XOGAR A BORDILLOS | A Coruña 2030. Galicia 2030
lll
17º-23º

XOGAR A BORDILLOS | A Coruña 2030. Galicia 2030

XOGAR A BORDILLOS | A Coruña 2030. Galicia 2030

Usuario

A Coruña vai ser unha das sedes do Mundial 2030. Unha gran noticia. Non hai mellor noticia para unha persoa afeccionada ao fútbol, o Mundial na túa cidade.


Eu vivín con menos de dezaseis anos o Mundial de 1982. Xogaron na Coruña Camerún, Polonia e Perú. Non foron os mellores partidos da miña vida. Pero vin tres partidos dun Mundial. E cóntoo con orgullo. E podo dicir que vin xogar a Boniek, Smolarek, Lato, Cubillas, Uribe, Oblitas, Milla, N´Kono... Vivín eses partidos con moita emoción. Coma debe vivirse os partidos dun Mundial. Pensaba, supoño que cheo de razón, que nunca ía volver vivir algo así. Alédome de terme equivocado, coma cando pensei que os Stones ían deixar de xirar despois dos anos 90 (si, son un señor maior nivel chamarlle os Stones aos Rolling)


Lembro a uns seareiros de Perú que había en Riazor. Eran poucos, os desprazamentos daquela eran moi complicados e caros. Despois do Camerún-Polonia que rematou cun empate a cero e un partido moi bo de Camerún, a selección de Perú estaba nun bus na Avenida da Habana, marchaban a súa concentración despois de ver xogar aos seus rivais. Un señor, máis ou menos da miña idade agora (sí, daquela parecíame un vello) viu a Teofilo Cubillas quitouse o sombreiro, agachou a cabeza e saudouno con moito respecto e díxolle “Mis respetos, señor Cubillas” e díxome a min: “Hijo, salude a Cubillas”. Eu saudeino. Que ía facer? Sabía que era un futbolista moi coñecido e o señor empeñouse. Naqueles tempos non era habitual ver partidos de fútbol de seleccións que non fosen España. Seguíanse os Mundiais e as Eurocopas e pouco máis. Hoxe, aos meus anos, saudaríao con maior ilusión a Cubillas, é historia do fútbol. Un Mundial, tamén, no que Mario Vargas Llosa escribiu unhas marabillosas crónicas, algunhas dende Riazor. Contan que neses días perdeu na cidade un maletín con manuscritos e que ao final devolvéronllos. Menos mal. Bonita historia.


Pouco podía imaxinar que 48 anos despois poderei vivir outro Mundial en Riazor. E vouno vivir con maior ilusión. Non hai moitas cidades do mundo que poidan dicir que viviron dous mundiais.


Lembremos que o primeiro Mundial retransmitido por televisión foi o de Inglaterra en 1966. Dende ese momento comezaron a ser eventos cunha relevancia única. Hoxe en día un Mundial é un auténtico acontecemento global que chega a todos os lugares do mundo. É, despois dos Xogos Olímpicos, o acontecemento máis visto nas televisións en todo o mundo. Si, o fútbol non deixa de medrar, e vaino seguir facendo.


Hoxe en día ser sede dun Mundial é moi diferente a 1982, unha repercusión mundial única, centos de millóns de espectadores en televisión, milleiros de seareiros de cada selección na cidade, durante varios días, semanas. A Coruña vai ser parte da vida de moitísimas persoas de todo o mundo. A Coruña regalará felicidade. Nada novo, pero é bonito.


É unha gran oportunidade tamén económica, claro que importa nestes tempos. Riazor precisa unha nova remodelación, a última  é de 2018, imprescindible para substituir as cubertas do estadio. Son necesarias moitas máis: as cubertas exteriores, favorecer as saídas do estadio, mellorar e maior número de baños, e ampliación do aforo, hai milleiros de persoas en lista de espera para ser abonadas. Riazor pode ser, ademais, un lugar para realizar diferentes eventos, musicais ou de diferentes espectáculos. Un maior aforo  debe favorecer o abaratamento dos abonos e entradas para ver ao Deportivo. Aproveitemos a oportunidade que é un Mundial. Ao contar, ademais, con investimentos privados que van facer que o custe para as administracións públicas sexa menor.


Debe aproveitarse para conseguir melloras nas infraestruturas da Coruña. Cada vez semella máis imprescindible a creación dun metro lixeiro na cidade e outras melloras en transporte público e noutros ámbitos. Esas inversións deben utilizarse para que se vexan beneficiada todos os coruñeses e coruñesas.


Un Mundial de Fútbol é unha gran oportunidade. Moitos beneficios, económicos, sociais, de coñecemento da cidade, de marca A Coruña e marca Galicia, postos de traballo... Pero, sobre todo, unha festa do fútbol. E na Coruña gústanos moito as festas. E eu estarei, coas miñas fillas, con amigos de todo o mundo, con mais ilusión, aínda, que en 1982.

XOGAR A BORDILLOS | A Coruña 2030. Galicia 2030

Te puede interesar