O Servicio Galego de Saúde (Sergas) está a realizar un estudo sobre a incidencia da Covid-19 no deporte federado da comunidade. Este acordo, entre o Inibic-Sergas, as Federacións e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, permitirá valorar en todo momento a posibilidade de contaxio ao longo da actividade deportiva
Inicialmente, deseñouse un estudo para valorar a incidencia de Sars-Cov-2 na poboación infantil e xuvenil (menores de 18 anos) que practica fútbol federado. Nel colaborou a Real Federación Galega de Fútbol. Trala avaliación favorable do Comité de Investigación Clínica da Coruña-Ferrol, púxose en marcha en toda a comunidade autónoma e ampliouse a máis deportes.
As cifras
O estudo finalmente abarca a máis de 180.000 licenzas deportivas federadas e deles, 85.500 teñen entre 4 e 17 anos. Esta cifra supón que no estudo está presente o 27,6% da poboación infanto-xuvenil galega que practica algún dos deportes incluídos no estudo.
Este proxecto está liderado por Rocío Seijo Bestilleiro, enfermeira do CHUAC e responsable da área de investigación en Saúde Poboacional e Coidados Sanitarios do Inibic.
Como investigadores colaboradores participan Jorge Suanzes Hernández e Sonia Pértega Díaz, da Unidade de Apoio á Investigación do CHUAC-Inibic, e membros da mesma área de investigación e Javier Rico Díaz, da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, ademais de María José Pereira, xefa do Servizo de Medicina Preventiva do CHUAC.
Ademáis compre salientar ao ‘Grupo de investigación Aprendizaxe e Control do movemento humano en Actividade Física e Deporte’ da Universidade de A Coruña, no que participan Rafael Martín Acero, Joaquín Gómez Varela e Dan Río Rodríguez.
Coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, este estudo tamén lévase a cabo na totalidade das federacións galegas.
“Hai evidencia concluínte de que a actividade física frecuente mellora substancialmente a forma física e o estado de saúde de nenos e novos. En comparación cos nenos e mozos inactivos, os que fan exercicio presentan un mellor estado cardiorrespiratorio e maior resistencia muscular, e unha mellora da súa saúde, menor graxa corporal, un perfil de risco de enfermidade cardiovascular e metabólica máis favorable, unha mellor saúde ósea, e unha menor presenza de síntomas de ansiedade e depresión. A limitación da práctica deportiva como consecuencia da pandemia, en poboación infantil e xuvenil e, en particular, as limitacións da práctica deportiva federada, poden ter importantes repercusións na saúde física e emocional deste grupo poboacional, sen documentarse ata o momento a incidencia real do Sars-Cov-2 neste ámbito”, comentou Rocío Seijo.
Cos datos dos que se dispón ata este momento, pódese afirmar que a incidencia da enfermidade pola Covid-19 é inferior no deporte federado nos mesmos rangos de idade e en ambos sexos que na poboación xeral. Ademais é mesmo inferior naqueles rangos de idade nos que se realizan tests de cribado cada 14 días ao 100% dos deportistas xa na fase de adestramento. Os brotes detectados apenas afectan ao 0,2% dos equipos. Estes datos poñen de manifesto a seguridade dos protocolos e o bo rastrexo na comunidade que leva a cabo o Sergas.