Santi Canedo: "Jorge Cuesta é un adestrador esixente e con ambición”
lll
17º-23º

Santi Canedo: "Jorge Cuesta é un adestrador esixente e con ambición”

Santi Canedo: "Jorge Cuesta é un adestrador esixente e con ambición”
Santi Canedo (28 anos), o pasado sábado no triangular ante Compostela e Ourense CF en Vista Alegre (Ordes) | Bergan FC

Usuario

Un dos motivos polos que o Bergantiños gañou a liga e conseguiu o ascenso a Segunda Federación a pasada tempada foi polo seu sensacional rendemento defensivo. O equipo carballés foi campión de Terceira sendo o menos goleado do campionato con 19 tantos recibidos en 34 xornadas. Nas 31 primeiras, as que necesitou o Bergan para certificar o título, o porteiro foi o capitán Santi Canedo, que encaixou só 17. Foi unha campaña espectacular a nivel individual para el pero o gardamallas carballés quere máis no novo curso na Segunda Federación, categoría á que o club das Eiroas regresa só un ano despois de sufrir un descenso que doeu moito.

 

Fai algo máis de catro meses da súa última entrevista en dxt campeón. Faltaban seis xornadas para que rematase a liga. O Bergantiños aínda non era campión. Como foi o final da pasada tempada?
Foi, ao mesmo tempo, unha alegría e unha especie de alivio. Non vou negar que existía certa presión para lograr o obxectivo pero, se no fútbol queres disfrutar de momentos así, tes que saber lidiar con iso; xa sexa en rexional, como Terceira Federación ou na final da Champions.

 

Cando un equipo ten tan preto o obxectivo, os partidos restantes para certificar un título saboréanse ou sófrense?
Creo que a palabra sufrir non sería a correcta senón máis ben esa ansia durante a semana para despois conseguir gañar os partidos. Recordo que o equipo amosara unha solidez á hora de competir moi boa e, cando iso ocorre no campo, un disfruta véndoo.

 

Que recorda do día no que conseguiron o ascenso?
O primeiro que recordo é estar vixiando ao meu avó, que é o socio número 11 do Bergantiños, momentos antes do pitido final. Pola súa idade, soe saír do campo antes de que rematen os partidos para evitar moita aglomeración de xente. Cando pitou o final o árbitro fun correndo para fóra, ao aparcamento, para darlle unha aperta. Sempre ven verme a todos os partidos e consideraba que tiña que celebralo un momento con el.

 

Os ascensos teñen adicatorias ou só se celebran?
Ambas. Eu en especial adícollo ao meu círculo cercano: á miña parella, aos meus amigos e á miña familia. E despois, a celebración, é con eles.


Tivo que cumprir algunha promesa por gañar a liga?
Prometín facerme trenzas, pero a verdade é que recollín moito cable (ri).

 

Foi menos especial este salto de categoría porque o Bergan só levaba unha tempada en Terceira?
Todos son especiais. Todos os ascensos teñen un proceso diferente un doutro. Ademais, foi unha tempada na que o club tamén aprendeu e seguiu medrando.

 

O Bergan foi campión a falta de tres xornadas para que rematase a liga. Foi tan superior aos seus rivais?
Se gañas unha liga é porque, obviamente, fuches superior aos teus rivais. Durante a tempada, hai momentos nos que o rendemento é mellor ou peor, pero creo que fomos regulares nos partidos e iso foi o que nos axudou a lograr o campionato.

 

Foise inxusto con Secho a pasada tempada?
Non sei se a palabra sería inxustiza, pero creo que Secho non tivo un camiño fácil durante a tempada debido a todo o que se atopou. A todos os integrantes do club pesounos un pouco, nalgún momento, ese papel de favorito para ascender e non foi un camiño de rosas para ningún de nós.

 

Chama a atención que un adestrador que se proclama campión con tanta vantaxe e consegue un ascenso non continúe un ano máis. A Santi sorprendeulle?
Non é a primeira vez que se ve isto no fútbol. Ano tras ano vas vivindo tantas cousas no fútbol que xa non che sorprende nada. Obviamente, chama á atención no deporte que, ao ter éxito, non se continúe, porque normalmente segues co que che vai ben.

 

Tamén houbo xogadores moi importantes para acadar o título de liga, como Álex Cabarcos, que foi o futbolista con máis minutos disputados do equipo, aos que se lle deu a baixa. Como capitán, doeulle especialmente algunha saída?
As saídas sempre doen e de xogadores con tanto peso a nivel de minutaxe como Cabarcos chama máis a atención. Esas decisións non son parte da parcela dun xogador e hai que saber convivir con esas situacións porque non son da nosa competencia por moito que nos doan. Ademais, ao final alégrame que Cabarcos estea nun gran club como a UD Ourense, que vai pelexar por ascender.

 

En que aspectos cambiou o Bergantiños da pasada tempada a esta?
O Bergan ten moito potencial. Ano tras ano vai dando pequenos pasos que o fan mellor club. Ademais, iso tamén se vai conseguindo no día a día. Os xogadores tamén axudamos a crecer ao club expresando nosas necesidades e, sobre todo, co noso rendemento. Parece insignificante, pero ascender e clasificarnos para a Copa do Rei axuda ao club, por exemplo, a nivel económico entre outras tantas cousas, igual que o club nos axuda a nós.

 

Como é Jorge Cuesta?
É un adestrador con ambición, algo que transmite no día a día. É cercano pero, á vez, esixente e iso quere decir que nos quere axudar a sacar o mellor de nós mesmos. A súa idea é a de ter o balón o máximo tempo posible sendo verticais e, tras perdelo, recuperalo o antes posible sendo agresivos.

