O Concello da Coruña celebrará o XXXVI Día do Deporte na Rúa como colofón á actividade do curso 2022-2023 das Escolas Deportivas Municipais.
A cita ten como obxectivo promocionar as diferentes disciplinas deportivas que se practican na cidade co obxectivo de promocionar os distintos clubs e entidades deportivas dun xeito lúdico e participativo e achegar á cidadanía os beneficios da práctica deportiva.
O Día do Deporte celebrarase este domingo, 18 de xuño, e contará cun total de 65 disciplinas deportivas dispoñibles dende fútbol, baloncesto, bádminton, ximnasia artística, taekwondo, escalada, marcha nórdica ou boxeo. Tamén se inclúen deportes náuticos como waterpolo, windsurf ou natación entre moitas outras.
Todas as actividades se desenvolverán na contorna de Riazor. Os deportes náuticos desenvolveranse na praia de Riazor con excepción de surf adaptado, que se localizará na praia do Orzán.
Todas as actividades son de balde e abertas a todas as idades e desenvolveranse en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas.
Este ano, un total de 75 entidades se sumaron á celebración do Día do Deporte colaborando co Concello da Coruña. O obxectivo deste día é dar a coñecer as diferentes prácticas deportivas que se ofertan na cidade e completar unha programación ampla e diversa, con actividades como a actuatlón e xincana infantil, Jiu Jitsu, carreiras de orientación, dardos ou fútbol gaélico.
Deste xeito, o Concello mantén o seu apoio ao sector deportivo da cidade achegando o seu traballo á veciñanza e fomentando o deporte.