Yeremay, stand by us
lll
17º-23º

Yeremay, stand by us

Yeremay, stand by us
Yeremay

Usuario

Estes días, eu, que xa sobordei os 80, dei en pensar como se pode sentir Yeremay con toda a súa vida por diante, a deportiva e a outra, que el agora vive como se fosen a mesma, aínda que -asegúrocho, rapaz- non o son, un é moito máis que o traballo dun, por moito que o traballo sexa tamén a túa paixón.


Dígoo porque estes días o vexo, a Yeremay, atravesado por dúas pulsións distintas, a de continuar a ser o heroe local dun club absolutamente singular (en que outra cidade se tería chegado a 23.000 abonados coa equipa na terceira categoría?) ou a de asinar o primeiro grande contrato da súa carreira. Ai, amigos, que difícil decisión!


O ‘catedrático’ rosmón que é o meu veciño de cadeira en Riazor lembra episodios anteriores, a marcha de Amancio e Veloso ao Real Madrid, o amago da aterraxe de Fran en Chamartín, a fuxida de Rivaldo no último segundo da xanela de fichaxes rumo ao Nou Camp.


O aprendiz de adestrador, o rapaciño novo ao que tamén vexo cada quince días no estadio, dime que el o tería claro. Só se vive dúas veces e se cadra o Chelsea é un tren que non volve pasar por diante da porta. “Un día ou outro marchará”, dinme fatalistas os meus compañeiros de localidade riazoreña. “E non só el, Mella tamén”, engaden.


Son dun país de cultura maioritariamente protestante, así que non podo evitar ver a vida desde un certo prisma mercantilista. O capitalismo –que tanto ten a ver, nas súas orixes, coa reforma de Lutero–fai de nós unha mercadoría máis. Cada unha cun valor de cambio distinto.


A escaseza marca ese valor. Yeremay e Mella son escasísimos. Hai poucos futbolistas, se cadra algúns, dese calibre na Segunda División. E, postos a continuar cunha análise marxiana básica, non tería nada de estraño que o club non vise con maos ollos a venda deses activos con vistas a recapitalizarse (a venda, previo pago da cláusula de rescisión, of course). Até aquí todo normal.


O fútbol é hoxe un negocio. Aquí, nos EUA e na República Popular China (aínda que na República Popular a burbulla xa estalou, na liga española algunhas non acaban de estalar porque, como os bancos, hai clubs demasiado grandes como para os deixar caer).


E a verdade é que eu, aínda sendo un octoxenario, non vou caer na glorificación do pasado nin vou subscribir o anxelical odio ao fútbol moderno que vigora nas redes sociais (e que vexo como un slogan un chisco impostado). Nunca acreditei naquilo de que todo tempo pasado foi mellor. No fondo, aínda que escéptico, son un tipo que pensa que, embora de forma non sempre lineal (Deus escrebe dereito con ringleiras tortas), as sociedades avanzan e melloran.


E o deporte –tamén o soccer–está mellor do que cando eu era mozo (desde logo, as condicións en que se practica están a anos luz dos anos 50 da miña infancia, hoxe apenas se perden talentos e o número de crianzas federadas non admite comparación con ningún tempo pretérito).


Non me quero enguedellar máis. Estamos no mercado de inverno –facendo votos por que non sexa o inverno do descontentamento inmortalizado por Shakespeare no ‘Ricardo III’— e seica todo pasar até as 23.59 horas do 3 de febreiro (acabo de consultar google e nese minuto acaba o prazo para vender ou fichar xogadores). O Dépor pode facer caixa e tamén pode investir diñeiro en completar o plantel (leo nalgures a hipótese de incorporar Iker Bravo, disque un rapaz de 20 anos con abondo potencial).


Canto a Yeremay, ten todo o dereito a procurar o mellor para si propio. O que decida Yeremay, ben decidido estará. Mais como inquilino dunha cadeira en Riazor e recente deportivista, non me podo subtraer ao irracionalismo que goberna o planeta fútbol. Así que desde a paixón e non desde a razón, e por suposto desde o respecto á calquera decisión que tomes, Yeremay, este estadunidense octoxenario e deportivista recente atrévese a dicirche: Yeremay, stand by us, fica connosco. Dígocho tan desde o corazón que o fago na miña lingua nai, coa tradución a aqueloutra que tamén estou a facer miña.

Yeremay, stand by us

Te puede interesar