A sede de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, no concello coruñés de Abegondo, acolleu onte a presentación oficial do Raid Gallaecia ‘Campionato de Europa de carreiras de aventura 2022’, que se celebrará a próxima fin de semana no territorio Reserva da Biosfera.
Pablo López Franco, director de carreira, agradeceu o apoio de todos os patrocinadores e, “especialmente”, a acollida de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo como destino anfitrión do Campionato de Europa, “o mellor sitio posible, á beira da nosa casa, para pechar temporalmente un proxecto co que levamos desde 2005, cando organizamos a primeira carreira de aventura en Galicia e que, desde 2015, forma parte das Series Mundiais”.
López Franco desvelou algúns dos detalles da proba que se celebrará a próxima fin de semana, con inicio e final na praza Irmáns García Naveira de Betanzos: “A carreira vai contar cuns 200 quilómetros non-stop combinando as disciplinas de trekking, bicicleta de montaña, kaiak de río e de mar e unha proba especial de rápel na Torre do Reloxo, todo isto baixo o marco da orientación e nun percorrido sen balizas plásticas”.
O Campionato de Europa de carreiras de aventura 2022 “vai ter un seguimento mundial a través da aplicación de xeolocalización Tracktherace” e “un punto físico de seguimento cunha pantalla xigante e un comentarista na praza Irmáns García Naveira desde a saída ata o peche da meta. Animamos a toda a xente a que se achegue a seguir este evento, que vai ser espectacular”, finalizou.
“Este Campionato de Europa de carreiras de aventura é unha parte máis da Reserva e do seu desenvolvemento sostible. É un orgullo para nós contar cun evento deportivo tan respectuoso co medio ambiente no noso territorio”, celebrou José Antonio Santiso, presidente de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Pola súa banda, Francisco Gómez Cobas, presidente da Federación Española de Orientación, lembrou que “o Campionato do Mundo” que organizou o Raid Gallaecia en 2021 “foi un gran éxito” e aproveitou para brindar todo o seu apoio a “unha especialidade de impacto mundial”.
Finalmente, Javier Alvelo, responsable da Federación Galega de Orientación, reivindicou o carácter sostible das carreiras de aventura: “As persoas que xestionan as zonas protexidas teñen que entender que este deporte deixa unha pegada mínima para a natureza”, comentou.
Tamén asistiron ao acto de presentación algúns representantes dos concellos involucrados no percorrido, patrocinadores e colaboradores da proba: Alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo, Alberto Pratas, alcalde de Aranga, Chus Regueiro, concelleira de Promoción Económica, Formación e Emprego e Dinamización do Centro histórico de Betanzos, Dani Mallo, concelleiro de Deportes e Xuventude de Cambre, e Eva Latexe, concelleira de Igualdade, Educación e Cultura de Curtis, ademais de representantes de Gadis, un dos patrocinadores, e Protección Civil, que servirá de apoio loxístico durante a proba que arranca o sábado en Betanzos. Solo faltan cinco días para a saída.