Óscar Gilsanz (Betanzos, 1973) está vivindo a súa gran oportunidade dende que o Deportivo acudira a el para relevar a Imanol Idiakez no banco do primeiro equipo. Despois de triunfar nas categorías inferiores do club, achegando títulos e acompañando nos últimos pasos da formación aos grandes talentos de Abegondo, está conseguindo darlle a súa identidade a un equipo branquiazul que colleu en descenso e o lidera agora pola zona media da clasificación.
Este miniparón de dez días permite parar e ver as cousas con algo de perspectiva?
Sempre hai unha análise do que se vai facendo despois de cada partido. Cada luns cando chegamos aquí falamos do encontro, pasa o adestramento e temos esa perspectiva. Pero é certo que a competición, en calquera categoría, sempre ten un ritmo tan alto que ao final méteste dentro da propia dinámica, van pasando rivais e parece que perdemos a perspectiva do que se fai. Por iso intento sempre poñer o acento, máis no que se consegue en canto a puntos que sabemos que é o máis importante, en construír algo que sexa estable.
A sensación é que nas últimas semanas o equipo conseguiu esta estabilidade, repetindo aliñación... pero segue faltando algo de continuidade nos resultados.
Pero esa dinámica de resultados é bastante estable. Non estable en canto a vitorias, pero é estable. Eu creo que o equipo vai dando pasos a unha maneira de encarar os partidos independentemente de que non saia todo de cara ao principio. O do once, pois creo que é porque buscamos uns comportamentos e o rendemento está sendo bo, pero tamén creo que hai unha clave, o traballo do día a día. Hai 26 xogadores que lle dan un gran nivel aos adestramentos e nos fan ir dando pasos cara adiante. Ese é o obxectivo. Elevar esa marxe cada vez máis. Non nos conformamos onde estamos e queremos ser cada día mellores. Non hai maior ambición que tratar de ser mellor cada día, porque non hai obxectivos que te limiten. Creo que estamos nese camiño para construír en canto a xogo, en canto a grupo e en canto a club.
Repite moito a palabra construír.
Claro. Eu cando falo de construír e estabilidade non falo do posto concreto. Falo da situación do equipo. Os adestradores sempre tratamos de construír un equipo que sexa capaz de defender ben e atacar ben. Que o equipo se vexa forte mentalmente para superar calquera adversidade que teñan os partidos. Cando falo de construír iso é para dar pasos cara adiante, un proceso, e por iso o emprego como símbolo.
É este Dépor un equipo construído para xogar con espazos?
O Deportivo que eu quero construír é un equipo que teña capacidade para xogar con espazos, pero cando non os teñamos, que tamén teña armas para facer dano. O equipo está tendo unha tranquilidade na saída de balón, unha capacidade en algo que ao principio tiñamos dificultades. Iso non che di como atacas, pero si che di que tes esa capacidade para levar o balón a zonas onde vas acelerar o ritmo para poder atacar ben. Temos xogadores de moita velocidade no último terzo que nos permite ser un equipo do que todos falan a nivel transicións. Pero non podemos quedar aí. Temos, sexa cal sexa o rival que se pon diante, que ser capaces de atopar solucións, máis alá de xogar na casa ou fora. O outro día estábamos na casa, pero o partido era de ida e volta porque o Córdoba propoñía un partido no que tiñamos pouca capacidade de construción no inicio, ía a pares todo o campo. Iso obriga a xogar dunha maneira máis apurada, máis acelerada, con máis balóns longos… En cambio en Oviedo, xogando fora, tivemos moitísimo máis control. Non se trata de onde xogas, é máis o rival que se opoña en cada momento e teñamos que dar coa solución. Podemos elixir que equipo queremos ser. Pero nun deporte de oposición, non eliximos que rival imos ter diante. Se quero ir apertar arriba, pero o rival xoga directo…
Está o equipo achegándose ao 100% do que imaxinaba cando chegou?
En catro meses xa o equipo se vai achegando cada vez máis a eses niveles. Saber competir en calquera situación, saber levar a iniciativa cando toca ou defender máis baixo. Tendo estabilidade no rendemento, pero nunca diría cerca do 100%. Como adestradores, temos que encargarnos de elevar ese 100%, porque a capacidade de ser mellores sempre existe.
O que si parece que xestionou ben foi a saída de Lucas...
Unha baixa dun xogador como Lucas sempre se nota. Para nós nótase moito. Como adestrador temos que xestionar esa decisión súa de maneira que a ausencia, moi notoria, tanto a nivel futbolístico como a nivel de vestiario se leve coa normalidade que pode ter dentro do día a día. Superalas como se supera calquera tipo de situación, que non pasa só no fútbol. Tamén na vida. Temos que tratar de adaptarnos ao que nos vai pasando, dependa ou non de nós. O equipo tiña que seguir competindo, había que mirar adiante.
