Quizais un dos xogadores galegos de maior talento das últimas décadas, marcou estilo no Pontevedra, en tres etapas diferentes, e no filial do RC Deportivo.
A súa zurda privilexiada púxose ao servicio dun equipazo onde coincidiu con productos branquiazuis da talla de Dani Mallo, Aira, Viqueira, David, Deus ou Maikel e co que estivo a piques de ascender a Segunda División.
Orgulloso de que algúns xornalistas e seareiros do Depor o lembren como o ‘Djalminha galego’, prevé este serán un envite intenso en Riazor, un derbi no que ten un favorito: o RC Deportivo.
Segues vencellado ao mundo do fútbol?
Si, estou xogando co Catoira en Segunda Autonómica.
O teu fillo Hugo está a seguir os teus pasos no Fabril...
Efectivamente, ten un estilo similar ao meu, é mediapunta ou interior izquierdo.
Hoxe mídense en Riazor os dos equipos da túa vida deportiva, o Pontevedra e o Deportivo...
A verdade é que foron os dous equipos onde mellor me atopei na miña carreira, xunto co Racing de Ferrol. Téñolle moito aprecio aos dous, oxalá se vexa un grande partido en Riazor e que gañe o mellor.
O Depor é favorito por xogar na casa; esperemos que este ano acade o ascenso
Cales son as túas mellores lembranzas do clube coruñés?
Sobre todo cando puidemos xogar a fase de ascenso, aínda que non fomos capaces de subir. Tiñamos un equipo moi bo e o malo era que no primeiro plantel había excelentes xogadores como Mauro Silva ou Rivaldo, que facía complicado subir ao primeiro equipo. Foi unha época moi bonita da miña carreira.
Tal vez foi a mellor quinta do filial branquiazul?
Eu penso que a maioría do noso Fabril estaría xogando agora mesmo no primeiro equipo do Deportivo. Xente como Dani Mallo, Aira, Deus, Maikel, Viqueira, Pinillos... Tiñamos moita calidade.
E nestres intres pensas que poderías ser titular e referente ofensivo neste Depor?
Si, bueno, por desgracia o Deportivo está onde está nestes momentos; tiven a sorte de compartir vestiario con Flavio, Rivaldo, Fran, Donato, Paco, Djalminha... xente número un e a verdade é que sempre estiven orgulloso de poder ter estado aí con eles.
Chegaron a apodarte “o Djalminha galego”?
Para min é un orgullo que me chamaran así, foi un dos mellores xogadores que vin na miña vida e co que cheguei a compartir equipo.
Cres que co teu talento puideches chegar aínda máis lonxe no fútbol profesional?
Pode ser pero desde logo cando eres novo non pensas como agora; antes era moito máís complexo chegar ao primeiro equipo. A veces é o que pasa, ter a sorte de que o adestrador aposte por ti, había fichaxes carísimos e tal vez o representante que teña cada xogador tamén pode influir para chegar un pouco máis lonxe tamén.
A maioría do noso Fabril estaría xogando agora mesmo no primeiro equipo
Que subliñarías dos teus anos do Pontevedra?
Pois acadamos o ascenso a Segunda, con Charles, Igor, xente moi experimentada. Tivemos moi bos anos.
Hoxe preséntase un derbi moi atractivo en Riazor...
Si, espero que os dous estean arriba, xunto co Ferrol; debería ser favorito o Deportivo por xogar na casa.
Haberá ambiente de clásico...
O Pontevedra ten unha grande afección e viaxarán e que vamos decir da do Deportivo, que posúe moitos máis socios que moitos equipos de Primeira División.
Cres que vai gañar o Deportivo?
Sinceiramente non o sei, ten sempre esa presión de que ten que estar arriba e ascender; iso ás veces complica a vida aos xogadores.
Pensas que este ano irá a terceira e a vencida para o ascenso dos coruñeses?
O ano pasado estiven no playoff e parecía que estaba todo encauzado pero pesoulle a presión. Esperemos que este ano vaia ben pola afección.
Máis de 22.000 abonados
Sen a xente que ten sería moi difícil estar aí.