O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Deportes, colabora o sábado na primeira edición do Trofeo Internacional Ferenc Szabó. Esta nova proba presentouse onte pola edil de Deportes, Mónica Martínez, e o organizador, Ferenc Szabó.
O campionato comezará no polideportivo municipal dos Rosales a partir das 08.30 horas deste sábado. Pola mañá disputarase a Copa Promesas, a partir das 9.30 horas. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, será o campionato internacional.
Participarán deportistas de sete cidades diferentes: A Coruña (con dous equipos), Vigo, Ourense, Bilbao, Salamanca, Lisboa e Frankfurt. En total, participarán na proba 32 deportistas, catro por equipo.
Ferenc Szabó é un dos grandes valores do deporte coruñés. Desde a súa chegada á nosa cidade hai 31 anos foi quen de incentivar a centos de rapaces e rapazas para que se aproximasen á práctica da halterofilia. Grazas ao seu labor, na Coruña hai campións de España, de Europa e do mundo.