Porque o que non depende de vostede é que o Eldense comezara a sumar puntos a este ritmo...
Igual de que sumara tres si dependeu (risas). Temos que mirar para nós. Falamos sempre do que nós queremos alcanzar. Do que estamos a construír. Entón temos que ir por esa senda. A veces parámonos en datos e máis datos, falamos de puntos… pero todo debe ir máis alá da clasificación. Mirar ao seguinte partido sabendo que os equipos están aí con nós apertando.
Incomoda mirar a clasificación e ver eses seis de distancia co descenso?
Os adestradores nunca estamos cómodos. Cando estás algo cómodo, tes que buscar algo máis para que o equipo estea incómodo. Sempre buscamos, por moito que aparentes publicamente. Nos partidos sempre queres un pouco máis porque diso depende que ninguén quede atrás. Nunca estamos tranquilos coa clasificación ata o último día. Ata que se cumpre o obxectivo.
Cre que este ano serán poucos eses 50 puntos?
Para non facer contas, pos unha barreira que historicamente che da a salvación. Unha barreira de puntos máis que de posición na clasificación. Por iso falamos sempre de mirar a un mesmo. Claro que eses puntos poden variar dunha temporada a outra, pero esa cifra lévate ao partido a partido. Non serve de nada que eu fale de 50 puntos cando teño tres en xogo nuns días. Por iso só penso agora no Castellón. O único que podo facer é preparar ao equipo para Castellón, para ter algo estable, forte. O Mirandés é líder agora. É un equipo ben construído que antes de vir a Riazor, incluso antes de coller eu o equipo, perdeu 4-1 en Oviedo. Pero un equipo ben construído cunhas bases sólidas, vai sobrepoñerse a iso.
E iso que o Mirandés construíuse en media hora...
Pero con construción non me refiro ás fichaxes. Falo de construción do equipo, do que fai no campo. A identidade que teñen máis alá de que estean ou non a bo nivel. Non entran dúbidas.
“O equipo é un pouco diferente sen que pareza que cambiaron moitas cousas”
Son modelos diferentes. O Deportivo tampouco pode ser o Mirandés.
Claro. Nunca hai dous modelos iguais no fútbol. Podemos falar de tipos de equipos e incluso de equipos que levan moito tempo nunha categoría ou noutra. Pero hai que adaptarse á situación que ten cada un.
Como foi para vostede subirse a un tren en marcha?
O primeiro que me atopo no vestiario son persoas. Persoas que por unha serie de circunstancias, neste caso por resultados deportivos, ve como un adestrador deixa de traballar e entra outro. Atopei moita colaboración de persoas que estaban doídas co momento que estaban vivindo, porque tiñan gañas de levantar a situación. E dende aí, xa como futbolistas, foi un proceso de empezar a coñecer despois aos xogadores, sobre todo aos que antes coñecías menos. Vías partidos, adestramentos, pero non é o mesmo. Ver aos que estaban tendo menos minutos, ver o seu rendemento noutros equipos… para ir sacando conclusións pouco a pouco. As primeiras semanas foron de analizar moito.
Tivo algunha dúbida, algún medo á súa chegada a un vestiario cun grupo de xogadores de fútbol profesional?
Atopeime moi ben. Si que é certo que tiven moita colaboración por parte do corpo técnico que xa quedaba e que segue traballando comigo. Pero non tiven ningunha dúbida. Non é que crea que eu teño capacidade de adestrar en Segunda, creo que hai moitos adestradores en categorías rexionais que teñen esa capacidade. Só hai que ter a oportunidade. Moitos coma min, que levamos moitos anos traballando noutras categorías, sexa na base ou outras categorías a nivel galego, traballamos moito para chegar aquí. E cando chega a oportunidade, menos medo tes de todo. Tes ambición, tes confianza. Porque cando chego aos campos de Segunda División son un novato. Pero ao mesmo tempo levo 500 partidos como adestrador senior entre Terceira e Preferente. Así pensas que estás preparado e tes confianza.
E se tivera que verbalizar o cambio máis grande entre eses 500 partidos e o que vive agora?
Eu creo que sobre todo a transcendencia do que pasa ao redor. Tes que medirte moito máis. Hai cambios, loxicamente, pero primeiro o que tes é moita máis información e moita máis xente para traballar. Temos un staff, uns servizos médicos, que son top en España e seguramente a nivel mundial en canto a recursos. Creo que iso facilita moito o traballo. O que máis cambia é a capacidade para xestionar o traballo. Non só executalo, xestionalo.
