Dana vai pasar a historia coma un nomemaldito, lembrado con medo, tristeza, angustia e desconsolo. Na hora na que estou escribindo leva causados máis de duascentas persoas falecidas, centos e centos de desaparecidos, milleiros de casas sen electricidade nin auga potable. Moita xente que recolle, coma poden, con vasoiras, coas mans, os restos desta desgraza. Moitas persoas que quedaron sen nada.
Dana vai ser lembrada tamén coma un exemplo de solidariedade, de humanidade, de persoas que arriscaron a súa vida para salvar a doutras, de quen vai axudar coma pode, a levar auga e alimentos, ou colaborar na limpeza.
Seguimos con consternación todas as imaxes, todas as novas, que saen cada momento. Pero este fin de semana vai haber xornada da LFP, da Liga Feminina, ligas non profesionais da Federación de fútbol, da Liga Endesa e demais ligas profesionais e semi profesionais en calquera disciplina deportiva.
Atribúen a Arrigo Sacchi a frase “O fútbol é a cousa máis importante dentro do menos importante”. Son incapaz de quitarlle a razón. O meu carácter muda segundo o resultado do Deportivo, ou doutros equipos que sigo.
Son abonado do Deportivo, do Deportivo Feminino, do Basquet Coruña, do Liceo e do Marte (sempre o fútbol do barrio). Non, non vou a todos os partidos, pero si a moitos, aos que as miñas fillas e a conciliación me permiten.
E gozo vendo partidos de fútbol de moitos sitios do mundo.
A miña vida é mellor cando xogan “os meus” equipos. Aínda que perdan. Eses nervios “bonitos” antes e durante o partido, ese pensar no partido despois de rematar son únicos. A miña vida é mellor cando vexo un bo partido de fútbol. Pero a miña vida sería mellorse esta fin de semana non se xogase.
Calquera seareiro de calquera equipo lembra xornadas con vitorias, duras derrotas, partidos especiais por moitos motivos. A mellor lembranza para a xornada do 2 ao 4 de Novembro de 2024 sería que nunca se celebrou por solidariedade, por empatía, por humanidade. Unha xornada sen goles, sen canastras, sen grandes xogadas. E amosar o cariño de todo o mundo do deporte.
Seguro que en todos os grandesestadios, os campos máis humildes, nos pavillóns, os minutos de silencio van ser ensordecedores, os aplausos inmensos. Pero a mellor homenaxe sería non xogar e amosar a solidariedade, a humanidade con quen o está pasando mal. Porque neses sentimentos tamén están os valores do deporte. Xa habería aplausos e minutos de silencio.
Dicía Galeano que “era un mendigo de boas xogadas de fútbol.
O fin de semana do 2 ao 4 de Novembro de 2024 debería pasar a historia coma a xornada onde a mellor xogada de todas foi a que nunca tivo lugar.
Porque si, hai cousas moito máis importantes que o fútbol.