O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, descubrirá hoxe unha placa co novo nome do estadio universitario de Elviña, que se chamará Estadio Universitario A Mariña Dourada.
O novo nome forma parte dun proxecto de recuperación do patrimonio cultural vinculado á UDC da parroquia de Elviña, promovido pola vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte, Cristina López Villar. Neste sentido A Mariña Dourada fai referencia ao topónimo orixinal da zona. Alude ás antigas e vizosas terras de labradío e viñas que cubrían o lugar.
Tras esta inauguración está previsto seguir recuperando a toponimia noutras zonas do Campus Universitario, así como a idea de visibilizar o patrimonio propio da Universidade da Coruña, tanto de edificios históricos, como de pezas de museo que existen en diferentes facultades e centros.