Moitas veces enchemos a boca dicindo iso tan manido de “odio eterno ao fútbol moderno” e tendemos a romantizar o fútbol de antes, máis que nada porque eramos novos e por historias que nos contan. Sempre falaremos de Franz Beckenbauer que no Alemaña- Italia no Mundial de 1970, “o partido do século”, xogou 50 minutos co ombro dislocado, ou de Terry Butcher que xogou o Inglaterra-Suecia do Mundial de 1990 case todo o partido coa camiseta e a cara cheas de sangue. E centos e centos de historias épicas de futbolistas que seguiron xogando lesionados.
Pero o fútbol moderno trouxo moitas cousas boas, un gran avance nas tácticas, na preparación física, mellores sistemas de adestramento, moitos partidos retransmitidos por televisión, desprazamentos masivos de seareiros... E novas competicións. E a Supercopa de España, neste novo formato a estas alturas de temporada, é un acerto abalado polo interese do público e grandes audiencias televisivas. Xa non son dous partidos a ida e volta a comezos de temporada sen o actual interese mediatico.
A partir do 2020 este torneo, tan atractivo e bonito, pasou a disputarse en Arabia Saudí cun acordo que vai chegar ata 2029. Un acordo que supón 40 millóns de euros por edición. Si, moito diñeiro, e o fútbol moderno precisa moito diñeiro. A RFEF quere ampliar ese vencello cos saudís ata 2034, cando se celebre no país asiático o Mundial que virá despois do que acolleremos na Coruña. Da igual que os seareiros dos equipos participantes non poidan desprazarse. Son moitos millóns, e son moi necesarios. De feito, coa posibilidade dun novo contrato o presidente da RFEF, Rafael Louzán, fala dun reparto que repercuta ainda máis nos equipos de categorías modestas..
Pero paga a pena celebrar a Supercopa en Arabia Saudí?
Segundo os datos de Amnistía Internacional Arabia Saudí está acusada de asasinar en Iemen a máis de 250.000 persoas con bombardeos indiscriminados contra a poboación civil.
É o terceiro país do mundo no que hai máis execucións, incluso a menores de idade.
A homosexualidade está castigada con cárcere, mesmo con latigazos e con pena de morte.
Non existe o dereito de liberdade de expresión, criticar ao goberno publicamente pode supor máis de 15 anos de cárcere.
Son continuos os abusos laborais aos inmigrantes, incluso con agresións, non pagar soldos ou expulsións arbitrarias do país.
Arabia Saudí ocupa un triste posto 170, dun total de 180, entre as nacións con menor liberdade de prensa.
É un dos países con maior desigualdade de xénero, cunha represión cotiá e terrible cara as mulleres.
40 millóns. ou máis se cadra, por cada Supercopa en Arabia Saudí son moitos millóns, diñeiro imprescindible para o fútbol moderno, mesmo parte dese diñeiro vai destinado para o fútbol de base e o modesto.
Pero volvo a preguntarme, volvamos a preguntarnos: paga a pena?
O fútbol moderno ten moitas cousas boas, a Supercopa entre elas. Pero non a calquera prezo.
Mellor non ensuciar a redonda xogando competicións futbolísticas españolas en tiranías. Porque iso si que non é fútbol moderno.