Pablo Vigo Ameal (Camariñas, 1984) necesita pouca presentación. O defensa de 37 anos conta cunha longa traxectoria en Terceira División e Preferente en múltiples equipos onde foi recompilando éxitos e títulos, como as cinco Copas da Costa das que presume orgulloso, e tamén algunha que outra decepción.
Unha carreira que esta tempada levoulle de volta ao Betanzos, equipo que vai líder en solitario de Preferente Norte tras un inicio impoluto, despois de tres campañas defendendo as cores do Fisterra. Mañá reencóntrase co seu pasado recente no Ara Solis (18.00 horas) coa intención de gañar para seguir no máis alto da táboa, a pesar do agarimo que declara ter polo seu exequipo.
Que significa para ti o Fisterra?
Despois de tres anos alí nos que me trataron como na casa, considero o Fisterra parte da familia.
A quen tes ganas de ver no partido?
O domingo teño ganas de ver tanto a calquera dos compañeiros que coincidimos no campo como a xente do pobo que viña ver os partidos. Ao final, o que sacas do fútbol son coñecidos, amigos...
Xa falaches esta semana con alguén de Fisterra ou do teu exequipo? Algún pique san, aposta ou comentario que se poida contar?
Sempre falas con algún que outro compañeiro aproveitando a ocasión para verse con eles. Nunca faltan piques, bromas e coñas. Son piques sans, entre amigos, nos que sempre aposto por que gañaremos nós. Váleme un 0-1 no último minuto (risas).
Que destacarías do teu paso polo Fisterra?
Quedo con todos os bos momentos vividos alí. O ascenso histórico a Terceira División, gañar a miña quinta Copa da Costa e o día que naceu a miña filla. Todo isto polo medio dunha pandemia.
Tamén houbo momentos difíciles. Tes algunha espiña da túa estancia alí?
No medio deses tres anos pasamos por unha pandemia que condicionou moito o noso paso por Terceira División. Seguro que noutras circunstancias poderiamos gozar máis.
Tes un idilio coa Copa da Costa. O teu quinto título foi a mellor maneira de despedirse do Fisterra?
Grazas a deus, as cinco finais da Costa que puiden disputar, fun vencedor nas cinco. Calquera que sexa da Costa sabe o que significa ese torneo para nós. Poder gañar e despedirme do Fisterra con ese título é un privilexio. Me enorgullece moito poder formar parte da historia do club.
Sobre o partido de mañá no Ara Solis, que tipo de Fisterra esperas?
Espero un Fisterra moi forte e aguerrido, que no seu campo aínda se fai moito máis forte co apoio dos Rapacollon’s e todo o seu público, un ambiente de fútbol verdadeiro.
É favorito o Betanzos polo gran inicio de campionato que levades?
Non. En Fisterra sempre é o Fisterra o favorito polas dimensións do campo, polo apoio que teñen da xente... Vai ser moi difícil traer algo positivo de alí pero a iso imos.
Este inicio de liga sitúavos como candidatos ao ascenso a Terceira?
As cousas non son como empezan. Acabamos de empezar a liga, xornada 5. O tempo dirá onde debemos estar. Imos por bo camiño.
Que tal foi a túa adaptación ao equipo?
Cada vez atópome mellor, imos coñecéndonos máis os compañeiros e a idea de xogo. Cada semana que pasa estou máis cómodo.
Que che pide Noé López? En que demarcación estás a xogar normalmente?
Noé pídeme a min e a cada un de nós que nos esixamos o máximo, que a liga é moi longa, que vaiamos partido a partido e ao final veremos o resultado. A min particularmente estame utilizando tanto de lateral como de central esquerdo.
Que obxectivo tes persoalmente para esta tempada no Betanzos?
O meu obxectivo segue sendo poder gozar do que me gusta competindo ao máximo e poder axudar ao equipo para estar onde se merece.