 

Pídelle algo aos porteiros diferente ao que lle pedían a Santi outros adestradores?
Esíxenos responsabilidade na saída de balón e estar en constante comunicación co equipo atendendo ás demandas defensivas.

 

Como se está a atopar nesta pretempada?
Sinto que estou indo de menos a máis aínda que me noto lonxe do rendemento da tempada pasada. O bo é que, coa experiencia, vas sabendo que é o que che fai falta para acadar ese plus.

 

Pasou de ter compañeiros con moita experiencia como Cristopher, Brais Pereiro e Cobo a ter de parella a Cote, un porteiro moi novo se apenas partidos en Terceira. Como é a competencia con el?
Sempre digo que Cote é unha marabilla de rapaz. É importantísimo dentro do grupo, incluso atreveríame a dicir que moito máis que outros que levamos máis anos no clube. Desde que chegou segue crecendo a todos os niveis na portería (técnico, táctico, sicolóxico…) porque  sabe escoitar e quere aprender.

 

En canto á parcela dos porteiros, o adestrador específico é Juan Clamarunda, un rapaz de 22 anos. É raro que o seu preparador sexa bastante máis novo ca vostede.
Fasme sentir algo vello (ri). É bo rodearse de xente nova, coñecer novas formas de ver e facer as cousas. De todo sempre se aprende e, nese aspecto, con Juan ímolo facer.

 

A que xogará o novo Bergan?
A non ter medo. Queremos ser valentes tanto a nivel ofensivo como defensivo.

 

Que lle está a parecer o nivel que está dando o equipo nos partidos da pretempada?
A liña xeral é boa, pero é como todas as pretempadas: hai cousas boas e cousas malas. Estamos a corrixir os puntos que todos temos que mellorar e, se o facemos, a tempada pode ser moi bonita.

 

Sorpréndelle algunha das fichaxes ou algún dos xogadores da pasada tempada que deran un paso adiante?
Si, por descoñecemento deles. Agora mesmo nótase que estamos en Segunda Federación. Sobre todo nótoo na xente da pasada tempada. Subiuse de categoría e a xente subiu o seu rendemento. A competencia é maior este ano.

 

Desde fai unha semana, o Bergantiños adestra no novo céspede das Eiroas. As dimensións son as mesmas pero, en que se nota o novo tapete?
A única diferencia que noto é o bote do balón porque o pelo do céspede está novo e o balón roda de marabilla cando está regado. Despois, segue sendo o mesmo campo. A base de amortiguación e o caucho seguen sendo os do campo vello. Agora mesmo está espectacular, pero creo que o tempo de vida do campo vaise asemellar ao antigo.

 

En que inflúe o estado da superficie a un porteiro?
No que mais inflúe é no estado de saúde dos deportistas. Un campo en condicións prevén de moitas lesións.

 

Será beneficioso para a idea de xogo do equipo ou é un aspecto que non ten tanta importancia?
Non é unha excusa barata, pero quen diga que un terreo de xogo non condiciona unha forma de xogar, síntoo, pero non ten idea do que fala. Unhas boas condicións permiten desenvolver mellor unha idea, pero non é o que determina un partido posto que o rival xoga no mesmo campo ca ti.

 

Que Segunda Federación agarda?
Coma sempre, atractiva. Visitar equipos de fóra de Galicia, xunto cos seus estadios, é moi atractivo de cara o xogador. Creo que é unha competición similar á ‘Liga Hypertension’, como soen chamar á Segunda. Estás a tres puntos do ‘playoff’ e podes estar a un do descenso. O mínimo detalle será esencial.

 

Cal será o obxectivo de Santi Canedo?
Conseguir a permanencia. Non quero volver a vivir o do último ano en Segunda Federación. A partir de aí, axudar ao equipo en todo o que poida. Obviamente, quero xogar o máximo posible para desfrutar da categoría, pero todo non depende do xogador sempre. 

 

Ademais de ser porteiro do primeiro equipo do Bergan, dirixe unha escola de porteiros xunto a Julián Couto. En que consiste este proxecto?
É un proxecto que me fai moitisima ilusion e finalmente animeime porque Julián aceptaba traballar xuntos, ademais de que na casa tirábanme das orellas se non me atrevía (ri). Queremos innovar e aprender do que poida surxir, utilizar as novas tecnoloxías para axudar aos rapaces, queremos gravar as sesións para que se vexan e en casos concretos realizar cortes; e nas vacacións de nadal e verán presentarlles un informe de avaliación para que sexan conscientes do seu progreso e saiban onde deben enfocarse. Todo a través de grupos reducidos, ademais de que ofrecemos adestramentos individuais para quen o desexe. E non é só para os porteiros do Bergantiños. Poden vir porteiros de calquera club da provincia da Coruña.

 

Gustaríalle enfocar o seu futuro por esa rama?
Encantaríame pero sabemos, tanto Julián como min, que o rol de adestrador de porteiros está infravalorado. Para vivir do adestramento de porteiros tes que estar nun sitio privilexiado.

 

Canto tempo lle ocupa e de que parte se encarga Santi?
Acabei de graduarme, podo adicarlle o tempo que queira e iso encántame. Julian e eu encargarémonos dos nenos de 13 ata 18 anos, concretamente as categorías infantil, cadete e xuvenil. O noso outro compañeiro neste proxecto, Chapas, encargarase das categorías prebenxamín, benxamín e alevín.

 

 

Santi Canedo: "Jorge Cuesta é un adestrador esixente e con ambición”

Te puede interesar