“Non estou incómodo polo meu contrato, síntome valorado e respaldado polo clube”
E a nivel táctico? Non é o mesmo que veña presionar o Córdoba que o Ávila.
Os futbolistas son evidentemente mellores a nivel físico, a nivel técnico e todo se fai a unha velocidade maior, todo pasa máis rápido. O balón chega dun lado a outro antes porque os xogadores teñen máis precisión e capacidade física. Iso si cambia cousas. Cambia cando facer a presión, á hora de obrigar a un rival a ir fóra para intentar apertalo… a nivel táctico individual cambia menos, porque os erros que provoca o xogo nun futbolista son parecidos. Non seguir unha parede, non tocar a un rival nun central lateral… ese tipo de erros que ocorren no fútbol amateur, aquí tamén os hai. Loxicamente hai cambios porque os futbolistas solucionan máis cousas a nivel individual para ben, pero tamén os rivais che crean máis problemas.
Cal é a evolución que tivo o equipo da que se sente máis orgulloso?
Chega con que diga algo para que o vindeiro luns erremos niso (risas). Son unha persoa e un adestrador que me gusta, sobre todo, facer as cousas con normalidade. Unha cousa que tiña clara era que o bo que había antes de que entrase, todo o bo que fixeran Imanol e Mario (Gibanel), tiña que manterse. Había que poñelo en valor. E despois o matiz que foras dando sempre a partir diso. Creo que iso se foi conseguindo sen cambiar moitas cousas. O equipo é un pouco diferente sen que pareza que cambiaron moitas cousas. Nin en canto a nomes e incluso sen que o vestiario o perciba no día a día.
Que é o que máis lle gustaba do que facía Imanol?
O equipo estaba construído dunha maneira que se estaba traballando ben. Presionaba ben e tiña unha capacidade ofensiva importante. Déronlle esas armas de velocidade e había que conservar toda esa inercia coa que viñan do ano pasado, de crer neles mesmos.
E aí é onde entra Gilsanz e o matiz da solidez, dun equipo máis defensivo. Está de acordo con esa percepción?
Loxicamente, cando un equipo ten unha alta capacidade para facer situacións de gol, unha das cousas que podes axustar é a solidez. Os adestradores queremos atacar e que o rival non che ataque. Porque claro, se atacas con espazos acabas alongando o campo. A velocidade dos teus xogadores ofensivos é maior que a do resto para acompañar, entón hai un retorno máis complicado. Aí é onde os encontros se parten. E nesa ida e volta, pois aí si críamos que o equipo tiña que ter unha estabilidade para non ser tan longos ao atacar.
Está incómodo no ida e volta?
Depende do partido. Non é que esteas incómodo. É que nesa ida e volta controlas menos e aos adestradores gústanos ter as cousas baixo control. Hai días que che gusta o ida e volta e outros nos que non podes ir e logo controlar a volta.
Trátase entón de buscar reducir o azar
É imposible evitalo de todo, reducilo ao mínimo. Pero imos ao lado contrario. Imaxinade que todo é azar, daquela daría igual que adestrase eu ou Guardiola. Se todo fose azar… digamos que os adestradores temos ese anhelo de que o partido saia como nós o plantexamos. Pero aí é onde entra o rival. Por iso sempre digo que hai que ter solucións para todo, porque non sempre es capaz de controlar ao rival. Eu quería que o Córdoba xogase balón directo na nosa presión e fomos capaces de facelo. Pero non fomos capaces de facer que eles non nos presionasen, que é o que buscaban. Neses casos toca balón directo e gañar a segunda xogada.
Que implica aumentar o azar
Cando o rival te emparella de inicio e obriga a xogar coa última tiña, tes varias maneiras de facelo. Podes xogar ás costas da última liña rival para aproveitar velocidade e espazos, ou xogar sobre un futbolista máis de referencia, como o día de Castellón con Barbero. En gañar esa batalla inflúen os xogadores que teñas, os opoñentes, pero tamén que sexas capaz de liberar esa zona. Estamos sendo capaces de facer iso porque temos esa capacidade por dentro de xuntarnos e asociarnos. Tamén depende do que queira defender o rival, os espazos ou ese duelo co dianteiro.
“Os adestradores nunca estamos cómodos cando miramos a clasificación”
Fernando Vázquez dicía que lle viña ben vivir fora de A Coruña para evitar a repercusión no día a día, sente o mesmo?
