O Deportivo ABANCA da nova Primera Federación ponse en marcha. Hoxe, luns 25 de xullo, o cadro branco e azul está citado ás 9:00 horas na Cidade Deportiva para recibir a benvida da adestradora Irene Ferreras e ser sometida a unha primeira avaliación física.
Mañá, martes 26, as xogadoras deportivistas pasaranse desde as 8:00 polo centro Quirónsalud de ABANCA-RIAZOR para as pertinentes probas médicas, analítica incluída, a cargo dos Servizos Médicos do Deportivo. Pola tarde, ás 17:30, terá lugar o primeiro adestramento na Cidade Deportiva, a porta pechada.
Desta maneira dará comezo unha nova etapa na curta historia do Deportivo Abanca, esta vez con Irene Ferreras López de Lamela como adestradora do primeiro equipo.
A preparadora madrileña vén de ser segunda adestradora do Real Madrid CF, onde na campaña 2021/22 exerceu como axudante de David Aznar primeiro e de Alberto Toril despois. Con anterioridade, Irene Ferreras acumulou experiencia como máxima responsable técnica nos bancos de Olímpico de Moratalaz (2015-2016), FF La Solana (2016-2017), Rayo Vallecano B (2017-2018), Rayo Vallecano (2018-2019) e Valencia CF (2019-2020).
Outra das grandes novidades no corpo técnico do Deportivo Abanca para a nova temporada será, precisamente, a man dereita de Irene Ferreras. Non é outra que a arteixana Cristina Oreiro, que chega ao Deportivo procedente do Victoria CF, equipo co que destacou nos últimos anos.
Hoxe poderán verse as novas fichaxes do Depor: as porteiras Yohana Gómez (Rayo Vallecano) e Lucía Alba (Racing Féminas), a central Lorena Reina (Oviedo), a lateral Samara Ortiz (Brondby danés), as centrocampistas Letti Sevilla (Levante Las Planas) e Henar Muiña (Racing Féminas), e as atacantes Carlota Suárez (Oviedo), Millene Cabral (Rayo) e Marta Charle (Parquesol).
O seu primeiro encontro preparatorio será o sábado 6 fronte ao Valadares Gaia FC. Con posterioridade medirase ao Eibar (mércores 17), Viaxes Interrías FF (domingo 21), Oviedo (domingo 28) e Athletic B (sábado 3 de setembro). Tamén disputará o Teresa Herrera.