega volverá a contar cunha inmellorable representación encabezada polo propio Iago, Támara Echegoyen ou Nico Rodríguez, os tres apoiados en todo momento pola Secretaría Xeral para o Deporte.
O secretario xeral para o Deporte estivo no acto de despedida que o Náutico de Portosín organizou para López Marra
Lete Lasa cifrou este apoio da Xunta que, no caso de Iago, contou coa adquisición en 2019 dunha embarcación tipo 49er para a Real Federación Galega de Vela valorada en máis de 22.000 euros, dos que a Secretaría Xeral financiou o 80% con cargo á orde de adquisición de equipamentos deportivos (a federación de vela adquiriu material por importe de 50.000 euros en 2019 sumando ademais unha furgoneta). Ademais, Iago é un dos deportistas que participa na campaña NON da Secretaría Xeral da Igualdade e das axudas Reto Galicia-Toquio con Igualdade, polas que recibe 5.000 euros. No caso dos deportistas galegos de alto nivel, Iago López obtivo en 2020 unha bolsa de 4.000 euros.