Eu tomo con toda a normalidade o que me está pasando. Fernando vivía en Santiago, que non é o mesmo que vivir en Betanzos, aínda que como sempre digo, é un privilexio. Que todo teña máis transcendencia, que a xente me coñeza pola rúa… pero diría que o 100% da xente que me atopo cando saio, trátame con moito respecto e noto moitísimo o apoio de practicamente, repito, o 100% da xente. Pero iso sempre depende como vaia o equipo. E despois hai outra cousa. O meu entorno de sempre é deportivista. O que máis me impacta a min é chegar xunta os amigos a tomar o café e que estean comentando o partido. E claro, chega Óscar, pero tamén chega o adestrador do Deportivo… entón xa lle preguntan ao adestrador. Pois creo que é unha parte do bonito que me está tocando vivir, do bo que me está tocando vivir, do privilexio que ten para min ser adestrador do Dépor, neste caso. Eu tómoo con toda a normalidade do mundo. Outro día saíndo do partido, parei alí no estadio a tomar algo e a xente mostrouse con moito respecto. Cando te compartas con normalidade, creo que a xente tamén o acepta.
Incluso cos cambios? Cousa que vén sendo recorrente estes anos con Idiakez, Cano, Borja...
Eu entendo que a xente cando vai a Riazor a ver o partido, non ten por que analizar o rival ou os momentos de partido. A xente vai pasar un bo rato e ver gañar o seu equipo. A nosa realidade ás veces é outra. Igual cres que ten que entrar un xogador, pero non ves a quen cambiar porque cres que os que están no campo o están facendo ben. Os cambios poden mellorar ao equipo ou poden prexudicar. Nós estamos concentrados en gañar o partido. Se vexo que un xogador que está dentro está en disposición de gañar o encontro, ao mellor atraso o cambio aínda que crea que hai outro fóra que pode achegar cousas. Teño que pensar que é o mellor para gañar partidos. Logo podemos entrar na valoración de que se penso que o mellor para gañar é un xogador e ti pensas outros. É algo que entendo que a xente pida porque a xente vai alí a que pase algo a favor do Deportivo.
Unha das causas dos resultados na casa pode ser a falta de ambición?
Rotundamente non. Non hai falta de ambición nin nos futbolistas, nin no adestrador, nin nos cambios. Cando non se gaña, os xogadores están fastidiados e o corpo técnico igual. Pero non sei se o equipo tivo máis ambición en Oviedo que en Córdoba. Repito, se analizas só o partido polo que pasa no céspede, o día do Oviedo deixamos en 42 por cento de posesión a un rival que adoita ter un 52 na casa. O Córdoba ten un 55 por cento e deixámolo en 49. O equipo está tendo personalidade para enfrontarse aos rivais e está tendo ambición porque todos queremos ser mellores e ir aumentando o noso nivel.
“Podes elixir que equipo queres ser, pero non o rival que imos ter diante”
Hai personalidade para repoñerse de malos inicios nos partidos. Canto valor lle da a iso?
Moito. Porque moitas veces plantexas unha cousa e contra nós o rival fai outra. O Oviedo sempre presionaba cun 4-4-2 en rombo e contra nós mete a Hassan sobre o noso central e a Nacho Vidal con toda a banda para presionar a Obrador. Nas primeiras dúas ou tres saídas, obviamente tivemos as nosas dificultades. Cando o identificamos dende fora, que somos os que estamos máis tranquilos porque estamos alí e non temos balón, logo trasládasllo ao equipo porque a solución non está en xogar alí en corto a Obrador, senón que quede máis baixo para alargar o recorrido de Nacho Vidal e que Yeremay quede pegado á banda para que non poida saltar. Damos esa solución e o equipo adáptase. É un traballo colectivo no que hai xente arriba, na grada, como xa había cando estábamos no Fabril. Hai comunicación continua con David Lagar, o meu axudante.
O seu contrato segue sen ir máis alá desta tempada, houbo algún contacto para empezar a falar da renovación?
Estou nunha situación na que me sinto moi cómodo, moi valorado e moi respaldado polo club. E digo o mesmo que dixen hai un mes, neste caso o menos importante para min é o contrato ou unha opción de renovación. É ver esta confianza que se me está dando. Trataremos de pechar os próximos partidos e que esta evolución do equipo se vexa refrendada no día a día, semana a semana.
Pero rematando o 30 de xuño... Séntese cómodo?
Non estou incómodo porque tamén sentes que estás facendo un bo traballo que pode merecer esa renovación. Entón como sinto que estou facendo un bo traballo, creo que as cousas sempre teñen que ter os seus tempos.
► NOMES PROPIOS“Barcia ten unha cualidade difícil de ver; compite ben” |
Gilsanz non elude falar dalgúns nomes propios que están de actualidade no Deportivo, como a consolidación dun Dani Barcia ao que coñece dende hai moito tempo e a evolución de David Mella nun curso moi esixente.
|