Yankees come to Riazor
lll
17º-23º

Yankees come to Riazor

Yankees come to Riazor

Usuario

Se es norteamericano, non hai maneira de fuxir do teu país. Ficas advertido, míster Richard Gere. Alí onde vaias chegarán as ondas do Tío Sam: a globalización era iso. Lisquei dos EUA na procura do meu lugar no mundo, dei coa Coruña -un deses milagres-, aluguei uns metros cadrados para morar en Manuel Murguía, batín cun estadio de ‘soccer’ na contorna, e paseniñamente funme mimetizando co ambiente, sentíndonme parte da tribo branquiazul. Non ingresei nos ‘blues’ porque unha vez que deixas atrás os 70 anos —agora xa transito na década seguinte—, un ten moi desenvolvido o sentido do ridículo e tampouco é cousa de dar chimpos por aí Alén do facto de que hai cousas da rapazada que non partillo. Son un deportivista que non aplaude coas orellas cando o Celta perde un partido en Primeira, por exemplo, descúlpenme a “unpopular opinion”. Mais un dos privilexios de ter a miña idade é que xa apenas pensas na repercusión do que dis.


Trasterrado na Coruña, hoxe fun atinxido por un proxectil lanzado polo meu país. Esta mañá, almorzando, apañei este xornal e lin un artigo asinado polo seu director, ese grande Cudeiro que é responsábel de que un estadunidense octoxenario deite aquí as súas impresións futbolísticas. O tal artigo non era calquera cousa, era o que no meu país chamamos scoop, ou sexa, unha primicia. Unha noticia!! O tixolo sobre o que se constrúe o xornalismo son as noticias, non os embustes, non as medias verdades. Son as noticias. Aquilo que se pode contrastar, aquilo que se pode verificar. E tamén aquilo que ao non ser normal, se converte niso, en noticia.


E a noticia era a revelación da identidade do parceiro privado co que seica ten negociado o Goberno Local para financiar o proxecto de acoller unha sede do Mundial 2030. E, si, amigos, non é un parceiro galego, nin español, nin europeo. É norteamericano, de Denver, Colorado. Imposíbel non pensar no “americanos, os recibimos con alegría!” de Berlanga. Ben, non serei eu quen diga que os norteamericanos nunca traemos alegría, mais o que si teño claro é que os meus compatriotas endexamais dan duros a catro pesetas, como dicíades vós por aquí antes da chegada do euro.


Se poñen 30 millóns de euros canto aspiran a gañar en troca? Unha pregunta que precisa resposta, sobre todo tendo en conta que o negocio se fará mediante a explotación dese estadio que fica tan perto da miña morada Ese Riazor que non é propiedade privada, senón de todas e de todos os que viimos e pagamos impostos na Coruña.

Yankees come to Riazor

Te puede interesar