Sempre se di que A Coruña é unha cidade de tradición liberal, e o caso de Irene González Basanta (1909-1928) así o confirma. A súa historia, a dunha nena que foi pioneira na súa época por xogar ao fútbol e incluso se converteu na capitá do seu propio equipo, é pouco coñecida, pero cada vez o é máis polo traballo que realizaron Óscar Losada no guión e Xulia Pisón como ilustradora. Ambos son os autores do cómic ‘Irene, a porteira’.
Topáronse en momentos moi distintos coa historia, pero aos dous lles provocou o mesmo sentimento de sorpresa e admiración. Positiva e negativa. Por unha banda ven un contido cheo de posibilidades; por outra, en verbas de Óscar Losada, entenden que “perdemos oportunidades de contar cousas únicas no mundo que en Hollywood non desaproveitarían”.
“Atopeime con esta historia no libro de Eladio Muiños de ‘82 anos de historia do Deportivo’. Fixemos un pequeno documental sobre o tema e cando llo presentamos a arredor de 600 alumnos en diversas escolas ninguén coñecía a historia”, conta Losada.
“Coñecía a Óscar de traballar con él para a súa revista de fútbol ‘O Dez’, fíxenlle algunha ilustración e un día propúxomo, contoume a historia e alucinei porque nunca oíra falar dela e pareceume incríble que, tratándose dun caso único no mundo, nunca chegara aos meus oídos”, explica Xulia.
Sobre a historia en sí, a ilustradora coruñesa reflexiona que “aquí en Galicia considerámosnos sempre os últimos en todo, pero na Coruña non só se lle permitiu xogar, senón que ademáis era moi querida na cidade. Había unha canción na súa honra que se cantaba en carnavais”.
Esta opinión é compartida por Óscar Losada, que afonda na comparación de Irene cun caso similar que sucedeu pouco despois en Andalucía, con distinta aceptación por parte da xente.
“Había unha muller que se tiña que facer pasar por home para xogar, chamábase Nita e era de Málaga. Por tanto, é unha evidencia o maior grao de liberdade que había. Aquí era o Irene C.F., deixábase ver, ía un montón de xente a ver os partidos...”, reflexiona o guionista da obra.
“Si que a nais de amigas da miña nai lles teñen comentado que se vía como: ‘é que unha nena xogando con nenos…’ ou é certo que ao pai de Irene non lle gustaba, como mostramos no libro. Eran cousas normais da época, pero ao ser un caso único no mundo é unha mostra do liberalismo da Coruña, dun ‘¿por qué non vai poder xogar?’ Noutros lugares tiñan que disfrazarse”, afirma.
Todo aquel que lea a obra encontrarase con “pequenas licenzas”, pero unha versión “moi ceñida á realidade”, conta Óscar. “Non é axustado ao 100%, pero sí bastante. Cada viñeta que fixo Xulia está baseada nunha foto dun partido desa época”, exemplifica o autor, que destaca a evolución do fútbol feminino nos últimos anos. Un edificio ao que lle puxo a primera pedra Irene.