Un referente do xornalismo deportivo galego. Óscar Benito inicia hoxe a cuadraxésima tempada do clásico programa de TVG En Xogo. Todo un reto para este rostro coruñés que capitanea un equipo de primeiro nivel que achega cada fin de semana as novas do deporte da nosa comunidade.
Máis que satisfeito coa súa traxectoria, Benito atópase ilusionado ante o desafío de continuar sendo o nexo de unión dos seareiros galaicos.
Un clásico da TVG como En Xogo cumpre catro décadas nas pantallas...
Son concretamente 40 tempadas, a primeira foi a 85-86, cando abriu a televisión galega; o primeiro programa foi no mes de agosto e agora facemos corenta tempadas. Non hai moitos programas deportivos a nivel español que teñan tantos anos, diría que prácticamente ningún.
Persoalmente cantos leva vostede vencellado a este proxecto?
Pois comecei a presentar este programa en febreiro de 2006, ou sexa, hai máis de 18 anos.
Pasaron rápido?
A verdade é que pasaron voando. Moi rápido.
De cara á vindeira campaña, contan co mesmo equipo de colaboradores?
Pois estarán Dani Mallo, Roberto Lago, Luis Timiraos e Gustavo Varela, que é imprescindible para o fútbol galego. Non temos previstas moitas variacións respecto ao ano pasado. Se cadra, poderemos darlle algunha voltiña, como cada tempada para que non sexa sempre igual o programa. Pero desde logo que vai ser o En Xogo de sempre, dando resumos da xornada futbolística, sen grandes estridencias, para que a xente poida ver tranquilamente o domingo de noite ao seu equipo.
Estará entre vostedes un exdeportivista moi querido como Dani Mallo, que cada día está máis solto diante das cámaras...
Dende o principio parece que levaba anos facendo este traballo. Exprésase moi ben en galego tamén. Iso axuda moito. Como persoa é excepcional. Estamos encantadísimos con Dani.
En todos estes anos pasaron convidados de referencia no deporte galego...
Si, a última tempada foi un tanto máis limitada neste sentido por cuestións loxísticas pero o certo é que pasaron adestradores, xogadores, presidentes de clubes galegos... Nese sentido agradecemos a colaboración de todos. Lembro con moito agarimo a presenza de históricos como Arsenio Iglesias ou Luis Suárez, quen pagou el mesmo a viaxe desde Italia para estar con nós. Démoslle unha réplica do Balón de Ouro porque o orixinal está no museo do FC Barcelona. Quedou encantado. Houbo especiais históricos do Celta, do Depor, do Compos... Temos recibido a xente encantadora como Borja Iglesias, Lucas Pérez, Iago Aspas... Adestradores como Oltra, Paco Herrera tamén estiveron.
Sempre fuxiron vostedes do xornalismo sensacionalista tan en boga...
Si, iso é algo que temos claro dende a dirección ata todos os profesionais que facemos o programa. Houbo algún momento puntual hai anos no que se pensou en facer algunha tertulia diferente pero non prosperou. A nosa esencia é a mesma de sempre, dar o máximo do fútbol galego. Xa nos gustaría ter recursos para todo e máis tempo para dar profundidade a todos os equipos galegos. Os clubes profesionais requiren do seu tempo e ata as 23.00 horas non podemos iniciar con estes equipos. Tratamos coa mesma ilusión dende a Primeira División ata a Terceira galega.
Supoño que estará farto desta pregunta pero como levan os comentarios de que son deportivistas ou celtistas?
O En Xogo alcanzou a súa excelencia co paso dos anos porque en Vigo pensan que somos do Deportivo e na Coruña pensan que somos do Celta. É un clásico. O certo é que podemos meter a pata algún día, pero o que facemos é de todos. Temos profesionais de todos lados e non temos ningunha intención de beneficiar a ninguén, sen preferencia por ningún clube en especial.
Como viviu a nivel persoal o ascenso do Deportivo?
Foi unha alegría que un equipo galego recuperase o seu sitio, que é o fútbol profesional e xa veremos canto tempo tarda en estar en Primeira División. Neste caso acabou a tempada ben para o Depor, tamén para o Racing e coa salvación do Celta. Quedounos a mágoa do non ascenso do Pontevedra. O Celta Fortuna tampouco puido subir. Para nós egoístamente estabamos a dar a Primeira Federación e agora xa non podemos, pero para o fútbol galego canto máis arriba estean os equipos, moito mellor, lóxicamente.
Que agarda dos tres clubes do fútbol profesional galego na 24-25?
O Celta este ano está ilusionado con que se acaben os apuros dourtras tempadas, este ano con Claudio Giráldez estou seguro de que a cousa mellorará. Con Borja Iglesias esperemos que sexa así. Aínda estamos pendentes do mercado pero creo que este ano o Celta non sufrirá tanto. O Racing de Ferrol é unha incógnita porque cambiou moito, é un clube que non ten filial e iso é importante á hora de configurar o equipo. No caso do Deportivo estamos á espera de como pecha o mercado. Ten a base do equipo xa feita. O salto á Segunda pode ser bó porque hai xogadores de moita calidade.
Cunha audiencia tan fiel como a súa, van a por outros corenta anos?
Como mínimo e seguro que si porque En Xogo mantén a súa filosofía e os “enxogueiros” manteñen o seu interese. Hai outras opcións pero cremos que a mellor para Galicia é a nosa. Esperemos estar moitos anos aí. Tentamos facer o programa interactivo, o contacto coa xente é vital.